Máscaras, procesións, festas, discotecas… ¿que hai de novo no Diario Oficial de Galicia?

0

A Xunta publicou este sábado nova normativa referida á contención do coronavirus. Trátase de precisións ou apartados de nova redacción que se veñen sumar ao marco legal publicado o pasado 13 de xuño. Con carácter xeral aumentan os aforos en múltiples actividades, tomando como referencia que a ocupación de espazos públicos non exceda a ratio de 1 persoa por cada 3 m². Tamén se precisan algo máis as condicións en que será obrigatorio usar máscara -agora para case todo- e defínense os aforos e condicións preventivas en que deberán desenvolverse  festas patronais, procesións e atraccións de feira. Iso si, que se definan non significa necesariamente que sexa doado levalas á práctica. Vexamos as novidades:

A máscara, sempre… ou case

  • O uso das máscaras hixiénicas ou cirúrxicas segue sendo obrigatorio para as persoas de 6 anos en diante. Porén, a normativa autonómica precisa aínda máis as circunstancias desa obrigatoriedade. Asumide como regra xeral que hai que levala se non se pode garantir unha distancia de polo menos 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • No caso de estar transitando pola vía pública ou movéndose nun espazo ao aire libre a cousa queda ao sentido común de cadaquén, xa que só se indica o uso da máscara cando non se poida gardar esa separación mínima en todo momento, algo que dependerá do número de persoas que coincidan movéndose polo mesmo sitio e das dimensións do lugar. Por iso, se temos claro que non imos achegarnos a outras persoas -nin outras persoas a nós- podemos prescindir da máscara. Pero se temos calquera dúbida, mellor anticiparse e levala xa posta.
  • En espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público sempre se deberá usar a máscara, sexa onde sexa (agás no momento de consumir alimentos ou bebidas). Iso si, se o titular do espazo garante que poidamos estar sentados ou sentadas a unha distancia mínima de 1,5 metros doutras persoas non será obrigatorio poñer máscara. Ollo: enténdese que poderemos quitar o cubrebocas unha vez esteamos no noso sitio, pero ao entrar e ao saír teremos que levalo posto si ou si. Información actualizada: o uso da máscara é obrigatorio en todo momento, independentemente de que se poida gardar a distancia de seguridade. No caso de bares e restaurantes só se poderá quitar no momento específico da consumición.
  • O mesmo ocorre nos bares e restaurantes, onde moita xente pensa de forma errónea que non é obrigado levar máscara. Pois si que o é: cando entremos no bar ou restaurante, sempre máscara. Mentres esteamos consumindo non teremos por que poñela. Pero para calquera outro movemento: entrar ou saír do establecemento, agardar a que nos senten, ir ao aseo, pagar -mellor que nos traian a conta e, preferentemente usar móbil ou tarxeta- tamén teremos que poñer a máscara.
  • A norma autonómica apunta que non se deberán usar máscaras con válvula exhalatoria, a menos que ese tipo de protección estea recomendada para usos profesionais.
  • Se tes síntomas, queda na casa e avisa. A nova normalidade apela á responsabilidade persoal en todos os aspectos preventivos: no distanciamento, na hixiene frecuente de mans, na etiqueta respiratoria, etc. Pero tamén insiste no noso deber de autoconfinarnos e informar ás autoridades sanitarias –900 400 116 ou 061 en casos graves- se notamos algún síntoma coincidente coa COVID-19. E… cales son eses síntomas?. O DOG cita os seguintes: febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos. Por precaución deberase evitar o contacto coas persoas convivintes e non está de máis que elas tamén reduzan ao mínimo a súa actividade social.
  • En relación co anterior, se somos caso sospeitoso ou se confirma que demos positivo, teremos prohibido saír da casa, salvo autorización expresa do servizo sanitario que estea seguindo a nosa situación despois de avisarmos.

Mobilidade

A resolución publicada o sábado engade que nos vehículos de transporte público ou privado de ata 9 prazas poderán ocuparse todos os asentos dispoñibles, aínda que deixando para o final o do acompañante do condutor/a. Lembramos a obriga de usar máscara se non todas as persoas son convivintes nos vehículos privados e tamén en todo o transporte público.

