Mocidade

RAPAZADA-INSTITUTO2Arredor do 18% da poboación de San Sadurniño ten entre 15 en 35 anos. Durante os últimos anos boa parte da programación municipal de actividades ocupouse de afianzar a oferta para a infancia e as persoas maiores desas idades, sobre todo para as de 50 anos en diante. Por esta razón o Concello busca sentar as bases do que será un programa municipal estable para a mocidade e, nese sentido, o borrador elaborado polas distintas áreas recolle propostas que abranguen o lecer activo, a formación, o emprendemento e o impulso de agrupacións xuvenís para a posta en marcha de proxectos.

De cara á dinamización das actuacións entre a xente nova é tamén importante autoorganización xuvenil no impulso de programas para os que incluso hai finanzamento autonómico e municipal, aínda que neste último caso sempre que a xente moza estea constituída nunha entidade cultural ou deportiva. A Dirección Xeral de Xuventude convoca todos os anos a “Iniciativa Xove”, a través da que se poden obter ata 4.000 euros para que grupos informais de xente nova leven a cabo as súas propias actividades no eido do emprendemento, da creatividade, da educación non formal, as TIC ou o lecer alternativo.

carnexoveCarné Xove
O Carné Xove é unha tarxeta persoal para a mocidade de entre 12 e 30 anos que serve principalmente para obter descontos tanto en servizos e actividades das administracións públicas como de empresas e comercios en practicamente toda Europa. A tarxeta leva aparellado un seguro que cobre a asistencia ante a maior parte das continxencias que se poden producir durante unha viaxe, como pode ser un accidente, o roubo da equipaxe, o retraso nos medios de transporte ou a responsabilidade civil por danos que se causen de forma involuntaria.

Para obter este carné abonda con pasar pola Oficina de Desenvolvemento local situada no primeiro andar do Concello, onde lle axudarán ás persoas interesadas a cubrir toda a documentación. Son só dous papeis: un de solicitude e outro de autoliquidación da taxa de 6 euros que cobra a Xunta de Galicia pola expedición. Ademais, todos aqueles establecementos comercials de San Sadurniño que estean interesados en formar parte da rede para aplicarlles descontos aos mozos e mozas, tamén poden informarse na Oficina de Desenvolvemento territorial.

Estar en posesión do Carné Xove ten vantaxes á hora de solicitar certos servizos municipais. En San Sadurniño hai bonificacións dun 50 por cento no prezo da subministración da auga, no do saneamento, no das licenzas de autotaxi, no da limpeza de fincas e, seguramente o que máis lle interese á mocidade, nas licenzas de apertura dun establecemento, nos servizos asociados aos casamentos civís nas dependencias municipais, na tramitación de expedientes urbanísticos e no uso tanto de instalacións como de servizos culturais e deportivos. Cómpre ter en conta que estas reducións non se aplicarán de oficio, senón que en todos os casos haberá que pedir a bonificación no intre en que se solicite o servizo do que se trate e acreditando sempre a vixencia do Carné Xove.

Proxecto europeo ECMYNN
San Sadurniño tamén foi un dos socios participantes no proxecto europeo de mellora das competencias para o coñecemento das necesidades da mocidade que nin estuda nin traballa (Enhancing Competences to Meet Young’s NEETs Needs – ECMYNN). Trátase dun proxecto que se desenvolverá no periodo 2015-2017 que persegue incrementar as habilidades das persoas que traballan ou que teñen relación cos mozos e mozas que teñen carencias formativas. Por outra banda, o programa tamén pretende crear, promover e desenvolver un novo xeito de acompañamento, titorización e apoio persoal para previr e minimizar os casos de xente nova que nin estuda nin traballa. Canda San Sadurniño integráronse no ECMYNN organizacións de Italia, Romanía, Polonia e Grecia.

Equipamentos para a mocidade: Casa da Xuventude
A rapazada ten acceso a todos os equipamentos municipais, aínda que os que máis empregan habitualmente son a biblioteca, a sala de informática da Aula CeMIT, o ximnasio, o campo de fútbol, o pavillón polideportivo e as canchas que hai tanto no colexio como nas parroquias.

IMG_6391Porén, o Concello acondicionou parte da antiga casa consistorial nun recinto específico para a mocidade cun local de ensaio, sala de usos múltiples e sala de formación.

O obxectivo da Casa da Mocidade, reformada con apoio da Deputación da Coruña, é o de ofrecerlles aos rapaces e rapazas un centro de referenza para xuntárense e encher o seu lecer de forma activa.