Muller e literatura danse a man nas actividades para a rapazada co gallo das Letras Galegas

0

Segundo día de actividades con motivo das Letras Galegas en San Sadurniño. Hoxe tocoulle ao alumnado de Educación Primaria do CPI participar nunha proposta ben novidosa que xunta a un tempo a literatura galega e o coñecemento das mulleres que, dentro dela, tiveron un papel fundamental, quer como protagonistas das historias contadas, quer como escritoras. Concepción Arenal, Rosalía Castro, María Victoria Moreno, Isabel Zendal -parte da expedición Balmis que levou a vacina da varíola polo mundo a comezos do século XIX-, son só algúns dos nomes que se tocan en “Mulleres que contan”, un proxecto socioeducativo que combina o microteatro cun pequeno obradoiro de descubrimento guiado para a rapazada.

A actividade é moi sinxela. Aos nenos e nenas dánselles varias fichas para que traballen en grupo sobre a figura de varias mulleres destacadas da nosa historia -especialmente a literaria- e despois esas mulleres van saíndo a escena representando un pequeno anaco da súa vida. Non din o seu nome nin tampouco a que se dedican, senón que unicamente dán como pista aquilo do que falan ou, como moito, algún trazo característico -a roupa, un chapeu determinado, algún xesto  delas, etc.- que axude a identificalas.

Chío Couto, Akira Valero e Tati García, de Anacos Proxectos Socioeducativos, son as encargadas de levar adiante esta iniciativa que, tal e como apunta Couto, pretende “visibilizar a historia de mulleres que non foron recoñecidas na súa época e poñelas en valor a través do xogo”.

Da xuntanza de teatro e xogo de aprendizaxe sae unha proposta que capta a atención dos nenos e nenas de principio a fin. No obradoiro “xogan a adiviñar quen cren que é cada muller” e, deste xeito, conséguese “quelles vaian quedando os seus nomes e os motivos polos que son importantes”.

Unha delas foi a protagonista das Letras Galegas deste ano, María Victoria Moreno Márquez, “a cuarta muller homenaxeada nun listado de cincuenta e pico homes”, comenta Couto.

Música este xoves e mailo sábado
A programación das Letras Galegas en San Sadurniño complétase co acto central previsto para este xoves ás 18.30h. na Casa da Cultura. No escenario actuará o alumnado do profesor de música Ilia Keilin, seguido dos gaiteiros da escola municipal, que botarán catro pezas. O acto rematará co pase do documental “María Victoria Moreno Márquez – Letras Galegas 2018”, producido pola Asociación Cultural Millo. Os directores do audiovisual asistirán ao evento e manterán un pequeno coloquio con quen queira saber máis sobre a escritora.

O sábado a partir das 18.00h. o local social de Naraío acollerá o II Encontro infantil de cantares tradicionais, coa participación como anfitrión do grupo local de pandeireta “Rapazada do Saíme”, na compaña dos nenos e nenas do Padroado da Cultura do Concello de Narón e da agrupación de Cerdido “Airiños dos Carrís”. Entrada libre.

Share.