Luís Zahera desminte a súa “chunguez” este domingo na Casa da Cultura

0

O coñecido actor de series como “Mareas Vivas” e de películas como “Celda 211”, “O descoñecido” ou “Invasor” presenta o seu Monólogo “Chungo”. Luis Zahera explica as súas vivencias vitais como actor e a deriva que o ten levado a interpretar papeis de raro, de non moi listo e sempre diso, de tipo “chungo”. Un concepto que é froito da percepción dos demais pero que, en realidade, nada ten que ver coa súa personalidade. Ou alomenos iso é o que intenta transmitir cun monólogo ao que poderemos asistir este domingo a partir das 19.00h. na Casa da Cultura con entradas a 5€.

“Eu non son moi monologuista”, afirma Xosé Luis Castro Zahera (Santiago, 1966). Un actor polivalente e omnipresente, ainda que case sempre facendo papeis dándolle vida a homes duros, cun carácter labrado a paus pola vida e que, nalgúns casos, descoñecen calquera concepto de moralidade. Luis quítalle ferro: “fago de parvo ou de desagradable… e hai que levalo”.

O actor conta que esa aparencia  de chungo ou babeco -depende por onde se mire-  se lle revelou de pequeno estando na casa vendo “Los Ángeles de Charlie”, cando a súa nai lle espetou “José Luis, ¿por qué tienes que mirar la tele con esa cara?”.

O seu paso pola escola e o instituto perfilaron aínda máis a imaxe proxectada de tipo lelo ou malo -outra volta, dependendo das circunstancias- que despois a televisión e o cine convertirían en marca da casa. Lembremos, por exemplo, o toxicómano fiel ao Malamadre interpretado por Tosar en “Celda 211” ou o asasino sen escrúpulos de “Invasor”, por non falar do seu papel de Pertur naquela serie protagonizada por Amaia Salamanca e María Castro onde o seu nome na ficción non era vasco, senón que viña de “perturbado”. Mesmo aquel Petróleo de “Mareas vivas” co que a súa cara se fixo familiar en toda Galicia tiña algo de fulano un tanto escuro, aínda sendo un fantasmón tenro e querido pola audiencia.

En “Chungo”, Luis Zahera vai debullando os casos da vida e do traballo cunha enxurrada de humor que garanteun bo cacho de moita risa, mostrando ao mesmo tempo un grande actor que neste espectáculo non se sabe en que momentos está de coña e en que momentos nos fala en serio, aínda que semella máis isto úlimo contado con gracia.

Poderemos asistir a “Chungo” na tarde do domingo -19.00h.- na Casa da Cultura. É un show para público adulto con entradas a 5€, que poderán adquirirse desde unha hora antes no propio recinto ou reservarse anticipadamente no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616.332.919.

Con esta peza humorística arranca un pequeno ciclo teatral cofinanciado pola Deputación da Coruña no que tamén teremos a “Terapia de bar” que nos propón O Aturuxo de Melpómene ás ordes de Jose Luis Prieto -o domingo 14 de maio á mesma hora- e o sorprendente espectáculo familiar “Ploff” -domingo 28- dirixido polo mestre das burbullas de xabón Luis Beviá.

Share.