Melania Freire expón o seu “Inventario” da tradición que constrúe o presente

0

Melania Freire (Lugo, 1991) é unha desas creadoras novas e galegas que se desenvolven ben nas linguaxes creativas da modernidade. Deseñadora de moda, directora de arte para cine e teatro, deseñadora de produción,  fotógrafa…, disciplinas nas que ten traballado moito dentro e fóra de Galicia -en 2019 ganou o premio Mercedes-Benz Fashion Talent- movéndose boa parte das veces no espazo marcado polos eixos de coordenadas da tradición e a identidade, sobre os que tamén leva investigado abondo a través dos obxectos cotiáns, principalmente as prendas téxtiles. A exposición “Inventario”, aberta na Casa do Concello de San Sadurniño até o 14 de xuño, aborda precisamente esa indagación persoal sobre como o presente se constrúe a base de pasados vividos e transmitidos de xeración en xeración como unha pequena chama que cómpre non deixar apagar.

A exposición fórmana once fotografías que, segundo describe a propia autora na súa web, compoñen un proxecto concibido como espazo de observación e experimentación no que Freire se relaciona de maneira directa con obxectos familiares, á procura de referentes que lle permitan xerar novas simboloxías contemporáneas.

“Inventario é a miña forma de achegarme a unha tradición que non vivín, a través dos obxectos que conforman a miña experiencia na casa familiar. Para iso traballei sobre todo o téxtil e nesta exposición atoparedes unha reflexión persoal acerca daqueles obxectos que compoñen a miña primeira memoria, a miña referencia á miña primeira identidade, unha forma de achegarme a eles para comprendelos e volver traelos á miña contemporaneidade”, explica a autora.

A mostra está composta por imaxes pertencentes a series cuxo inicio vén marcado por “Panos herdados” (2015), primeiro achegamento de Melania Freire “á tradición e ao téxtil na tradición”. Partindo do pano da súa bisavoa Eduvigis “que para min era como unha incógnita”, a deseñadora e fotógrafa retrátase ela mesma acompañada da súa nai e a súa avoa lucindo na cabeza esa mesma prenda, como maneira de aproximarse “á historia do pano e como esa historia estaba vinculada ás mulleres como elemento de personalidade”. ” Aínda que tiña unha orixe un pouco máis escura, na relixión, de cubrimento, elas conseguían levalo coas ataduras a un territorio propio e práctico para traballar no campo” comenta Freire referíndose ao pano -e ao xeito de amarralo- como elemento de comunicación non verbal reconvertido en acto de rebeldía contra o corsé social e símbolo de empoderamento feminino.

En “Inventario” non só atopamos panos, senón tamén coidadas reproducións fotográficas de cobertores e mantas maragatas -os pósters “É xenealóxico” e “É fisiolóxico”- idénticas ás que aínda permanecen gardadas en moitos armarios. Freire dálles luz e fíxaas en grande formato como xesto de autoafirmación e descuberta a un tempo das súas propias raíces. “Con eses cobertores e mantas apiladas, a través dese amoreamento de iniciais, códigos e agasallos, creo a miña propia árbore xenealóxica. Interésame achegarme a estas pezas para sacalas do seu contexto orixinal e levalas ao meu contexto: que son para min estas pezas, que constitúen na miña memoria”.

Memoria e tradición son dous conceptos indisolubles que impregnan a colección fotográfica “Inventario”, onde tamén podemos ver a natureza morta dun cesto cheo de verzas, incorporada á serie como recordatorio de que a conexión co pasado, os saberes e actitudes vitais transmitidas non só poden materializarse no téxtil, senón tamén noutros obxectos con especial significado para cadaquén.

Neste sentido, Melania Freire conducirá o día 14 de xuño unha visita guiada pola exposición que pretende ser ao mesmo tempo un pequeno obradoiro informal, non tanto para interpretar as imaxes -que tamén- como para facer partícipes ás persoas asistentes das motivacións que levaron á autora a desenvolver este proxecto e, ao mesmo tempo,  promover que os e as visitantes poidan chegar pola súa conta ás mesmas conclusións ás que chegou ela.

“Penso que cada vez é máis necesario, por desgracia, volver crear vínculos coa tradición, que non é unha cousa pasada. Hai unha frase de Gustav Mahler que di que a tradición reside na preservación do lume, non na adoración das cinzas… e aí é onde radica todo o meu pulo no meu traballo, algo que me gustaría compartir coa xente que participe no obradoiro, que vai ser algo informal”.

Para participar nese percorrido fai falla anotarse antes chamando ao 981 490 027 ou mandar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Nos días previos ao 14 de xuño informarase do horario previsto da visita guiada, seguramente á tardiña xusto antes de recoller a exposición.  “Que cadaquén traia un obxecto da casa co que teña unha vinculación especial, como pode ser un pano, unha bota, unha botella unha culler… calquera cousa. Simplemente me interesa traballar a capacidade de transmisión e comunicación que teñen os obxectos, de cara a crear novas tradicións”, convida Freire.

Ata daquela, “Inventario” pode visitarse na galería da Casa do Concello nos horarios de atención ao público das oficinas municipais: de luns a venres entre as 8:30 e as 14:30h.

 

Share.