Licitadas en 150.000 euros as obras de mellora da envolvente da Casa da Cultura

0

A Casa da Cultura de San Sadurniño leva anos necesitando un amaño importante para solucionar os problemas de humidades que empezaron a producirse pouco tempo despois da súa inauguración, hai case 30 anos. Primeiro foron pequenas humidades que, pouco a pouco, foron provocando danos maiores que chegaron a se converter en graves filtracións nos días de chuvia intensa. Agora o Concello destinará 150.000 euros -financiados con cargo ao POS Adicional- a reparar toda a envolvente, cambiar as carpintarías exteriores e sanear os desperfectos que se foron producindo no interior co paso do tempo. Ademais tamén se aproveitará para dividir o espazo da antiga cafetaría en dous despachos independentes para que poidan ser utilizados polos grupos municipais da oposición, dándolle así resposta a unha demanda que se expuxo nos plenos en varias ocasións.

Tal e como se sinala no proxecto técnico, o obxectivo principal da obra é eliminar os “severos problemas de humidades” relacionados coas carpintarías e o estado do recubrimento da fachada, dos que resultan filtracións achacables “á solución construtiva adoptada para a envolvente”. Ademais, o edificio -no que se instalou hai relativamente pouco unha caldeira de biomasa- tamén padece de pouca eficiencia enerxética, no sentido de que no inverno gasta máis calefacción da debida por causa dun illamento e dunhas fiestras con perdas constantes, coa engadido das condensacións que producen en certos puntos.

Para acabar con esta situación o proxecto de obras propón selar convenientemente a pedra da fachada -despois de limpala a conciencia e dárlle un tratamento hidrófugo- e tamén cambiar todas as carpintarías exteriores manténdolles a aparencia, pero utilizando cristal e aluminio con rotura de ponte térmica.

Unha parte do plan resérvase para restaurar os desperfectos ocasionados no interior do inmoble, sobre todo na zona da sala de proxección, onde cumprirá limpar, lixar e dárlle un novo acabado unha vez que finalicen os traballos no exterior.

Dous despachos para os grupos da oposición no antigo ambigú
Alén destes labores de rehabilitación do edificio, o proxecto tamén inclúe a resposta a unha vella demanda dos grupos políticos municipais, sobre todo do Partido Popular, que ciclicamente veu reclamando en pleno que o Concello habilitase locais para a oposición nos que traballar e poder recibir á veciñanza.

Se ben os tres grupos teñen á súa disposición calquera dos espazos municipais -Casa da Cultura, Casa da Xuventude, etc.- para organizar calquera evento que consideren oportuno, agora o que se fará é preparar dúas oficinas fixas para o seu uso exclusivo, que irán situadas no recinto da antiga cafetaría da Casa da Cultura.  Para iso prevense colocar tres tabiques divisorios na zona central da estancia, de modo que quedarán dúas oficinas duns 10 m² cada unha, con entradas independentes e sen interferir nos accesos nin nas saídas de emerxencia do auditorio.

Financiamento provincial
As obras están orzamentadas en algo máis de 150.000 euros que o Concello levará a cabo cunha achega do POS Adicional da Deputación da Coruña (non con fondos procedentes dos remanentes de Tesouraría de 2020, como se apuntaba por erro esta mañá na primeira publicación desta nova).

A licitación está publicada no Perfil de Contratante municipal desde hoxe mesmo e as empresas construtoras que desexen optar ao contrato poden obter os pregos técnicos e administrativos -e presentar as súas ofertas- até as 23:59h. do próximo 26 de setembro.

Share.