Lara e Noa Castro volven facelo

0

Cando se revisan os traballos iniciais de quen hoxe son grandes profesionais da imaxe, en moitos casos atópanse vídeos ou cintas experimentais que non son aptas para calquera mirada, xa sexa polo seu contido ou polo arriscado da súa realización. Case sempre son propostas onde esa experimentación se pon ao servizo da procura dunha mirada propia que, co tempo, se irá depurando e estampando como un selo persoal ao longo de toda unha carreira. As realizadoras ferrolás Lara e Noa Castro están nese momento. Hai dous anos participaron no Chanfaina Lab cun sorprendente vídeo onde todas as imaxes se mostraban en vertical e na última edición do encontro audiovisual volveron asinar un traballo igualmente abraiante e persoal. “Pezas imposibles” -ese é o seu título-  é á vez unha curta desconcertante e desacougante, cargada de metáforas sobre os ser humano e sobre a vida, pero tamén resultado dun xeito de ver moi prometedor que busca algo máis que a estética da imaxe. Manolo González -quen fora mestre das dúas realizadoras- fala deste xeito delas e da súa incipiente carreira audiovisual:

As irmás ferrolás Lara e Noa Castro son cineastas moi novas, -19 anos recén feitos- mais cunha dilatada traxectoria creadora que comezou con premios literarios cando tiñan nove anos de idade e agromou en diferentes disciplinas artísticas ao longo dos últimos dez anos. O inmenso talento das dúas irmás acadou premios e recoñecementos en numerosos certames literarios, de artes plásticas e tamén audiovisuais.

A súa madurez fica patente en pezas relacionadas coa Historia de España mentres estudaban o Bacharelato aos 17 anos como “Escravo”“Belle époque ?” ou “Fernando VII” entre outras. Na Chanfaina do 2017 xa sorprenderon con “O ollo cobizoso”, unha ousada curta que poñía en cuestión as regras clásicas da composición mediante o encadre vertical. Estudantes no segundo curso de Belas Artes en Pontevedra, a súa mirada, sempre orixinal, radical e innovadora, asombra a quen as coñece, non só polo seu talento, senón tamén pola súa humildade e calidade humana.

Lara e Noa achegáronse a San Sadurniño por segunda vez dispostas a rachar de novo e sorprendernos con esa mirada propia, única e singular coa que asinan todas as súas creacións. Como xa coñecían o territorio, este ano viñan cunha vaga idea de partida relacionada con espazos de auga e cos traballos que estaban a desenvolver na Universidade.

O resultado da súa procura atopárono na máxica fervenza do Río Castro: “o único que tiñamos claro cando empezamos a gravar era a localización: queríamos un escenario acuático, onde as personaxes puidesen flotar, onde non houbese referencias espaciais que as condicionasen. Esta premisa estaba relacionada cunha serie de traballos que estabamos a realizar como proxecto para a facultade, onde abordábamos o tema da identidades e a invención de novos contextos para o corpo”.

Porén, o acabado formal da curta apareceu como resultado dun pequeno atranco coa cámara: “ao comezar a gravar tivemos que enganchar a cámara boca abaixo. A rotación automática estaba estragada, así que o resultado da primeira proba foi a inversión da imaxe. Esta casualidade pareceunos moi interesante: o espazo gañaba en ambigüidade, e ver ás dúas protagonistas “patas para arriba” perturbaba ás pautas que rexen os lugares “posibles”. Así que decidimos continuar a gravación aproveitando a decisión do azar. “Pezas imposibles” foi o resultado”.

“Pezas imposibles” é unha proposta experimental, por veces mesmo desconcertante, na que as cineastas ferrolás volven a ensaiar un punto de vista sorprendente e que segue a esixir a complicidade do espectador. Se o ano pasado nos obrigaban a “remirar” a paisaxe con outros ollos, este ano tamén o fan con eses corpos etéreos, case sen límites físicos, esvaecidos nas augas do río Castro. Lara e Noa exploran novos xeitos de representación do corpo humano sen ningunha referencia coñecida; unha especie de espectáculo de ballet acuático -insólito e de gran beleza plástica -que nos obriga a interrogármonos sobre o que estamos a ver.

O único apoio narrativo é unha sutil idea que vertebra cada unha das nove partes nas que se organiza a curta. O consello que nos dan as cineastas é practicamente o mesmo que nos deron na edición pasada: tomar a curta como un experimento e deixarse levar: “Que se introduzan nas imaxes e se mergullen no espazo que se amosa, e xoguen a descubrir o que lles evoca de forma persoal. Que se pregunten qué é e onde se atopa o imposible destas pezas”. Noa e Lara -artistas “totais” e de inmenso futuro- seguen a demostrar o moito que poden achegar no devir do cinema e a cultura galega en anos vindeiros.

Share.