Local de Bardaos listo, agora tocaralle ao de Ferreira

0

Bea Ferreira, Alberto Fernández e Paula Aneiros -ademais da concelleira Amparo Calvo- traballaron duro a semana pasada para completar con madeira e pintura o lema “Pan e viño andan camiño” que desde hoxe mesmo preside a fachada do local social de Bardaos. A frase non se elixiu ao chou, senón que a rapazada participante no obradoiro “Debullando cores” deste ano meditou ben a decisión. Queríase poñer un dito da tradición oral galega que ademais conectase dalgunha maneira coa parroquia. De aí saíu un lema que enlaza coa festa do San Pipote e a confraría do mesmo nome que a organiza, pucha de Carlos Cobelo e de Antón da Casanova incluída. O proxecto de decoración finalizou esta mañá cunha pequena merenda, pero “Debullando cores” continúa na primeira semana de agosto no local social de Ferreira. A rapazada pode apuntarse en agustin.perez@sansadurnino.gal ou no 616 332 919.

O primeiro “Debullando…” deste verán só logrou reunir dous participantes, Alberto e Bea, quen traballaron man con man baixo a supervisión da artista plástica Paula Aneiros e con algo de axuda en certos días da titular de Cultura, Amparo Calvo.

Pouco tiveron que discutir para elixir de que maneira ían decorar a fachada do local social da parroquia. A proposta de partida era buscar un refrán e ver cal se lles axeitaba ao espírito de Bardaos, sitio acolledor e festeiro onde nunca falta unha toma ou un prato para quen por alí pase e que, ademais, debe ser o único do mundo que honra un bocoi cheo de viño. A frase final veu dada cunha simple busca na rede: “Pan e viño andan camiño”.

O dito é un pouco máis longo  (“Pan e viño andan camiño, mellor que mozo garrido”), pero era moita letra de máis para que quedase ben e cun tamaño proporcionado á fachada.  Con todo, o “mozo garrido” está presente igualmente representado cunha inconfundible boina -a de Cobelo o de Bardaos e a do finado Antón da Casanova- colocada estratexicamente sobre o “o” da palabra “viño”. Toda unha homenaxe para ambos que presidirá durante moitos anos o principal punto de encontro das troulas da parroquia.

A semana pasada arrancou con case 20 recadros de madeira de taboleiro náutico -feito para durar unha vida á intemperie- aos que foi necesario darlles imprimación e unha base de distintas cores que se enmascararon con cinta para marcar as letras. Un traballo que entre rodillo, pincel e agardas de secado ocupou practicamente os cinco días. Ata hoxe, cando o scrabble xa ordenado se colocou na parede do local social que dá á estrada con axuda do carpinteiro contratado a través do PEL da Deputación da Coruña.

O ramo á obra púxoselle, como se fixo sempre, cunha pequena merenda e a contemplación do choio rematado e ben feito.

“Debullando cores” continuará en Ferreira
Esta iniciativa do departamento de Cultura está pensada para nenas e nenos de entre 8 e 14 anos, a quen se lles propón vestir de cor algún recuncho do noso territorio. En edicións anteriores fixeron o propio en Santa Mariña, Lamas, Naraío e Igrexafeita. Tras completar o traballo en Bardaos, “Debullando Cores” trasladarase ao local social de Ferreira entre o 1 e o 5 de agosto ofrecendo de novo 8 prazas repartidas en dúas quendas, unha de 10:30 a 11:30h e outra de 11:30 a 12:30h.

Trátase dunha proposta gratuíta pero que require anotarse antes a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou do teléfono 616 332 919.

As prazas cubriranse por orde de inscrición e, unha vez anotada, non fai falla que a rapazada leve nada, agás roupa que se poida manchar, gorra, botellín de auga e protección solar botada. O demais -material para os bocetos, pinturas acrílicas, brochas, pinceis, cinta de papel, etc.- pono o Concello, co ánimo de que as nenas e nenos só teñan que preocuparse de aprender, compartir unha experiencia distinta e desfrutar do obradoiro.

DEBULLANDO CORES 2022 BARDAOS (1)

 

Share.