Luís Seoane e os contos, protagonistas de dous obradoiros da Biblioteca municipal

0

A Biblioteca municipal finalizou hoxe as actividades organizadas este mes co gallo do Día do Libro. Os nenos e nenas de primaria asistiron no primeiro andar da Casa da Cultura a unha sesión de contacontos que mesturou libros e tamén maxia nun espectáculo participativo pensado para fomentar o hábito da lectura entre a cativería. Onte foi a rapazada un pouco maior -a de quinto- a que gozou dun obradoiro ao redor da figura do polifacético galeguista Luís Seoane no que primeiro se achegaron á súa figura e despois tentaron imitar a súa arte.

Crearte Servizos Culturais propúxolles aos nenos e nenas de 10-11 anos un xeito distinto de descubriren a obra dun dos persoeiros fundamentais da nosa cultura. Nado en 1910 na Arxentina como fillo da emigración, Luís Seoane pasou a súa mocidade e xuventude en Galicia nun dos momentos de maior fervenza creativa. Unha época truncada pola Guerra Civil que o obrigarían a retornar á súa terra natal, desde onde continuaría sementando o galeguismo político e creativo. Escritor, avogado, xornalista, activista, ceramista -impulsou con Díaz-Pardo o Laboratorio de Formas do que xurdiría a segunda época de Sargadelos-, pintor e ilustrador… Seoane xuntaba nunha mesma persoa múltiples facetas que exerceu implicado en ducias de proxectos.

Á rapazada falóuselle principalmente da súa obra pictórica e de como contribuiu aos “ismos” gráficos coas súas cores planas e trazos en movemento, reflectindo en todo momento a Galicia máis desfavorecida, a mesma á que axudaba e defendía nos seus tempos de avogado mozo na Coruña antes do golpe de estado do 36.

A sesión, planificada seguindo a técnica do descubrimento guiado, rematou cunha actividade de creación, na que os nenos e nenas emularon o estilo de Seoane empregando cartolinas, tesouras e pegamento de barra.

A actividade desta mañá optou polo formato do contacontos, se cadra o máis axeitado para as idades iniciais de escolarización. Rodeado de libros, o alumnado asistiu a unha narración interactiva pragada de personaxes misteriosos que ían saíndo entre sorpresa e sorpresa dunha maleta que semellaba non ter fondo. Lóxico se temos en conta que se trataba dunha maleta máxica, case tanto coma os propios libros.

Estes obradoiros forman parte da oferta “Ler conta moito” da Consellería de Cultura e integráronse na programación de animación á lecutra da Biblioteca municipal, intensificada co gallo do 23 de abril, Día Internacional do Libro. A próxima cita será xa cadrando coa celebración das Letras Galegas. O 18 de maio a Casa da Cultura acollerá “Contando en feminino”, da asociación cultural Lisístrata. Contos narrados desde a perspectiva de xénero e co obxectivo de concienciar aos máis pequenos e pequenas sobre a igualdade. Daranlle a volta ás historias de toda a vida dun xeito divertido, ofrecendo incluso finais alternativos e sorprendentes nos que a muller asume o rol que lle corresponde.

Share.