Máis Venres en Sansa! e bicis ás portas de Santa Isabel

0

Hai festa en San Sadurniño. A comisión apareceu hai poucos días e, en nada, conseguiu armar cartel para celebrar Santa Isabel como merece. A festa será o martes 2 -festivo local- e mailo mércores 3 de xullo. O primeiro día actúan Ritmo Noche e La Favorita, mentres que o segundo a animación musical será cousa de Super Fama e Samba. Porén, antes de meterse en festas patronais, en San Sadurniño haberá o venres e o domingo dúas propostas de lecer. Dunha banda teremos a segunda xornada dos Venres en Sansa! con paintball, parkour, un obradoiro de DJ e o pintado dun “Mural da Diversidade” co gallo do Día Internacional do Orgullo LGTBI. O domingo tocará coller a bici para dar unha voltiña matutina polos arredores de San Sadurniño, dentro da Ruta Ciclista en Familia que organiza o Concello en colaboración co club Biela e Chaveta.

Seguindo a orde cronolóxica imos falar en primeiro lugar da programación do segundo dos Venres en Sansa! deste ano, que oferta actividades de lecer alternativo para a mocidade de entre 12 e 35 anos. A primeira proposta é o paintball, que comezará ás 18.30h. no merendeiro do paseo fluvial situado ao pé da presa do Muíño de Mera. De todo o que se inclúe nos Venres…, esta é a actividade que case sempre esperta maior interese da rapazada e é tamén por esa razón pola que se organizan tres quendas de arredor de tres cuartos de hora con 20 prazas en cada unha.

Case en paralelo empezarase a pintar no peche perimetral do CPI un grande mural representativo do respecto pola diversidade afectiva. A idea incluiuse nos Venres en Sansa! como maneira de concienciar ás xeracións máis novas sobre a tolerancia e da igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. De feito, este obradoiro tamén é unha das accións da campaña #seresentir promovida pola Deputación da Coruña. Hai 12 prazas dispoñibles.

Os outros dous obradoiros programados céntranse en temáticas relacionadas coas culturas urbanas. De 20.30 a 22.00h. a praza do antigo Concello acollerá unha sesión de iniciación ao parkour e nese mesmo intervalo horario -e a escasos metros- desenvolverase na Casa da Xuventude un obradoiro no que aprender as técnicas básicas para picar música en calquera evento. Estas sesións contan con 20 prazas cada unha.

Todas estas actividades son gratuítas, ainda que precisan inscrición previa entregando na Casa da Cultura ou na biblioteca municipal a correspondente folla de solicitude. As prazas asignaranse por orde de petición ata completar o cupo ofertado en cada obradoiro. Se houbese vacantes nalgún deles daríaselle entrada a persoas que pasen dos 35 anos, aínda que igualmente deberán apuntarse o mércores como moi tarde.

Ciclismo familiar o domingo
E do venres saltamos ao domingo, día no que está previsto dar un paseo en bici con motivo da Ruta Ciclista en familia que organizan o Concello e Biela e Chaveta. A saída deste encontro familiar coas dúas rodas está posta para as 11.00h. de diante do CPI e percorreranse arredor de 13 quilómetros cunha dificultade baixa.

A ruta é gratuíta e fai falla inscribirse antes na Casa da Cultura ou o propio día no lugar de saída. É obrigatorio o uso do casco e durante o traxecto haberá avituallamento, ademais dun sorteo de material deportivo ao seu remate. Desde as seguintes ligazóns poden descargarse as follas para apuntarse: Ficha de inscrición para persoas adultasFicha de inscrición para menores.

No repaso ás citas que temos antes de Santa Isabel -que á súa vez irá seguida do Festival do Río Castro- tamén temos que falar dunha información de axenda que nos pasan desde Concienciarte. Esta entidade organiza para o sábado e o domingo un curso sobre equilibramentos enerxéticos co que se pretende que as persoas participantes atopen as súas “liñas enerxéticas” e que as poñan en sintonía coas do resto da natureza, de cara a mellorar o seu estado xeral. Tal e como asegura no seu cartel anunciador “saborearemos o ser conciencia que somos e faremos mobilizacións enerxéticas intencionadas dirixidas a nós mesmos ou a outros seres”. A actividade dirixiraa Manel Pardo e para participar nela hai que contactar con concienciarteculturacolectiva@yahoo.com ou chamar ao 649 929 917. Sobre o tema dos equilibramentos pode atoparse máis información a través da web www.equilibramientosenergeticos.com.

Share.