Manifesto do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación das violencias contra da muller

0

No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres lembramos que a violencia machista é a manifestación máis terrorífica das desigualdades de xénero e que non respecta fronteiras nin culturas. Unha realidade estrutural que afecta, segundo ONU Mulleres, a un 35% das mulleres do planeta. A pesar de levar anos lexislando a favor da igualdade de xénero dende todos os niveis de goberno, consideramos que os esforzos non son suficientes. No que vai de ano, podemos contar 100 feminicidios, aínda que as cifras oficiais rexistran 45 mulleres asasinadas por violencia machista no conxunto do Estado, 1 delas en Galicia. Na última década, as estatísticas falan de 575 e 40 asasinadas a nivel estatal e galego respectivamente sendo, estes datos, a punta do iceberg do que realmente están padecendo as mulleres en situación de violencia e as súas fillas e fillos. Mais o 25 de novembro non é só un día para o recordo ás vítimas, o 25 de novembro debe ser un día para a acción, un día no que manifestar o noso compromiso contra as violencias machistas.

A loita contra as violencias machistas debe ser unha prioridade institucional e política, non só nos organismos e departamentos de igualdade senón en todos os ámbitos que afectan á vida das nosas veciñas e veciños. Actuar sobre as violencias machistas supón recoñecer graves fendas de xénero no ámbito social, económico, cultural etc. e supón atallar as causas estruturais e sociais que substentan estas desigualdades a través do desenvolvemento de políticas de igualdade e do respecto minucioso aos dereitos humanos das mulleres.

Para combater a violencia de xénero é preciso recoñecer as súas múltiples formas e manifestacións, e tamén denunciar a cultura da violencia, a cultura da violación e a cultura da submisión que alimentan o patriarcado. Combater a violencia de xénero significa adoptar acordos e compromisos políticos para aumetar os orzamentos públicos destinados a facerlle fronte e a dotar os equipamentos especializados dos recursos necesarios para a súa prevención, atención e tratamento.

Dende o Concello de San Sadurniño queremos expresar con firmeza, non só o noso rexeitamento ás violencias que sofren as mulleres polo mero feito de selo, senón tamén dar conta de que é algo que nos compromete a todas e a todos, axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación, recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres, os nenos e as nenas.

Hoxe, 24 de novembro, dende o Concello de San Sadurniño queremos reiterar o noso compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres; amosando, ademais, o noso firme rexeitamento de quen a exerce e da complicidade de quen as silencia.

SEMPRE LIBRE E VIVA!

San Sadurniño a 24 de novembro do 2017

Share.