Lembra: comprar en San Sadurniño axúdalle ao noso comercio e, ademais, pode ter premio

0

Aproveitade o que queda de día e tamén a xornada do sábado para facer as vosas compras en San Sadurniño. Aquí hai de todo: agasallos para que o Apalpador e Papá Noël dean mañá algunha sorpresa, produto de calidade para servir nas ceas e xantares destas festas, o necesario para que non falte detalle na decoración dos encontros familiares -lembrade, sen pasar de 10 persoas- e, en definitiva, case calquera cousa que poidades precisar no voso día a día, á que cómpre engadirlle outros servizos e subministracións facilitadas por ducias de pequenas empresas. A COVID-19 fixo que mirasemos de novo ao local para abastecernos e, ademais, fai falla que o fagamos para axudarlle no que poidamos ao noso tecido comercial, afectado coma outros sectores por unha crise que aínda vai para tempo. Pedímosvos que as compras destes días -e as de calquera outro momento do ano- as fagades en San Sadurniño por estes motivos, pero tamén porque na maior parte dos establecementos do concello vos han entregar ata o sábado un boleto para participar no sorteo de tres fantásticas cestas de produtos da terra.

Abonda con facer gasto en calquera dos locais que participan na campaña “Neste Nadal, consumo local”, promovida polos propios negocios comerciais, hostaleiros e de servizos de San Sadurniño coa colaboración do Concello.

Con cada compra entregaranvos un papeliño numerado no que anotar o voso nome e teléfono de contacto antes de depositalo nas urnas que hai en todos os locais. O luns a primeira hora da mañá recolleranse todas e, sobre as 12.00h., efectuarase o sorteo  perante o novo notario de San Sadurniño.

De premio hai tres cestas de Nadal valoradas en 100, 150 e 250 euros. Todas elas están compostas por produtos de proximidade subministrados pola Agroalimentaria do Eume, tanto producidos en San Sadurniño como noutros puntos da comarca. A de maior valor -todas van ben aprovisionadas e inclúen a cesta de bimbio- leva, entre outros artigos, queixos de Lácteos O Casal, Brigantia e Campo Capela; mel da Casa do Mel; manteigados, turróns e polvoróns artesáns das Pontes; as saborosas Maruxas de Nata que se fan en Santa Mariña; licores de Meigas Fóra e dúas botellas de cava galego; marmeladas; cogomelos do Eume; varios embutidos de porco celta e conservas de atún e sardiñas en aceite de oliva de La Pureza.

Tres lotes de sabores que xa non chegan para a cea de Noiteboa, pero que sen dúbida axudarán a restituír existencias  de cara á noite de Anovello.

Seguridade ante todo
E, xa que falamos de ceas e xantares, aproveitamos para recordar que nestas festas debemos esforzarnos aínda máis para previr contaxios do coronavirus, tanto dentro como fóra da casa. O máis importante é o seguinte:

  • Recoméndase a celebración das reunións no Nadal só con persoas convivintes entendendo como tales ás persoas que viven habitualmente no mesmo domicilio. De celebrarse reunións con persoas non convivintes, recoméndase realizalas, de ser posible, en espazos abertos ou exteriores, minimizando o tempo da reunión e sempre preservando a distancia de seguridade, a hixiene de mans e o uso axeitado da máscara.
  • Non se superará un máximo de dúas unidades de convivencia (entendéndose como tales, as unidades compostas por convivintes no mesmo domicilio). Neste caso, o número de persoas que se poderan reunir será de 10.
  • Se algunha destas celebracións se realiza con máis dunha unidade de convivencia, manterase esta agrupación para o resto das celebracións do Nadal (levar a cabo as celebracións sempre coas mesmas unidades de convivencia).
  • No caso de que se reúnan dúas unidades de convivencia recoméndase, de ser o caso, priorizar as unidades unipersoais, para evitar situacións de soidade non desexada. Se, en último extremo, se reúnen máis de dúas unidades de convivencia, o número máximo de persoas que se poderán reunir, incluíndo os nenos menores de 10 anos será tamén de 10. (6 maiores e 4 nenas/os)
  • A celebración de ceas e comidas realizarase  nunha mesa o suficientemente grande para que permita o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas. Ademais, non se compartirán alimentos (canapés, ensaladas, salsas, etc.), procurando que sexa só unha persoa a que poña e quite a mesa e atenda ao resto de comensais, previa desinfección das mans. Evitarase o contacto físico -estreitar a man, bicos, apertas…- e tamén falar alto e cantar (para isto pode ser útil manter a música ambiental, no seu caso, nun volume baixo). Ventilarase adecuadamente a estancia e tentarase  reducir o tempo de celebración de comidas e ceas.
  • inicio do toque de queda na noite do 24 ao 25 fixouse nas 1.30h., co que se amplía a marxe para cear de vagar durante a Noiteboa e ter tempo suficiente para regresar ao domicilio trala sobremesa.
  • Ata as 23.00h. do día de Nadal -25 de decembro- permítese ir visitar familiares en municipios con peches perimetrais -ou que eles veñan visitarnos a nós-, como é o caso de Ferrol, Narón, As Pontes ou A Coruña. A Xunta pide que esas visitas sexan só para saudar e verse, pero non para pasar os xantares ou ceas xuntos. Por suposto, este levantamento parcial das restricións á mobilidade non pode nin debe aproveitarse para ir “tomar os vasos” a eses municipios nin para que persoas deses concellos veñan tomalos ao noso.

En relación co punto anterior, debemos limitar a nosa actividade social ao mínimo e gardarnos moito de frecuentar lugares concorridos, evitando as xuntanzas innecesarias con outras persoas. E isto vale tamén para os encontros de grupos para tomar viños antes da cea de Noiteboa ou para brindar antes de despedir o ano:

  • Os grupos en bares e outros espazos seguen sen poder ser maiores de 6 persoas
  • Na hostalaría de concellos coma o noso, que se encontra nun nivel de restricións básico, o aforo máximo no interior será dun 50% e dun 75% nas terrazas. Non se pode utilizar a barra.
  • Hai que poñer en práctica as medidas de hixiene de mans e o uso obrigatorio da máscara, que só se poderá quitar no momento xusto da consumición. Tede presente isto: non vale entrar no bar, pedir, sacar o cubrebocas mentres se toma e se parola e poñelo de novo á saída. Polo tanto, a máscara sempre posta entre cada grolo ou cada petisco que tomemos.

Tede moito #sentidiño e pasade un bo Nadal!

 

Share.