Medio Rural traerá a San Sadurniño un curso sobre o aproveitamento da castaña

0

As castañas estan converténdose nun artigo de luxo. Con prezos que neste tempo superan os 4 ou 5 euros por quilo -sen garantía de que saian boas- e xente que se bota a apañalas no alleo, é comprensible que moitas persoas propietarias de castiñeiros os garden con celo e que haxa tamén quen estea pensando en ampliar as súas plantacións cunha visión comercial. Neste sentido, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria impartirá o 15 de novembro unha charla formativa sobre o aproveitamento sostible dos soutos para castaña que, en último caso, ten como finalidade promover esta produción de cara a poder ampliar o territorio acollido á IXP Castaña de Galicia. Para participar nesta actividade fai falla inscrición presencial pasando polo Concello ou pola Oficina Agraria Comarcal de Ferrol.

A castaña é un dos froitos tradicionais galegos. Ata a chegada da pataca era unha das bases da nosa alimentación, aínda que durante o século XX o mantemento dos soutos foi indo a menos por mor da despoboación das principais zonas produtoras  e o seu consumo quedou relegado case exclusivamente ao tempo dos magostos ou como delicatessen nos mercados estranxeiros en forma de marrón glacé.

Porén, as nosas castañas -especialmente as acollidas á IXP- están vivindo unha época dourada por medio da explotación das súas múltiples posibilidades. Delas sácase fariña para múltiples preparados, seguen coméndose en fresco -con prezos astronómicos nesta época-, desécanse ou conxélanse para o seu uso posterior na cociña e mesmo se está apostando por elas como alimento dos cochos que dan xamóns, lacóns e chacinas de alto valor engadido. Porén, este redescubrimento da castaña non vai acompañado -por agora- dunha produción capaz de satisfacer a demanda e, ademais, existen pragas como a avespiña do castiñeiro que ameazan seriamente as árbores.

O oriente galego e a zona centro seguen sendo as nosas principais zonas produtoras e aquí estase empezando a mirar de novo aos soutos que quedan -e aos plantados non hai tanto- como unha fonte de rendas complementarias. E é que nada lles quita aos nosos soutos de producir nin tampouco de entrar formar parte da Indicación Xeográfica Protexida. En resume, ¿que nos quita de producir castañas con xeito?. A resposta é doada: nada, só fai falla apostar por este cultivo forestal que, ademais, é complementario do silvopastoreo e do aproveitamento micolóxico.

Estas serán só algunhas das cuestións das que se falará no curso organizado pola AGACAL -organismo dependente de Medio Rural- que se desenvolverá na Casa da Xuventude o venres 15 de novembro entre as 16.30 e as 20.30h. Trátase dunha acción formativa financiada polo FEADER que está destinada ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e cadea forestal, ou con expectativas de incorporación a estes ámbitos, e en especial para a mocidade do rural.

Para participar no curso cómpre inscrición previa, que ha de facerse presencialmente no Concello ou na Oficina Agraria comarcal de Ferrol, posto que é necesario cubrir no momento un formulario específico proporcionado pola Xunta.

 

Share.