Máis historias da luz con Fran da Lobeira

0

A última peza do Chanfaina Lab á que fixemos referencia, titulada “Electra”, estivo protagonizada polos irmáns Orosa, heredeiros da Electra del Narahío que levou a luz ao longo do século XX a moitos lugares de San Sadurniño. Mercedes e Manuel cóntannos nesa curtametraxe documental a historia da electrificación de San Sadurniño iniciada polo seu avó e continuada polo seu pai. O punto de vista é o daqueles pioneiros que se empeñaron en levar a luz, seña principal do progreso, ao maior número de lugares posible. A casualidade quixo que ese mesmo tema tamén o tratase o lobeirés Fran Bermúdez, só que desde o recordo da xente e do que supuxo para ela ese “E fíxose a luz” co que el titula a súa obra. Dela fala o profesor Manolo González en Fálame de San Sadurniño.

Francisco Bermúdez (Ferrol 1978) é músico esporádico, debuxante afeccionado de banda deseñada, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional… un auténtico home-orquestra. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu soño de visitar 40 países e 86 cidades durante 2.000 xornadas de singradura.

Casou e foi vivir ao lugar da Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia na parroquia de Monte: “Vivo na Lobeira”. Boa proba da súa teima cinéfila foron as súas pezas realizadas nos anteriores Chanfaina Lab: “Quixera” (2015), “Sentimentos” (2016) e “O inxerto, a bicicleta e o helicóptero” (2017).

No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum onde traballa no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN; aínda que moi cedo comezou a manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexenta e atende a “Embaixada da Lobeira nos Países Baixos”, que estará aberta ata o verán do 2019 no que retornará definitivamente ao seu lugar de adopción. Dende hai un tempo, Fran decidiu gravar en vídeo experiencias cotiás, ideas e sensacións sempre dende o humor retranqueiro e a creatividade. Na súa videobitácora A Lobeira Today podemos seguir de preto a súa incesante actividade, moi gabada en diferentes medios de comunicación.

Para a cuarta participación no Chanfaina, Fran da Lobeira tirou dese xa grande arquivo de referencia e gravado ao longo de varios anos sobre a súa pequena patria en Santa Mariña, á que Fran denomina a “Casa con maiúsculas, o Fogar”. Desta vez partiu dunha longa entrevista coa veciña Inolita da Lobeira na que conta cómo chegou a luz á parroquia: “Seleccionei o anaco. A conversa está xa practicamente presente en “A Lobeira Today” a falla duns cantos temas que non dan para un vídeo completo. Como dificultades atopeime con que só tiña unha camara compacta -a que a colle de fronte- e unha cámara de acción -a que colle o lateral-, e co telefono gravei o audio có único micrófono de solapa que tiña. Cero iluminación, tirando só dos fluorescentes da súa cociña e ao ter roto o trípode, sen posibilidade de estabilizar tomas e facer uns bos ángulos. Non creo que esta peza teña ningunha referencia formal, aínda que ao mellor, en concepto, pensei moito nalgúns traballos de Antón Caeiro. Tentei facer un “title hide” -non con moito éxito- ao principio, e logo darlle un formato similar á peza anterior de Luís usando como nexo a chegada da panadeira. Logo, a falada foi gravada de corrido, 45 minutos de metraxe nos que me meteu caña, e contoume moitas anécdotas, como cando ían buscar a ración na posguerra, do caldo galego tradicional, de cando emigrou a Francia e de xente da Lobeira e moitas cousas máis..”

“E fíxose a luz” é un testemuño de vida vivida, e que podemos considerar como a continuación doutro filme producido nesta Chanfainalab:“Electra”, xa que Fran nos pon en situación sobre a chegada da luz a unha pequena aldea arredor de 1960 e o que significou para a veciñanza en primeira persoa, neste caso dende o punto de vista dunha vitalista veciña da Lobeira. Inolita lembra o importante que foi aquela innovación que cambiaría para sempre a vida no rural.

Como fai sempre Fran, o humor e a retranca son o adobío final das súas pezas, así como o amor e respecto polas persoas que entrevista. Tamén participa brevemente Manolo Rodríguez, falecido o pasado 6 de maio aos 92 anos, o que acredita a urxencia e trascendencia do rexistro da historia oral, destas cápsulas de memoria viva, independentemente das súas condicións de gravación: “A verdade que mirado dende agora, paréceme mellorable na súa gravación, na súa iluminación e moito máis guionizable, pero co que tiña, coma sempre fixen o mellor que puiden. O importante é o que contan e que a memoria non se perda. Iso si, se acerto a saber que había pezas de 20 minutos, podería ter metido máis contos dos que me contou. Pero bueno, xa estou pensando na miña próxima participación no Chanfaina, no que cambiarei por completo de terzo.” Moitas grazas por traballar contra a amnesia e o esquecemento e agasallarnos con esta “pilula de verdade”. Desde a organización do Chanfaina Lab teñen o convencemento de que a “cabeciña que ferve” de Fran -sen dúbida o mellor cineasta da Lobeira- haberá de sorprendernos -e moito- nos tempos futuros.

Share.