Marcos Lourido exercita a contemplación en “Tempo morto”

0

“Para coñecer lugares fascinantes tan só hai que mirar ben o que tes preto”. Esa é a mensaxe que trascende de “Tempo morto”, a curta coa que o realizador Marcos Lourido participou na presente edición do proxecto audiovisual Chanfaina Lab. Lourido é un mozo que está comezando a percorrer o seu camiño domo cineasta, pero que xa deu mostras da súa valía facendo o máis difícil: saber mirar. Malia ter botado algún tempo no estranxeiro percorrendo paisaxes estremas e de extraordinaria beleza, Marcos achégase nesta peza a lugares próximos que se miden en atractivo aos de calquera outra parte do mundo. A este realizador ferrolán coñéceo ben o profesor Manolo González, quen analiza pormenorizadamente en Fálame de San Sadurniño tanto o potencial creativo de Lourido como a metalinguaxe de “Tempo morto”. CTRL+C, CTRL+V.

Nado en Ferrol en 1994, Marcos Lourido estudou bacharelato no IES Concepción Arenal e logo Comunicación audiovisual na Facultade de Comunicación da Coruña. Gañou xa dous premios “Lidera” do Concello de Ferrol polas curtas “Pequeñas sombras humanas” e “El perro y el lobo” e foise de intercambio ata a Facultade de cine da Universidade de Viña del Mar (Chile), onde desenvolveu varios proxectos documentais polo país andino. Gústalle moito a fotografía. Actualmente estase adentrando no mundo dos videoxogos, onde intenta aplicar os seus coñecementos sobre a creación audiovisual.

Marcos aceptou o reto de participar no Chanfaina Lab e veu disposto a “mirar” a realidade natural de preto, con ollos de cineasta, aínda que non sabía moi ben por onde empezar: “Dende que puxen o primeiro pé en San Sadurniño, só tiña unha cousa clara: que non sabía o que ía facer; así que decidín explorar o territorio deixándome levar polo leito do río Xuvia e os camiños, atravesando os montes, ata chegar á central eléctrica de Naraío, onde ao descubrir a fervenza que está ao seu carón, deixei a cámara no chan e púxenme a escoitar o bosque durante horas. Ao volver a casa xa sabía o que quería facer: simplemente amosar o mesmo que eu vira e vivira.”

En “Tempo morto” topámonos de novo co empoderamento da paisaxe e a natureza como sinais de identidade de San Sadurniño dende unha perspectiva do “cine observacional”, no que se fai fincapé na non intervención do director no filmado.

Na peza asistimos a una viaxe de descuberta da paisaxe natural a través dos ollos abraiados deste novísimo cineasta ferrolán, que se limita a deixarse levar polo que observa e sinte. Ofrécenos a oportunidade única de ocupar o posto de observador ideal, desprazándose polo territorio para topar puntos de vista reveladores, un fragmento da propia vida ou a esencia dun espazo natural e humano: “Eu quero transmitir que monumentos como o Castelo de Naraío ou o Pazo da Marquesa quizais desaparezan co tempo, mais a auga, os insectos e as árbores do territorio, poden transmitir a súa esencia no devir do tempo mellor que calquera outra intervención humana”. Porque en realidade ese tamén é un dos obxectivos dun cineasta que procure a beleza e a verdade: reflectir o “tempo morto” ou “baleiro”, onde non acontece nada relevante ou de importancia narrativa, onde se filma, sobre todo, en presente.

Os planos non aparecen organizados seguindo a lóxica da narrativa clásica ou dunha exposición convencional, senón que cada corte ou edición ten a función principal de manter a continuidade temporal e espacial da observación; os ritmos, as cores e mesmo os arumes da vida cotián agroman polos diferentes planos do filme como rexistros de momentos significativos para o cineasta, que pretende convertelos tamén en experiencias reveladoras para o/a espectador/a. Así pois, déixense levar pola aventura-viaxe persoal de Marcos Lourido polo noso territorio.

 

Share.