Lucía Estévez fíalle á planificación, ao son e á actriz o desenvolvemento de “Arrolo”

0

Nestes días estamos vendo as últimas pezas gravadas no Chanfaina Lab do pasado mes de setembro. Das xa estreadas, e seguindo a orde, tócanos falar hoxe de “Arrolo”, obra da cineasta viguesa Lucía Estévez. Unha peza de corte moi experimental para a que ela tiña unha idea ben definida. Sabía o que quería contar e como contalo, pero de aí a conseguilo hai un longo camiño que Estévez logrou acurtar apoiándose nunha detallada planificación previa, na confianza plena na actriz protagonista, Melania Cruz, e na elaborada posprodución e creación de audios de Javi Pato, ademais de ter canda si a alguén tan experimentado na xestualidade como o actor e director teatral Tito Asorey. E é que “Arrolo” se sustenta en ecos, nun ambiente claustrofóbico e, máis que nada, no grande e difícil traballo da actriz principal durante dous días de rodaxe intensa en que estivo case confinada nunha pequena habitación. Un auténtico reto que Melania Cruz tivo que superar valéndose unicamente da expresividade corporal e da súa capacidade para sacar de dentro emocións. A glosa da peza que podemos ler en Fálame de San Sadurniño di o seguinte:

Lucía Estévez (Vigo, 1994) cursa o grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e realiza un Erasmus á Universidade Católica de Porto (Portugal), onde investiga no ámbito da creación artístico-plástica. Dende 2015 traballa en longametraxes, curtametraxes e publicidade, como auxiliar de cámara en proxectos profesionais como “María (y los demás)”“Cuerpo de élite” e “Trote”. E noutros como script: “Arima”, a multipremiada “Matria” ou a serie de TVE “Antes de Perder”. Ao mesmo tempo, estuda e investiga na formación persoal en guión e dirección de actrices e actores en cine e teatro. En 2017 recibe a axuda de AGADIC para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, pola súa curtametraxe “Sendeiro” e nos últimos dous anos a vida de Lucía foi un sen parar en numerosos proxectos de cine, danza, música e teatro. No 2018 recibe o premio “María Luz Morales” ao mellor videoensaio galego por “Muller Personaxe”.

Lucía chegou a San Sadurniño cos deberes feitos, armada cunha idea definida e arroupada por unha gran actriz e mesmo un máis que eficiente axudante de dirección, ambos ademais sacaron tempo para colaborar na peza “Breixo” de Javier Seoane: “A idea de “Arrolo” nace a partir dun interese por contar unha historia co corpo e a imaxe, sen texto, nunha pescuda por tratar de responder cuestións sobre de que maneira o pasado incide no noso presente. Cando eu era cativa, escoitaba contos en cintas de casete polas noites. A narración sonora dos contos axudoume a non ter medo e poder durmir coa luz do corredor acesa. Co paso dos anos, deixei a un lado as cintas pero inconscientemente apareceron de novo durante os meus procesos creativos os últimos anos. Por ese motivo, quixen adicar unha peza exclusivamente á idea de escoitar os recordos. A construción sonora é fundamental. O traballo de Javi Pato no deseño sonoro conseguiu construír, de cero, unha atmosfera acorde á historia. As respiracións, os movementos da actriz, os tactos na parede, o son da cinta: todo está construído a posteriori da rodaxe. Creo pertinente louvar o traballo de todo o equipo, que me acompañou en todo momento por construír xuntos esta historia. E defendo, do mesmo xeito, a necesidade de narrar coa imaxe, esquecer os diálogos, traballar a memoria e o imaxinario persoal nos proxectos de ficción”.

“Arrolo” é unha peza claustrofóbica e por veces perturbadora, na que a novísima cineasta viguesa afronta riscos narrativos utilizando o espazo sonoro como un elemento impresdindible do relato. Lucía aposta ademais pola complicidade creativa coa súa actriz, implicándose mutuamente na procura de ecos ou voces da memoria nun espazo pechado e atemporal e cunha posta en escena construída entre a rodaxe-proceso e a improvisación planificada: “Os obxectivos desta peza son construír coa escoita. Unha muller pechada nun cuarto. O motivo non importa, non é necesario comprender se é un encerro ou non, nin por que está aí nin dende hai canto. O importante é o retrato desa rutina que se repite día tras día, na que parece que buscase unha maneira de achegarse a ela mesma, de comprender mellor o seu presente, da man da súa nena interior. O traballo interpretativo da man de Melania Cruz permitiu que eu como directora e realizadora puidese xogar. Cada día da ficción planificouse en plano secuencia, deixando á intérprete un espazo de pescuda e liberdade para xogar.”

Así pois, a prometedora  Lucía Estévez seguiu un dos mandamentos do espírito do Chanfaina Lab, a experimentación e a procura da mirada propia, como un fito máis desa filmografía persoalísima que está a desenvolver a cineasta de tan só 24 anos. Temos que informar que esta copia é un “work in progress”, unha copia aínda non definitiva ata a súa posprodución final durante o verán do 2019, no que inicia o seu periplo por festivais.

Share.