Memoria, Espazos das Familias e a EIM A Rolada continúan en contacto malia o confinamento

0

A pesar de que o Estado de Alarma obrigou a suspender certas actividades municipais, practicamente todas seguen mantendo parte dos seus contidos a través de grupos de whatsapp, videoconferencias e outras posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Desta maneira continúan no posible as rutinas que se viñan desenvolvendo desde antes da crise e, quizais o máis importante, sostéñense vínculos que axudan a levar mellor unha situación que xa superou o mes de duración e que, previsiblemente, se prolongará máis aló do 26 de abril. Así, o programa Espazos das Familias, os obradoiros de Memoria e mesmo a Escola Infantil Municipal estableceron foros de comunicación que axudan ás persoas usuarias nuns casos e ás familias noutros a mantérense activas durante este período.

Na EIM A Rolada, por exemplo, creáronse tres grupos de Whatsapp -un por cada aula- no que o profesorado e as familias comparten cousas que facer cos meniños e as meniñas. “Ofertamos actividades para os nenos e nenas, como manualidades, movementos, psicomotricidade, algún contiño… cousas que vaiamos atopando e que queremos compartir coas familias”, explica a directora do centro, Lucía Formoso engadindo que o obxectivo principal é “estar un pouco  máis en contacto” por medio de propostas lúdicas “que non son obrigatorias”.

Formoso comenta que “está sendo unha etapa complicada para todos, sobre todo para as crianzas” e por iso insiste en que se trata de “dar ideas para momentos de aburrimento, cando non saiban que facer… que teñan un apoio e sempre sen sobrecargar de actividade ás nenas e nenos”. A mestra tamén lle pediu ás familias que mostren nos seus respectivos grupos as cousas que vaian facendo e que os utilicen para solventar dúbidas que lles poidan xurdir, ademais de compartir neles fotos e vídeos “porque é unha maneira de atoparnos todas e todos un pouquiño máis preto”.

Algo parecido ocorre co programa socioeducativo Espazos das Familias, que tamén se adaptou á nova situación para poder continuar co seu programa dentro do posible. O Espazos… funciona como punto de encontro quincenal onde se xuntan nais, pais e rapazada de preescolar  para aprenderen todo aquilo que fai falla aprender de cara a un desenvolvemento pleno dos nenos e nenas menores de 3 anos, nun momento en que empezan a ser conscientes do mundo arredor e que é clave para o proceso de socialización.

O obxectivo dos obradoiros que se desenvolvían na Casa da Cultura até o mes de marzo era o de que as familias compartisen tempo coa cativería e tamén con outras familias tendo sempre á man unha persoa de apoio que guíe as actividades e que poida solventarlles calquera dúbida. Algo que na actual situación de confinamento se segue mantendo a través da plataforma  Jitsi.org, que funciona como unha aula virtual na que se segue a distancia a mesma estrutura de contido das sesións presenciais. Primeiro un xogo, logo unha canción ou contacontos e, nunha segunda parte, un tema principal con distintas actividades asociadas ás que en certas ocasións vén convidada algunha persoa experta en temas de infancia, educación ou saúde infantil.

Espazos das Familias é en si mesmo unha familia de familias moi activas. Neste momento seguen as sesións virtuais sete das 16 familias participantes no programa canda as súas crianzas, para as que xa hai programadas dúas charlas especializadas: o 29 de abril terán á logopeda Inés Veiga falando sobre estimulación da linguaxe oral, o 13 de maio tocaralle a vez á doutora Cristina Sixto, quen comentará cos pais e nais técnicas de primeiros auxilios na infancia. Antes de cada unha desas citas os pais e nais recibirán un vídeo co tema que se vaia tratar e despois, cando toque a conexión, poderán expoñerlles ás expertas as dúbidas que lles poidan xurdir ou propoñerlles outras cuestións relacionadas.

Obradoiros de memoria
Unha actividade que quedou interrompida tamén foron os obradoiros de Memoria activa para persoas maiores que se ofrecían semanalmente en varias parroquias, complementadas coa ximnasia de mantemento que agora se sigue a través do móbil. A suspensión das actividades de memoria e a dificultade para desenvolver de maneira telemática os exercicios -posto que a maior parte das usuarias non ten suficientes competencias dixitais nin tampouco conexión a internet- levou á área de Igualdade a mudar a maneira de se relacionar con cada grupo.

O medio principal é o teléfono. Tal e como comenta a técnica do departamento, Verónica Rodríguez, “desde o primeiro momento da crise contactamos unha por unha con todas as persoas que asistían aos obradoiros para saber como se encontraban, se precisaban algo e para recordarlles algunhas das rutinas que poden seguir na casa para manter a cabeza en forma, tendo en conta que non é o mesmo o confinamento nun concello coma o noso que nunha cidade. Aquí a xente sacha na horta, fai cousas arredor da casa e iso fai máis levadeira a situación. Pero aínda así fai falla contacto humano coa familia, con veciños e veciñas que agora non se poden ver tanto coma antes… e, aínda que non o pareza, iso tamén se nota moito”.

A percepción do confinamento deulle ao departamento a idea de propoñerlles ás participantes dos obradoiros de memoria a gravación de pequenas conversas falando sobre como levan a situación, que botan en falta e que vai ser o primeiro que fagan tan pronto como se volva á normalidade. O resultado desa experiencia poderemos velo no Facebook do Concello de San Sadurniño dentro duns días en forma de pírulas sonoras que prometen ser moi reveladoras en múltiples aspectos.

Share.