Miligachas que enchen a pantalla

0

Ás babosas do xénero Arion -as negras e grandes- por aquí chamámoslles miligachas toda a vida. O Dicionario da RAG aconsella non usar ese termo, senón “limachas”. Sen que sirva de precedente, desta vez non lle imos facer caso e imos falar de miligachas. Hai uns días publicamos en facebook e instagram a foto dun exemplar tomada preto da Fraga, en Ferreira. Pero non moi lonxe de alí, na área recreativa do pozo de Lamas, en Igrexafeita, a directora Xiana Gómez-Díaz xa fixera o mesmo hai varios meses. Exactamente o mesmo non, porque ela gravou dous destes animais cunha lente macro e coas imaxes compuxo unha peza para o Chanfaina Lab. O título da súa curta é “Sotobosque 1” e recomendamos vela -se teñen posibilidade- nunha pantalla plana desas das novas. Caeremos na conta de que a grandeza da natureza reside tamén nas cousas pequenas.

A ficha da curta en Fálame de San Sadurniño arranca comentándonos que a cineasta luguesa Xiana Gómez-Díaz é doutora en Comunicación Audiovisual e Publicidade (UAB, 2012), cunha especialización en xénero, música e representación audiovisual.  Porén, tamén conta xa unha prolífica traxectoria como realizadora e artista visual emerxente, fresca, estimulante e dificilmente clasificable.

Foi co-fundadora da produtora audiovisual Walkie Talkie Films, orientada cara o cine documental de autor, vídeo experimental e videoarte. Nas súas obras ten explorado o relato íntimo, a construción da identidade, os roles de xénero, e a comunicación non verbal, así como, a nivel formal, as relacións entre imaxe e música. No mes de abril do 2016 foi a artista invitada do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona no ciclo “Un mes un artista”. En xuño deste mesmo ano, o prestixioso festival S8 adicoulle un espazo especial “Artista en foco”, onde figuraban as súas pezas máis relevantes. Actualmente está finalizando a longametraxe documental “Proxecto D” sobre a experiencia feminina adolescente a través de diarios íntimos

Xiana achegouse á San Sadurniño coa intención de gravar animais invertebrados: “Levo un tempo interesada na natureza, mais na natureza como “retrato”, -como personaxe que pasa desapercibido- e non como paisaxe. Busco “desaparecer” na observación en centrarme no “outro”, como cando se observa algo en profundidade e desaparece toda conciencia durante un bo rato. Os dous días da Chanfaina enxergueime completamente polas fragas de Igrexafeita e adiquei moitas horas gravando todo tipo de animais invertebrados, nomeadamente bolboretas e insectos que viven nas beiras do río Castro, ata que topei as dúas limachas atlánticas xigantes que saen no filme. Fíxeno con moita devoción e paciencia. Tireime ao chan e fun seguindo aos animais sen intervención miña durante moito tempo. Despois, na montaxe, tardei en dar co punto e a solución. Paréceme moi importante que para falar do “outro” os modos non impoñan os nosos discursos. Acompañalo sen intervencíón algunha e así coñecer a perspectiva, o ritmo, as cores, o son.. .para cambiar a nosa percepción do que pode ser outra forma de vida, unha experiencia que nos permita entender o descoñecido.”

Así pois, a cineasta invítanos a coñecer mellor estas veciñas especiais e residentes na parroquia de Igrexafeita case transformadas en plásticas esculturas en movemento. Como escrebe o crítico Fernando Solla en Cinedivergente: “Fabuloso retrato cinematográfico dun ser invertebrado. Dunha babosa. Escultura e corpo vivo á vez. Viscosidade case lasciva. Planos detalladísimos que magnifican as dimensións do animal, converténdoo nun ser que de tan fermoso resulta monstroso. Respiración en movemento e fundido a negro. O que propón Gómez-Díaz aquí é unha ruptura das fronteiras do documental, así como das mesmas formas da natureza baixo o seu punto de vista e a súa mirada e capacidade de observación.”

De seguro que os espectadores e espectadoras deste filme mudarán para sempre o seu punto de vista sobre estes pequenos seres vivos, convertidos en animais fantásticos polo talento, a paciencia e a cámara de Xiana Gómez.

Share.