Lume contra as velutinas

0

Chega o outono e aínda que ao longo do verán houbo numerosas alertas por mor da avespa asiática é agora cando están empezando a aparecer niños secundarios na copa das árbores. San Sadurniño é un dos concellos máis afectados pola invasión de  vespa velutina nigrithorax. Segundo os datos actualizados por Medio Rural a día 15 de setembro, no noso municipio xa se levan detectados entre 26 e 100 niños (na web da consellería non hai cifras concretas dado que o número varía dunha semana a outra). Un dos últimos descubriuse a primeiros de agosto no adro da igrexa de Santa Mariña do Monte e a pesar de que técnicos da Xunta o visitaron en tres ocasións non foi ata onte á noite cando se retirou por iniciativa veciñal. O sistema elixido foi unha pértega cun soplete no estremo que en escasos minutos reduciu a cinza niño, larvas e avespas.

O protocolo da autonómico indica que se debe chamar ao 012 para alertar da presenza de velutina e, a partir de aí, a administración  mobiliza persoal propio, dálle aviso ao grupo supramunicipal de emerxencias (GES) máis próximo ou trasládalle o aviso aos concellos que conten con medios. Porén, a xuízo do departamento de Desenvolvemento local de San Sadurniño, o protocolo “non está funcionando como debería nin tampouco de forma igualitaria para todos os municipios”, afirma Manolo Varela. O concelleiro explica que a semana pasada acudiron a un aviso no lugar da Coveluda, en Neda, membros do GES de Mugardos “perfectamente equipados para facer a retirada” mentres que, segundo Varela, “aos avisos de San Sadurniño están vindo unha ou dúas persoas sen materiais axeitados, polo que os niños quedan no sitio”.

IMG_5766

O niño de Santa Mariña do Monte eliminouse por incineración

Ao parecer iso mesmo foi o que ocorreu en Santa Mariña do Monte cunha colonia xurdida nunha árbore do adro da igrexa parroquial. A concelleira de Servizos, Amparo Calvo, sinala que o primeiro aviso do niño se deu desde o Concello “o día 9 de agosto” e que aínda se lle volvería comunicar á Xunta “o día 30”. Nese tempo, segundo explica a concelleira “viñeron velo tres ou catro veces” sen que en ningunha delas se chegase a eliminar. A colonia encontrábase nun lugar relativamente accesible e a unha altura duns 10 metros do chan.

A fin chegoulle onte á noite. Sobre as 22.30h. varios veciños e apicultores dispuxeron unha pértega cun soplete de gas semellante aos que se empregan nas matanzas. En escasos 10 minutos e desde o chan conseguiron chamuscar completamente a colonia. O método é efectivo sempre, pero só se pode usar en zonas onde non exista perigo de provocar un incendio, como era o caso.

Con todo, nos próximos días será necesario vixiar o lugar. Xa se teñen dado casos de colonias que reapareceron no mesmo sitio incluso despois de matalas con veleno e de retirar o niño.

 

Share.