Medio Rural organiza un curso sobre agricultura ecolóxica en San Sadurniño

0

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Concello volven colaborar este ano para ofrecer varios cursos dirixidos á capacitación ou á mellora das competencias no sector agrogandeiro. O primeiro curso promovido pola AGACAL -a través do CFEA de Guísamo– estará centrado na agricultura ecolóxica e desenvolverase na Casa da Xuventude os días 27 e 28 de maio, 3, 4 e 11 de xuño. As inscricións hai que facelas obrigatoriamente a través desta ligazón da plataforma de formación de Medio Rural. Antes de anotarse recomendamos mirar a explicación sobre como facelo, xa que o procedemento non é de todo intuitivo. Con todo, se alguén ten dúbidas ou problemas para apuntarse, pode contactar co Técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, no 981 490 027. 

O curso ten unha duración total de 29 horas lectivas e concíbese como unha introdución aos aspectos básicos que cómpre ter en conta antes de meterse a producir en ecolóxico. O programa está repartido en cinco apartados, que tocan a descrición de en que consiste a agricultura ecolóxica e as diferenzas coa convencional, os tipos de cultivos máis habituais, as pragas e sistemas de control de enfermidades, a fertilización e, en último lugar, dúas visitas prácticas á explotación “A horta da avoa María”, en Neda, e á “Horta da Lousa”, en Cerceda.

Os horarios están xa prefixados por Medio Rural, que puxo as sesións nas tardes dos venres de 16:00 a 20:00h e as mañás dos sábados de 9:00 a 13:00h desde o 27 de maio até o 11 de xuño. O programa pode consultarse nesta folla informativa, onde se amplían as epígrafes que vai impartir en San Sadurniño o Centro de Formación Agroforestal de Guísamo. Nela tamén se explica como solicitar a inscrición a través da plataforma FOAGRO, algo que haberá que facer como moi tarde o 22 de maio.

No acceso a este curso terán prioridade aquelas persoas titulares de explotacións ou con vinculación co sector primario, ademais da mocidade que queira incorporarse á actividade agrogandeira. As accións formativas están organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través de distintos departamentos, como o centro de capacitación de Guísamo ou a Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, coa colaboración do Concello de San Sadurniño. Son gratuítas para as persoas participantes e están financiadas nun 75% con Fondos FEADER.

Ademais deste curso de inicio inminente, a Xunta tamén ofrecerá no noso concello outros catro: Xestión técnico económica en explotacións de vacún de leite, Competencias Dixitais, Mercadotecnia dixital avanzada, Produción micolóxica e Fertilización e manexo do solo para maximizar a súa fertilidade natural. Informaremos das datas de cada un destes cursos a medida que se vaia aproximando a apertura do prazo de inscrición. Segundo informa a Xunta, o cupo está xa cuberto.

Share.