“Móllate polos ríos” limpará o domingo un tramo do Xubia

0

O contido informativo da nosa web durante esta semana estará ocupado maiormente por previsións informativas para os próximos días, ben sexan prazos que rematan ou eventos. O venres finalizan as preinscricións nas escolas culturais, durante todo o sábado temos torneo de volei no pavillón e o domingo haberá mercado local animado pola Batuko Tabanka de Burela. Porén, ese mesmo día -último domingo de setembro- ADEGA impulsa en toda Galicia a campaña de limpeza simultánea de ríos, encadrada no proxecto de recuperación ambiental de cauces “Móllate polos ríos”. San Sadurniño volve sumarse á proposta repasando un tramo do Xubia. O punto de encontro estará no mercado, desde onde se sairá ás 10.00h. Para participar é necesaria inscrición previa chamando ao Concello -981 490 027- ou pasando polo rexistro municipal. Só fai falla levar botas de auga e roupa impermeable por se chove, o resto do material necesario e a loxística de apoio é cousa do Concello. 

O río é un ecosistema complexo que cómpre manter nas mellores condicións posibles para un bo desenvolvemento da flora e da fauna. No outono prodúcese un parón biolóxico e por iso é a mellor época para facer tarefas de limpeza e mantemento tanto nas ribeiras como dentro da auga. O Proxecto Ríos impulsado pola Asociación ecoloxista ADEGA pretende precisamente iso, facer labores de conservación en varios cauces e, ao tempo, concienciar sobre o ciclo da auga e o ambiente.

Esta iniciativa arrancou en 2008 e desde aquela desenvólvese sempre no domingo da última fin de semana de setembro -neste caso o 30 de setembro- e de maneira simultánea en distintos puntos do territorio galego. Na presente edición colaboran 18 concellos e hai confirmada a participación de 64 entidades, entre áreas municipais, asociacións veciñais e outros colectivos.

San Sadurniño é un dos habituais na cita desde os seus comezos. O ano pasado xa se limpou un tramo do Xubia e nesta edición vólvese repasar un novo anaco deste cauce ao longo do paseo fluvial. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- comezará ás 10.00h. saíndo do posto que haberá instalado no mercado local e estímase que durará desde pouco despois desa hora até aproximadamente as 12 ou 12.30h., momento no que se regresará ao punto de partida para repoñer forzas cuns petiscos… e momento tamén no que se prevé que comece a actuación de Batuko Tabanka nos xardíns municipais.

Aconséllase levar roupa cómoda -impermeable se chove-, botas e luvas. Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial. Na web do proxecto podemos atopar moitos consellos de utilidade: dividir a limpeza por zonas e en grupos, separar por tipos o lixo recollido e, sobre todo, atender á seguridade.

Trátase dunha proposta moi recomendable para vivir en familia e, ademais dunha xornada de limpeza, a convocatoria tamén será unha boa ocasión para percorrer un dos espazos máis fermosos de San Sadurniño. De feito, a intención da área municipal de Medio Ambiente é peitear a ribeira dos sendeiros polos que diariamente pasan ducias de persoas.

Para participar nesta XI Limpeza simultánea “Móllate polos ríos” é necesario apuntarse antes chamando ao 981 490 027 ou pasando polas oficinas municipais.

En 2017 ADEGA logrou xuntar na iniciativa a 936 persoas voluntarias que limparon 52 tramos de río repartidos por toda Galicia. Nunha soa mañá retiráronse deles cerca de 10.900 quilos de refugallos de todo tipo. A organización ambiental contará este ano coa colaboración de 18 de concellos e a participación confirmada de 64 colectivos sociais, xunto coa implicación da Xunta -a través de Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio- e do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Share.