Máis novidades: limpeza de faixas de protección até o 16 de xullo e autorización de queimas por razóns fitosanitarias

0

A Consellaría do Medio Rural continúa publicando no Diario Oficial de Galicia ordes relativas ao que se pode e non se pode facer nestes momentos en relación co ámbito agrogandeiro e forestal. Se onte se lle daba máis larganza aos desprazamentos para manter cultivos, hoxe as novidades refírense á limpeza obrigatoria de faixas de protección contra os incendios forestais e tamén ás autorizacións de queima, que só se poderán facer por razóns fitosanitarias e unicamente en explotacións agrícolas profesionais. Para o resto dos casos -as queimas agrícolas de toda a vida- segue vixente a prohibición. No tocante á limpeza de faixas secundarias, Medio Rural anunciou tamén hoxe a ampliación até o 16 de xullo do prazo obrigatorio para que os particulares fagan ese traballo.

Ter limpos os montes e aquelas parcelas limítrofes con núcleos de poboación, vías públicas e equipamentos é unha obriga para todas as persoas titulares ou arrendatarias de terreos, de acordo coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

A lei marca o día 31 de maio para ter finalizados eses traballos. Sen embargo, nas actuais circunstancias de restrición da mobilidade estaba prohibido que ninguén puidese desprazarse para facer este labor pola súa conta. Ata hoxe. E é que a orde de Medio Rural vén aclarar, por unha banda, que segue activa a obriga de limpar de maleza os predios próximos ás vivendas e, por outra, a ampliación do prazo para facelo até o día 16 de xullo, de maneira que se compense o tempo perdido por mor do confinamento.

Neste sentido, a limpeza das faixas secundarias, aquelas situadas nos 50 metros máis próximos ás vivendas considérase unha das actuacións indispensables “para a protección do interese xeral e para o funcionamento básico dos servizos esenciais, ao abeiro do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma”, sinala o DOG.

No diario tamén se indica que nos desprazamentos para a limpeza das faixas secundarias deberemos levar unha declaración responsable que comprenda a finca ou fincas nas que se vaian levar a cabo as actuacións, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén haberá que portar os apeiros, ferramentas ou utensilios necesarios, ou, de non levalos, incluír na declaración responsable que están depositados na parcela ou lugar onde se vaia facer o traballo.

Co fin de reducir ao imprescindible a mobilidade das persoas por estas tarefas, recoméndase nos casos en que así estea previsto no convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga o seu desenvolvemento a través da empresa pública. Unha cuestión que polo momento non sería aplicable no caso de San Sadurniño. O Concello sumouse ao convenio e ten aprobado o plan de prevención, pero a Xunta aínda non facilitou as ferramentas para facer efectivo o procedemento de identificación e notificación que precederá as execucións subsidiarias das limpezas con persoal de SEAGA.

En relación coas cuestións forestais débese ter en conta tamén que están autorizados os desprazamentos de persoas propietarias para identificar cos madeiristas os montes que se vaian cortar. Para iso deberá ser a propia empresa forestal quen lle outorgue un salvoconducto á persoa titular e só para a data concreta en que se vaia facer a identificación da parcela para determinar o alcance da tala (buscar marcos, árbores que se queiran deixar, etc.)

Queimas autorizadas, pero só para explotacións agrícolas profesionais e por razóns sanitarias
A outra novidade publicada no DOG é que a partir de agora poderán solicitarse autorizacións excepcionais de queima de restos agrícolas amoreados en explotacións profesionais, sempre que estean motivadas por razóns fitosanitarias.  É importante insistir nisto: só queimas en explotacións profesionais, previa solicitude e por razóns sanitarias. As queimas agrícolas de sempre en cultivos de autoconsumo seguen suspendidas.

Para levalas a cabo durante o estado de alarma, as solicitudes deberán remitirse por correo electrónico aos Servizos de Prevención de Incendios Forestais das Xefaturas Territoriais da Consellería do Medio Rural, incluíndo unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade da queima por razóns fitosanitarias.

Na solicitude deberase indicar o concello, a parroquia, o lugar e a indicación do número de polígono e número de parcela que aparecen no SIXPAC da finca na que se realizará a queima solicitada, así como as datas nas que se pretende facela. Na solicitude debe constar ademais o número de inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como o número de persoas que comporán o equipo de queima e que será, como mínimo, de dúas persoas.

A queima de restos agrícolas amoreados poderase levar a cabo unha vez se reciba a correspondente autorización por correo electrónico. Nela figurarán todos os datos achegados pola persoa interesada, así como as condicións e as datas nas que se deberá realizar a queima. O enderezo ao que se deberá remitir a solicitude é o seguinte: ccp.coruna@xunta.gal.

Resolución no DOG que permite solicitar queimas por razóns fitosanitarias en explotacións profesionais
Resolución no DOG que amplía o prazo legal para a xestión da biomasa nas faixas próximas ás vivendas

Share.