Medio Rural lanza o primeiro aviso sobre a mosca da nogueira

0

Unha nova peste únese á festa das pragas que lle afectan ao noso rural. Falamos da mosca da nogueira –Rhagoletis completa– da que acaba de informar a Xunta de Galicia a través do seu boletín fitosanitario semanal tras detectar exemplares adultos “en gran cantidade” en trampas situadas nos concellos coruñeses de Bergondo, Cambre, Carral e Sada, e tamén no lugués de Guntín. De momento non ten a cualificación oficial de praga prioritaria nin de corentena -a velutina, por exemplo, tampouco a ten-, pero desde Medio Rural indican que farán un seguimento do seu ciclo para ter máis datos sobre a súa expansión en Galicia. A mosca da nogueira é moi parecida á mosca doméstica, aínda que de cor marrón clara, co abdome branco e negro e cun característico cebreado nas alas. Pon os ovos no froito verde, que evoluciona de maneira semellante a unha infección por fungos. Se non se trata -a Xunta aínda non publicou recomendacións ao respecto- pode acabar co 80% da produción da árbore.

Este díptero provén da área dos Estados Unidos e México e, segundo parece, chegou de maneira accidental a Europa nos anos 80. En Galicia non se tivo constancia del ata hai tan só uns días.

A femia fai un burato na pel da noz verde e fai a posta no seu interior. Aos cinco días nacen as larvas, que empezan a manterse roendo a codia tenra. Por acción dos vermes a noz verde vólvese viscosa e logo torna negra. O proceso de desenvolvemento larvario dura entre 3 e 5 semanas.

Segundo informa a Xunta no seu boletín fitosanitario, só se produce unha xeración anual. Os exemplares adultos emerxen do chan no período comprendido entre primeiros de xullo e finais de agosto, cunha vida útil de 40 días, polo que a incidencia pode prolongarse até outubro. As seses caen no chan -por si ou dentro dun froito-, sotérranse a pouca profundidade e pasan o inverno e a primavera en forma de pupa ata volver reiniciar o ciclo ao ano seguinte.

Medio Rural colocou trampas en varias zonas da Coruña e de Lugo “con presenza relevante de nogueiras”. Os dispositivos son simples follas adhesivas  que atraen as moscas pola súa cor amarela. Nun primeiro momento non caeu ningunha, pero a semana pasada empezaron a atoparse exemplares, sobre todo nas trampas colocadas por riba dos 4 metros de altura. Foi o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia quen confirmou que se trataba de Rhagoletis completa capturada en varios concellos das Mariñas coruñesas -Bergondo, Cambre, Carral e Sada- e no municipio lugués de Guntín.

De momento é moi cedo para coñecer a dimensión real do problema. O boletín fitosanitario da consellaría apunta que se “tratará de seguir” a evolución das capturas até o final do seu ciclo. Cabe supoñer que, unha vez se teñan datos máis precisos, desde o departamento autonómico de Sanidade Vexetal se formulen recomendacións sobre o seu tratamento.

No documento sobre as estratexias de xestión integrada de pragas das nogueiras publicado polo Ministerio de Agricultura indícase como combater a mosca:

  • Seguimento e estimación do risco no cultivo: Colocar trampas cromotrópicas amarelas para detectar a presenza e determinar o momento da intervención
  • Medidas preventivas ou culturais: Eliminar froitos danados o antes posible. Reducir a poboación de moscas extendendo unha lona baixo a árbore para evitar que as larvas cheguen ao chan e pupen
  • Medios químicos: o máis importante é a vixilancia do cultivo e as medidas culturais. Se estas fallan podería acudirse aos tratamentos químicos -insistimos, só se o anterior non dá resultado-, sempre que sexan produtos fitosanitarios autorizados para este uso no Rexistro de Produtos Fitosanitario do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. No seu buscador aparecen tres formulados: o DELTAMETRIN 0,015% [RB] P/P, o FOSMET 50% [WG] P/P e PROTEÍNAS HIDROLIZADAS 30% [SL] P/V

Por agora non hai constancia de mosca das nogueiras en San Sadurniño.

Share.