Máis medios, pero tamén máis formación na Xustiza para abordar o maltrato

0

Os actos centrais con motivo deste 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, desenvolvéronse en San Sadurniño ao longo da xornada de onte sábado. Pola mañá a Casa da Xuventude acolleu o VII Encontro de autoprotección precedido dunha interesante charla da educadora social Noelia Rodríguez, quen pola tarde se ocupou de moderar unha tamén interesante palestra compartindo mesa con Arantxa Domínguez, muller que sufriu o maltrato ata que conseguiu saír do “círculo da violencia”, e con Pilar Fernández, fiscala de violencia de xénero que achegou luz sobre os puntos febles dos corpos de seguridade e da propia xustiza á hora de afrontar os casos de maltrato. Malia os avances lexislativos neste ámbito, para Fernández aínda cómpre mellorar os protocolos cunha maior coordinación e, máis que nada, con formación que axude a crearlle á muller un ambiente de confianza no que se sinta segura para continuar adiante coa denuncia e conseguir unha sentenza condenatoria para o agresor.

A fiscala fixo unha radiografía do que ocorre tan pronto como unha muller maltratada acode á Policía ou a Garda Civil, ou cando hai algunha denuncia veciñal ou do seu círculo máis próximo. “Denunciar é o máis importante para romper. Para a muller é un ‘basta xa’ eu non aguanto máis”. A este respecto, Fernández deixou a recomendación de aceptar a oferta de asistencia legal de oficio que, ademais de ser gratuíta, “vai axudar e apoiar á muller” para seguir adiante.

Porén, no momento da primeira declaración é onde xorde a primeira eiva na atención. Tal e como explicou Pilar Fernández, os interrogatorios adoitan ser os mesmos para un caso de maltrato que para calquera outro delicto e, en moitos casos, quen os dirixen carecen da formación necesaria e das habilidades sociais que require unha situación deste tipo, onde o habitual é que a vítima se encontre confusa e que mesmo se sinta como unha “sospeitosa” ou “culpable” porque a súa parella estea no calabozo.

Para evitalo e preparar a muller de cara ao camiño, cómpre crearlle “un ambiente de confianza e cercanía” que, en definitiva, lle dea seguridade para seguir adiante mantendo a denuncia e rachar así coa situación en que vive. Circunstancias que veñen de lonxe, cun clima de terror na casa que é resultado dun proceso de maltrato psicolóxico sutil ao comezo, máis patente despois co obxectivo de anular a personalidade e que, finalmente, desemboca no primeiro golpe dos moitos que virán despois. En palabras de Noelia Rodríguez, algunhas mulleres manifestan ter vivido a primeira agresión física como “un alivio” por liberalas de tanta tensión acumulada.

Con todo, a Xustiza ten os seus propios ritmos e o seu propio xeito de proceder. Porque a violencia non é un único delicto, senón que é case sempre unha acumulación de delictos -violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica- e para armar unha acusación que resulte nunha sentenza condenatoria hai que probalos todos ou a maior parte deles, co atranco que supón que todo ocorra de portas para adentro do domicilio e co maltratador e a maltratada como únicas testemuñas, a menos que haxa fillos e fillas, ás que agora a Xustiza tamén escoita. “Nós temos que probar cada delicto. E para iso temos que ter tempo”, sinala Pilar Fernández, quen engade que a “muller busca que acabe a súa situación” mentres que ela, como fiscala, tenta acadar unha condena para o maltratador. “Non só son fiscala, senón tamén muller e teño que darlle ferramentas para que manteña a súa decisión”.

Sendo así, nas 72 horas seguintes hai a posibilidade de activar unha orde de protección, que debe ir precedida dunha avaliación obxectiva do risco. Para iso hai protocolos nos que se escoita tanto á muller como ao seu maltratador, que tamén se axusta a maior parte das veces a un perfil típico. “Eles cara a fóra son persoas encantadoras”, comenta a educadora social Noelia Rodríguez, ao tempo que a fiscala engade que no momento de declararen case sempre tentan quitarlle ferro ao sucedido culpabilizando, unha vez máis, á vítima con comentarios do tipo “está tola”, “está tomando pastillas” e outros que, de ter algunha semellanza coa verdade, seguramente sexan resultado da propia situación de maltrato. Como dato: das 44 mulleres asasinadas no que levamos de ano, 10 tiñan pedida orde de protección.

De seguir adiante, trala denuncia vén a vista e máis adiante o xuízo. E a cada paso a muller “ten que repetir a mesma historia varias veces”, explica Pilar Fernández para pedir a continuación unha maior simplicidade, por exemplo, cunha única declaración oral. Neste sentido tamén pide “a creación de redes de apoio -servizos sociais, corpos de seguridade, atención sanitaria…- para axudarlle desde o primeiro momento. Que ela chegue preparada é a clave para conseguir sentenzas condenatorias”. “É moi frustrante (e habitual) que unha muller maltratada non declare”, asegura Fernández.

Tanto a fiscala como o resto da mesa de debate deste sábado pola tarde coincidiron en insistir na denuncia e na decisión para continuar adiante “para romper o círculo”, tal e como asegurou Arantxa Domínguez, quen contou a súa experiencia e como logrou escapar do maltrato.

Fuxir da violencia é unha decisión necesaria, anque complexa desde a óptica de quen a sofre polos múltiples factores que conflúen: dependencia emocional, dependencia económica, sentemento de culpa, vergoña e, case por riba de todos, a existencia de crianzas “que non poden quedar sen pai, porque el cos nenos e marabilloso”, segundo parafrasearon na palestra para resumir outro dos mitos do maltrato. “Un maltratador nunca será un bo pai”, aseverou Noelia Rodríguez.

Pola súa banda, Pilar Fernández lembrou que cando hai menores xa non depende só da nai, senón que a responsabilidade xa “é de todos” e a Xustiza tería máis doado actuar de oficio, igual que pasa cando quen sofre o maltrato son persoas dependentes ou discapacitadas. Ademais, na mesa tamén se alertou de que, aínda que inicialmente os nenos e nenas non sufran directamente o maltrato -anque si asistan a el, con toda a pegada psicolóxica que lles quedará como pouso- , unha vez que a muller dá o paso de denunciar aumenta o risco de que as crianzas se convertan en diana da violencia do pai, quen paga con elas a súa frustración ou se vinga da nai facéndolles mal.

 

 

Share.