Máxima prudencia a partir deste venres

0

A Área Sanitaria de Ferrol deixará de estar pechada perimetralmente a partir deste venres, tal e como anunciou a Xunta a comezos da semana. Isto significa que poderemos movernos libremente por todos os municipios da comarca -agás Cariño- e incluso desprazarnos a outras partes de Galicia que se encontren, coma nós, no Nivel 3 ou medio de restricións. Ademais tamén se permitirá a apertura interior da hostalaría sen barra e a un 30% de ocupación, mantendo o aforo nas terrazas ao 50% das mesas autorizadas e tamén a obriga de pechar ás 18.00h. En menos de dúas semanas pasamos de estar practicamente en confinamento territorial a poder volver gozar das terrazas e dos encontros coas amizades. E se a iso lle sumamos que por fin está vindo o bo tempo e con el as ansias de saír e facer vida social,  obtemos como resultado un escenario que pode non ser o máis idóneo para conter unha nova repunta da pandemia. Por iso desde o Concello volve insistirse en que fai falla seguir extremando as precaucións en canto a hixiene e distanciamento persoal, sen deixarse levar pola euforia desta desescalada tan acelerada que estamos vivindo.

Os consellos básicos de prevención repítense constantemente desde hai un ano. E agora aínda cobran máis sentido despois de que, segundo parece, se detectasen cepas novas do coronavirus aínda máis contaxiosas, con efectos máis prexudiciais para a saúde e tamén máis resistentes ás vacinas que se están poñendo neste momento. Fálase da variante británica, da surafricana e, máis recentemente, da brasileira. Desta última non hai aínda estudos suficientemente amplos, pero as investigacións preliminares indican que esta variante pode evadirse da barreira de anticorpos xerados polo sistema inmune e provocar novas infeccións en persoas que xa pasasen a enfermidade, ademais de xerar unha carga viral dez veces maior que as das outras cepas e provocar danos no organismo moito máis graves.

Os cambios no virus son unha realidade, e os seus efectos a curto e medio prazo, impredicibles. De feito, o Ministerio de Sanidade xa alertou ás comunidades de que se deben seguir de preto os novos casos, en especial os producidos pola variante brasileira, posto que esta nova cepa pode poñer en serios apuros toda a estratexia de contención do andazo, mesmo o efecto protector das vacinas que se están poñendo neste momento.

O único que parece seguro ao 100% é continuar aplicando con dilixencia as medidas de autoprotección fundamentais: hixiene constante de mans, uso correcto de máscaras homologadas e distancia interpersoal, limitando ao imprescindible os contactos fóra dos grupos de convivencia. Medidas que, porén, quedan solapadas nas noticias diarias debaixo doutras cuestións tamén importantes, como por exemplo o levantamento de peches perimetrais, saber o que podemos e non podemos facer en cada fase da desescalada ou as informacións sobre axudas que minoren os efectos económicos da pandemia sobre os sectores máis prexudicados.

Débese ter moi presente que o máis importante nestes momentos é o seguinte:

  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado. Na hostalaría só se pode retirar no momento xusto da consumición e despois hai que volver poñela.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas ou en lugares de paso. Tamén está prohibido tomar alcol na vía pública.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles coa COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario o antes posible. Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.
  • Por outra banda, no caso de casos e contactos estreitos, a normativa autonómica di ao respecto que as persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible co COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.

O que se pode facer e non se pode facer a partir de mañá
Dito isto, agora toca saber que se poderá facer e que non se poderá facer desde este venres, día en que toda a Área Sanitaria de Ferrol baixa un chanzo pasando do nivel de restricións altas ao máis permisivo nivel medio.

O principal é que se recupera a mobilidade fóra do peche conxunto da área, de maneira que poderemos desprazarnos por todos os municipios de  Galicia que estean no mesmo nivel ca nós. Na práctica isto significa que non poderemos entrar en ningún municipio da área sanitaria da Coruña nin de Pontevedra. Ademais, na nos zona só Cariño segue no Nivel 2, aínda  que compartirá as mesmas condicións de mobilidade que os outros municipios da comarca.  ACTUALIZAMOS INFORMACIÓN: Cariño seguirá en Nivel 2 (Apartado B.3 do anexo II da Orde de 4 de marzo) pero no DOG indicábase que este concello tiña permitida a mobilidade cos do resto da comarca e de Galicia (Apartado C.2 do anexo do Decreto 37/2021) cunha incidencia epidemiolóxica similar. A Xunta xa lle comunicou ao rexedor dese municipio que se trataba dun erro e que se publicaría unha corrección no diario oficial para aclarar estas dúas informacións contraditorias. Polo tanto, Cariño queda pechado por agora aos demais concellos.

