Marcos Muíño parte á conquista de Sudáfrica co Raid Gallaecia Expedition Race Fridama

0

O domingo comeza en Sudáfrica a Expedition Africa, unha das probas que compoñen as series mundiais de carreiras de aventura. Serán seis días non-stop -é dicir, o de parar comer e durmir é cousa de cadaquén- e arredor de 500 quilómetros que haberá que cubrir alternando distintas disciplinas. A Expedition Africa é un reto estremo de orientación onde os equipos participantes só dispoñen dun compás e un mapa, pero tamén da súa capacidade para traballaren man con man. Un inferno para corpos e mentes no que estará metido o deportista natural de Bardaos Marcos Muíño (na foto, primeiro pola esquerda). Forma parte do Raid Gallaecia Fridama xunto cos tamén galegos Pablo López e Felipe Peña e a británica Sabrina Verjee. Muíño e o resto da escuadra tentarán rematar a proba dunha peza e cun tempo que lles permita continuar subindo no ranking mundial, onde marchan en 33ª posición.

O equipo chegou este xoves a Johannesburgo e arestora estará xa en George, unha vila situada a medio camiño entre Cidade do Cabo e Port Elizabeth, en pleno corazón da coñecida como Garden Route. Trátase dunha zona de alto valor paisaxístico con bosques, ríos, barrancos e un clima mediterráneo. Ese é o escenario da Expedition Africa desde o domingo e ata, aproximadamente, o venres-sábado da semana que vén.

Marcos Muíño explicábanos a través do facebook hai uns días como discorren este tipo de probas. “É unha carreira non-stop. Isto quere dicir que se queres parar a durmir tíraste na cuneta e dormes, pero non estás obligado a facelo, e o normal soe ser non durmir os primeiros días, e logo como moito un par de horas ó día”. Nas carreiras de aventura o primordial é a orientación. Tal e como conta Muíño “haberá que percorrer 520 quilómetros alternando as disciplinas de carreira a pé, en btt, kaiak no mar e tamén en auga doce, barranquismo,… todo isto localizando puntos de control que a organización ubica no terreno, e axudándonos únicamente dun mapa e un compás”. “Unha cousa divertidísima, vamos, ata que levas 3 días sen durmir e a cousa empeza a parecer masoquismo”, bromea o deportista natural de Bardaos.

A carreira desenvólvese en equipos formados por catro persoas. Marcos Muíño acumula unha longa experiencia nesta modalidade de deporte estremo. De feito, o verán pasado correu en Irlanda o campionato de Europa e no mes de setembro participou en Francia noutra proba das series mundiais, ademais de ser un incondicional das carreiras de aventura, das carreiras de orientación a pé e das carreiras de orientación en bicicleta que se disputan en Galicia. Retos que, a diferenza do africano, “adoitan ser de só un día, cunha duración de oito ou dez horas para os raids e de unha a tres horas para os de orientación”.

Como apaixoado deste deporte, Marcos Muíño promociónao sempre que pode e mesmo está involucrado na organización da Raid Gallaecia, unha das citas do calendario mundial. A última edición foi en 2015 e a próxima será en maio de 2017. Daquela o escenario elixido serán as comarcas de Ferrol, o Eume e o Ortegal, polo que o máis seguro é que San Sadurniño sexa lugar de paso da proba. Quen sabe… igual algunha das balizas se sitúa no Couto Agudo.

Máis información
Raid Gallaecia en Facebook
Web da Expedition Africa Adventure Race

Share.