Lobos de Naraío organiza nas Pontes a terceira proba do calendario galego de mushing

0

O contorno do lago das Pontes acollerá este domingo a primeira proba oficial de mushing que se desenvolve no municipio. Trátase dun evento puntuable para a liga galega desta disciplina que engloba cinco modalidades deportivas derivadas das carreiras de trineos tirados por cans.  O circuíto ten un trazado de 3.800 metros para a proba federada e de 2.200 metros para a proba popular. En ambos casos discorrerá por zonas de herba e pistas arredor do lago. A saída darase ás 10.00h. desde a praia artificial, onde tamén se encontra a chegada.

Non é algo novo que un club de San Sadurniño acuda a outros concellos organizar eventos. Xa o vimos nos últimos anos co Aldebarán de Volei xestionando os trofeos de volei-praia da vila pontesa e agora é Lobos de Naraío quen fai o propio cun deporte que pouco a pouco vai espertando máis afección.

Segundo a wikipedia, dentro do mushing -palabra procedente da orde “mush” para que os cans iniciasen a marcha- atopamos o canicross, onde unha persoa corre axudada polo animal tirando dela; o bikejoring, onde se usa un patinete ou bicicleta; o skijoring, se o deportista vai sobre esquís; o triciclo cando se emprega un carro de tres rodas e, por último, o cart, cando son entre 6 e 12 cans quen tiran dun carro de catro rodas ou dun trineo.

O domingo poderemos ver nas Pontes as dúas primeiras variantes, é dicir, canicross e bikejoring tanto en bici como en patín. Os e as participantes federadas sairán ás 10.00h. para percorreren 3,8 km. polas pistas de area compactada e sendeiros que bordean o lago das Pontes. Ao seu remate daráselle a saída a unha proba popular de 2,2 km. “para que todas aquelas persoas que queiran iniciarse neste deporte poidan ter unha primeira toma de contacto con el”, explican desde Lobos de Naraío nunha nota remitida aos medios.

Tanto unha coma outra seguirán as normas da Federación Galega de Deportes de Inverno. De feito, o das Pontes será o terceiro evento da liga galega de mushing da temporada 2017-2018. “Contamos con corredores e corredoras de toda a comarca tanto na proba masculina como na feminina cunha traxectoria avalada por uns 6 anos de competicións en probas oficiais e populares. Hai participantes de Fene, Narón, Ferrol e San Sadurniño, pero tamén xente e cans doutras partes de Galicia”.

A proba está organizada polo club Lobos de Naraío coa colaboración do club de montaña O Caxado, ademais do Concello das Pontes e a empresa veterinaria Nexo. Lobos conta cun equipo de seu con 30 membros que este domingo, de seguro, farán unha boa actuación tanto na parte deportiva como na organizativa.

Información de entidades veciñais
Ao igual que Lobos de Naraío, calquera entidade veciñal ou deportiva do territorio pode empregar os medios de comunicación municipais para darlle difusión ás actividades que organicen.

Abonda con remitirnos un correo a concellodesansadurnino@gmail.com con toda a información -unha descrición da actividade, datas, prezos, prazos de inscrición, algunha imaxe de edicións pasadas, o cartel…- para que o evento se inclúa nas axendas municipais, na web, no facebook, no twitter e mesmo no boletín Novas sempre que chegue en tempo da seguinte edición.

Share.