Montse Fajardo, escritora: “o maltrato sicolóxico é moi difícil de detectar, incluso para as vítimas”

0

A escritora e xornalista pontevedresa Montse Fajardo estivo este xoves en San Sadurniño convidada pola área municipal de Igualdade para presentar as súas dúas últimas obras, “Un cesto de mazás” e “Invisibles”. Da primeira, centrada na represión e o silenciamento das mulleres trala guerra civil, faloulle á rapazada do CPI nun encontro que tivo lugar na Casa da Cultura, mentres que o segundo libro, onde se contan sete historias reais de maltrato, ocupou un animado debate na Casa da Xuventude. “Invisibles”, escrito en tan só 8 meses, reflicte experiencias desgarradoras de vítimas de violencia machista poñendo o acento tanto nas mulleres que a sofren como no seu entorno inmediato. O título xoga co significado dobre de poñer de manifesto a necesidade de pasar desapercibidas que sentiron algunhas mulleres tras sufriren  unha experiencia de por si traumática, pero tamén aborda a invisibilidade social dos maltratadores.

O libro mostra  sete historias reais de persoas que sufriron a violencia machista, cinco delas contadas polas súas propias protagonistas e dúas contadas “pola xente que quedou aquí despois de seren asasinadas”. Tal e como comentaba Fajardo antes da presentación da obra,  “en Invisibles tentamos darlles voz e falar dos distintos tipos de maltrato: o máis evidente, a malleira, o asasinato; pero tamén o maltrato sicolóxico que é moi difícil de detectar, mesmo para as vítimas”.

Dentro das vítimas, Montse Fajardo conta tamén as nenas e nenos, “criaturas que viviron a violencia”, casos estremecedores como o do neno Pablo Deus, asasinado hai oito anos polo seu pai en Paderne como vinganza contra a nai, ou o dunha nena xa adulta que rememorou a violencia vivida por ela no tempo en que lle tocaba estar co seu proxenitor, despois de que a nai se separase del fuxindo do maltrato.

E é que, tal e como asegura a escritora, despois “do inferno” que supón convivir cun maltratador, adoita iniciarse un segundo inferno que comeza trala denuncia, motivado en parte por unha sociedade e unhas institucións “que poñen o foco sobre as mulleres” e, en menor medida, sobre os homes maltratadores. “Hai policías a custodiando mulleres, ás súas fillas e fillos maltratados… moitas veces non é cuestión de recursos nin de cartos, senón de cambiar a ollada. Por que non se pon un policía a custodiar ao maltratador?”.

O acto estivo presentado pola Concelleira de Igualdade, Ana B. Breixo

O acto estivo presentado pola Concelleira de Igualdade, Ana B. Breixo

Entre as conclusións que tirou a xornalista do proceso de creación da obra está a de que non existe “un carácter que nos predispoña ao maltrato” e tamén o feito de que os maltratadores pasan desapercibidos na sociedade: “están entre nós, maltratador pode ser calquera, quen che vende o pan, quen conduce o autobús…” Segundo Fajardo, o maltrato “é un problema social” que debe abordarse desde outra perspectiva. “Dicímoslles ás mulleres que teñen que denunciar, que teñen que afastarse, pero non lles damos ferramentas para facelo”. A autora cita datos da Fiscalía onde queda patente que “só 1 de cada 1.000 denuncias é falsa” e que “o 80% das mulleres maltratadas non denuncian”.

Neste sentido, Fajardo fala tamén do papel que debe representar o entorno inmediato da vítima cando é coñecedor da situación pola que está pasando. “Facendo este libro deime conta de que para o entorno da vítima é complicado xestionar a situación. Ás veces por amizade criticamos a situación, presionamos á muller maltratada e acabamos converténdonos nun problema máis. A clave é acompañar na decisión que a propia vítima adopte. Denunciar é un camiño complicado e deben respectarse os tempos, acompañar ao longo do proceso, estar aí para o que necesite”.

Share.