“Mulleres da Galicia máxica” protagonizará o calendario 2023 editado polo Concello

0

Estamos a mes e medio de que finalice o ano e o Concello de San Sadurniño vai meter en imprenta o calendario co que vén agasallando a veciñanza desde 2020. Se o deseño deste 2022 nos propuxo un percorrido polo patrimonio do territorio, o do ano que vén estará protagonizado polas “Mulleres da Galicia máxica”, a exposición fotográfica itinerante que pode visitarse até o domingo no local social de Lamas e que despois se trasladará a Naraío, onde estará do 1 ao 10 de decembro, o último día cun obradoiro paralelo. Os departamentos de Cultura e Igualdade, promotores da mostra, elixiron 13 das imaxes para ilustrar con elas o almanaque municipal do que se fará unha tirada de 600 exemplares para a súa distribución gratuíta.

Tal e como comenta a concelleira de Cultura, Amparo Calvo,  o obxectivo da exposición fotográfica é “poñer en valor a figura das mulleres que vivimos do rural e que temos orgullo de ser da aldea”, mentres que a titular de Igualdade, Araceli Bellas (autora ademais das imaxes) engade que a colección de 17 instantáneas nas que aparecen cerca de 130 veciñas de todas as idades e de todas as parroquias “é tamén un traballo de autoafirmación. Nós somos as protagonistas mostrándonos como somos, traballadoras, libres, creativas… e ollando directamente á cámara para que esa mirada de irmandade e de empoderamento lle chegue a outras mulleres e a calquera persoa que vexa as fotos”.

Foi precisamente ese desexo de chegar e conectar con quen observa o que levou a ambos departamentos a tomar a decisión de que “Mulleres da Galicia máxica” se reconvertese no almanaque municipal de 2023. “A idea non é nova. Cando empezamos a preparar o calendario de 2021 barallamos varias posibilidades, entre elas a dunha publicación en feminino. En 2022 volvemos sopesalo e, debido aos tempos tan axustados, optamos polo tema do patrimonio. A exposición fotográfica que fixemos este ano con motivo do Día da Muller Rural permitiunos madurar a idea e contar con material gráfico para levala a cabo”, explica Amparo Calvo.

Para “Mulleres da Galicia máxica” tiráronse centos de instantáneas, unhas posando en grupo e outras “roubadas” mentres se preparaba algunha toma. De todas elas, Calvo e Bellas escolmaron as 17 que compoñen a exposición e, posteriormente, volveron revisar tanto as escollidas como os descartes iniciais para elixir as 13 fotos que irán no calendario. “Hai imaxes que están na exposición e no calendario e hai imaxes que están na exposición e non no calendario, e ao revés. Son obras distintas pero complementarias”, comenta Araceli Bellas.

Unha vez seleccionadas as imaxes finais, o proxecto volveu de novo ás súa protagonistas, xa que os pés de foto que acompañarán cada páxina tamén saíron dunha treboada de ideas que se lles propuxo a un grupo de participantes nos obradoiros de memoria activa e de ximnasia de mantemento, a maioría delas retratadas para a exposición. “Xuntámonos con varias mulleres e fomos mostrándolles as fotos. A medida que ían pasando na pantalla pediámoslles que nos dixesen a primeira palabra que lles suxería cada imaxe. Fomos anotándoas todas e despois buscamos as definicións que aparecen no dicionario. Foi sorprendente descubrir a coincidencia deses significados con esa mensaxe de orgullo e empoderamento que nós quixemos reflectir tanto na exposición como agora no calendario”.

O Concello agarda que o almanaque 2023 estea dispoñible de balde a primeiros ou mediados de decembro nas oficinas municipais, na Casa da Cultura e nos establecementos de San Sadurniño.

“Mulleres da Galicia máxica”, ata o domingo en Lamas e despois en Naraío
Mentres tanto, a exposición que deu orixe ao calendario seguirá viaxando polos locais sociais do territorio. En Lamas estará ata este domingo. Un día antes desenvolverase o obradoiro de envoltorio de agasallos ofrecido por Isabel Martínez para un grupo de 10 persoas inscritas.

Despois trasladarase ao local social de Naraío, onde permanecerá entre o 1 e o 10 de decembro. O último día de 17:00 a 18:30h desenvolverase un obradoiro ben entretido de fabricación de farois con vimbios, candeas e papel de seda de cores. Ofértanse 20 prazas para público familiar -especialmente recomendable para rapazada ata 14 anos- e hai que anotarse no 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.