Parques infantís e biosaudables, campamentos, deportes

  • As actividades de tempo libre para a poboación infantil e xuvenil poderán levarse a cabo ao aire libre cun tope de 250 participantes -incluído monitorado- e sempre que non se supere o 75% da asistencia máxima habitual.  Se son en espazos pechados o máximo sitúase en 150 participantes sen superar o 75% da capacidade máxima do recinto.
  • Os concellos costeiros poderán limitar o acceso a praias e aparcadoiros para asegurar a distancia interpersoal entre persoas usuarias do areais. O cálculo do aforo farase tomando como referencia os tres metros cadrados por persoa.
  • Poderán permanecer abertos ao público parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares, sempre que se respecte unha capacidade máxima estimada de unha persoa por cada tres metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.
  • Engádese á normativa sobre a nova normalidade un apartado relativo a eventos deportivos federados ou non que se desenvolvan na vía pública, tales como atletismo, ciclismo, rallyes, remo e similares, que deberán estar aprobados previamente polo concello e, se discorren por máis de un municipio, pola autoridade autonómica competente. O espazo ou itinerario estará delimitado, as persoas participantes deberán manter a distancia interpersoal e o público non poderá superar as 1.000 persoas, sempre con máscara.  Para o resto das competicións deportivas federadas estarase ao disposto en cada protocolo federativo.

Discotecas e locais de lecer nocturno… casinos e salas de xogos…

Desde este 1 de xullo poden abrir de novo as discotecas e establecementos de lecer nocturno sen superar os 2/3 da súa capacidade. Son, ademais das “discos”, os pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos. As condicións que deberán cumprir son:

  • O consumo dentro do local poderá facerse en barra ou en mesa -ou mesas agrupadas- mantendo a distancia entre clientela ou grupos de clientela. Nas terrazas poderá ocuparse até o 75% das mesas autorizadas o ano anterior (en bares e restaurantes é o 80%). En cada mesa ou agrupación só poderá haber un máximo de 25 persoas.
  • Haberá que garantir que non se producen aglomeracións ao entrar e ao saír. Na entrada poderemos facilitar voluntariamente os nosos datos de contacto para poder facer un seguimento no caso de que se detecte algún contaxio no establecemento. Insistimos, é voluntario e os datos recollidos só poderán estar a disposición das autoridades sanitarias para o seguimento de posibles casos, nunca cunha finalidade comercial ou promocional do negocio. De feito, só poderán conservarse un máximo de 28 días trala recollida no ficheiro, que deberá cumprir coa normativa de protección de datos.
  • No interior será obrigatorio usar máscara en todo momento (salvo para tomar as consumicións) e, de non cumprir, poderán botarnos do local. Se hai zona de baile non se poderá exceder o tope de unha persoa por cada 3 metros cadrados.
  • Casinos, bingos, salas de xogos, recreativos, tómbolas, locais de apostas, etc., poden levar a cabo a súa actividade sen exceder o 75% da capacidade permitida.

Coros, orquestras, procesións…

O DOG publicado o sábado tamén aclara cuestións referidas ás actuacións de coros, orquestras e bandas de música, ademais de autorizar as festas e verbenas a partir deste 1 de xullo. Vexamos cales son as novidades con respecto ao xa sabido:

  • Os coros e agrupacións vocais xa poden actuar en igrexas e noutros espazos. Cada compoñente deberá gardar unha separación mínima 1,5 metros e a masa coral terá que arredar do público polo menos  3 metros. Seralles obrigatorio levar máscara. Esta medida é de aplicación tamén para os ensaios.
  • Nas actuacións e ensaios das orquestras, bandas e outras agrupacións musicais terán que gardarse 1,5 metros de distancia entre compoñentes e, se non é posible por causa do espazo dispoñible, deberán reducir o seu número. A máscara é obrigatoria con carácter xeral, menos para cantantes e instrumentistas de vento no momento en que lles toque intervir. Cando non o fagan: máscara. Evitarán actuar enfrontados e deberase extremar a limpeza do sitio onde estivesen os intérpretes de vento. A hixiene tamén se deberá extremar nos ensaios de escolas de danza e de música. Nestas últimas haberá que usar máscara en todo momento, a menos que se practique con instrumentos de vento (só no momento de tocar, despois hai que poñer a máscara).
  • A utilización do exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto con acompañamento de público, é dicir, as procesións, deberá facerse nun espazo ou percorrido que estea delimitado. O público non poderá superar o máximo de 1.000 persoas. O uso de máscara -e o mantemento da distancia- será obrigatorio tanto para participantes na comitiva como para público. Este tipo de eventos deberán contar con autorización municipal. As romarías, desfiles, exhibicións de música ou baile e actividades similares rexeranse polas mesmas condicións.