O outro cambio importante que trae a rebaixa de restricións -que se publicará hoxe no DOG- é a posibilidade de que a hostalaría empece a atender no interior sen sobrepasar un 30% de ocupación e sen poder utilizar a barra. Fóra, nas terrazas, continúa o límite do 50% das mesas que tivesen instaladas, que deberán gardar a separación mínima de 1,5 metros entre si.

Os locais deberán cumprir desde este venres a normativa sobre información ao respecto da súa capacidade, colocando nun lugar ben visible os carteis deseñados segundo o modelo da Xunta onde se indique a capacidade máxima interior e exterior, a porcentaxe de ocupación dependendo do nivel de restricións en vigor, o número de persoas que poderán ser atendidas en relación co espazo e, ademais, o código QR obrigatorio para o local e voluntario para a clientela que permita facer un seguimento máis preciso no caso de producirse un gromo de COVID-19.

Para cumprir con esta esixencia do Plan de Hostalaría Segura, os establecementos terán que rexistrarse na web de Turespazo (accesible desde coronavirus.sergas.gal) cubrir os formularios e descargar desde alí os carteis que deberán colocar na porta. Os carteis deberán actualizarse cada vez que se suba ou se baixe de nivel de restricións, algo que pode ocorrer cada semana desde que a Xunta optou por contar as incidencias acumuladas a 7 días para decidir en que nivel se encadra cada territorio. O portal Turespazo estivo saturado nos últimos días e para moitos establecementos foi imposible efectuar o rexistro e descargar as follas informativas. Hoxe disque a cousa xa funcionaba máis ou menos ben e, en todo caso, (INFO ACTUALIZADA) a Xunta dará unha semana máis de prazo para descargar os carteis normalizados e o código QR da aplicación Passcovid.

O resto de restricións seguen igual
Agás estes cambios, as demais restricións seguen invariables. Aínda que haberá que agardar a ver que di o DOG ao respecto, serán de aplicación as medidas do Nivel de Restrición Media que xa levan varios días publicadas na web coronavirus.sergas.gal. As principais son as seguintes (información actualizada ás 23.30h. do 4/3/2021 trala publicación do DOG):

  • Os grupos en espazos públicos e privados non poderán superar as 4 persoas non conviventes (sen límite para quen vivan no mesmo domicilio)
  • Mantense o toque de queda entre as 22.00h. e as 06.00h.
  • A hostalaría deberá pechar ás 18.00h., podendo continuar co servizo de recollida no local até as 21.30h. e o reparto a domicilio até as 00.00h. O prazo para obter cartelaría normalizada de aforos e o código QR amplíase até o 12 de marzo.
  • Comercio ao 50% da súa capacidade (ao 30% se forma parte de áreas ou parques comerciais)
  • O deporte non federado ao aire libre ou en espazos pechados: de forma individual ou en grupos de ata catro persoas sexan ou non conviventes sen contar o monitor ou guía. Instalacións deportivas cubertas limitadas ao 30% da súa capacidade máxima permitida, ao igual que vestiarios e zonas de ducha. Uso obrigatorio da máscara.
  • Misas a 1/3 da súa capacidade, mortorios sen superar as 10 persoas por túmulo e 25 no exterior e enterros sen exceder en ningún caso as 25 persoas, sexan ou non conviventesen ambos casos.
  • Os mercados con ata 50 postos autorizados ou habituais poderán retomar a súa actividade ao 100%, mantendo a separación interpersoal. A porcentaxe de postos que poderán asentar baixa ao 75% en feiras que teñan entre 50 e 75 postos e, no caso de que haxa 100 ou máis puntos de venda, só poderán montar a metade deles.
  • En actos e reunións laborais, institucionais, académicos, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativos, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacional poderanse realizar sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento, ben que se recomenda que se realicen de forma telemática sempre que sexa posible. Non se poderá superar o 30% da capacidade do local e, como máximo, 75 persoas en lugares pechados e 150 se son actividades ao aire libre.
  • En concellos coma o noso, en nivel de restricións medio, poden retomarse as actividades en centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga, sen exceder o 30% da súa capacidade.

E, en xeral, o importante é actuar con moito sentido común: evitar aglomeracións, limitar a interacción social con outras persoas e, máis que nada, non deixarse levar pola euforia do bo tempo e da reapertura da hostalaría. A COVID-19 segue estando aí e aínda queda moita pandemia que roer.

DECRETO 37/2021, do 4 de marzo, polo que se modifica o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

ORDE do 4 de marzo de 2021 pola que se modifican a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Share.