Festas, verbenas e outros eventos populares

A partir do 1 de xullo autorízanse as festas populares “dada a peculiariedade, popularidade e tradición destas celebracións” en Galicia. Porén, unha cousa é que se poidan organizar e outra moi distinta que se lle poida dar cumprimento á normativa preventiva que regula o seu desenvolvemento:

  • Deberán respectar unha capacidade máxida de 1 persoa por cada 3 m² de superficie útil do recinto, ata un máximo de 1.000 persoas se o sitio ten unha superficie menor ou igual a 8.000 m². Se o lugar ten máis superficie, sexa a que sexa, o tope máximo será de 2.000 asistentes, pero sempre asegurando que non se supera a ratio de unha persoa por cada 3 m². Teremos que levar máscara sempre e, de non facelo, a organización “non deberá permitir” que sigamos na festa ou evento do que se trate.
  • O recinto deberá estar acoutado -cintas, valados, indicadores- de maneira que haxa puntos diferenciados de entrada e saída. Haberá que establecer controis de capacidade na entrada e na saída para asegurar o cumprimento do aforo e, ademais, cumprirá adoptar medidas para evitar aglomeracións neses puntos. Dentro e fóra haberá que gardar a distancia de seguridade. A organización poderá dividir o espazo por zonas ou sectores para garantir un mellor cumprimento das medidas preventivas e de aforo máximo. Insístese na necesidade de colocar cartelaría informativa e incluso nos recordatorios preventivos a través de megafonía.
  • Os escenarios e palcos das festas deberán ter un peche perimetral que asegure 4 metros de distancia con respecto ao público. Nesta nova normalidade ninguén do público poderá subir ao escenario acompañar a orquestra.
  • Á entrada e á saída terá que haber dispensadores de solucións virucidas ou xel hidroalcólico. Tamén ten que habelos nos aseos, en puntos de venda de produtos ou establecementos de hostalaría e restauración. Estes últimos –os toldos– terán que cumprir a normativa específica para a súa actividade.
  • Recordamos, en romarías, desfiles e exhibicións de música: espazo delimitado e máximo 1.000 participantes.
  • As atraccións de feira terán que respectar unha capacidade máxima de unha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil do recinto, ata un máximo de 700 persoas para espazos de 8.000 m² como máximo. Se se supera este espazo dispoñible -que deberá estar acoutado para elas- o límite máximo subirá ás 2.000 persoas sempre e cando se siga respectando a proporción de unha persoa cada tres metros. Para o cálculo da superficie útil non se terá en conta a superficie ocupada polas estruturas instaladas.
  • O recinto de atraccións tamén deberá contar con puntos de entrada e saída diferenciados, dispor de xeles hidroalcólicos e sistemas de control da capacidade. Obrigatorio usar máscara.
  • Se as atraccións teñen asentos poderán ocuparse sempre que se asegure a separación de 1,5 metros. Se non é posible, reducirase á metade o número de localidades por cada fila, a menos que as persoas sexan convivintes. Se a atracción non ten asentos, máximo 50% de ocupación.

Incrementos excepcionais das limitacións en eventos multitudinarios

A normativa autonómica contempla que, excepcionalmente, se poidan superar os límites de capacidade e asistencia en eventos ou actividades multitudinarias, sempre que o autorice a Dirección Xeral de Saúde Pública atendendo á evolución da situación epidemiolóxica e ás medidas preventivas que estableza a organización. Para obter esa autorización será obrigatorio presentar un plan específico de prevención de contaxios a maiores do de seguridade.

Share.