“La Vuelta 2016” pasará este martes por San Sadurniño

0

“La Vuelta 2016” visita a comarca este martes na disputa da súa cuarta etapa. En San Sadurniño entrará pouco despois das catro da tarde vindo desde Moeche pola AC-862. No canto de pasar polo centro urbano, a carreira desviarase en Riboira con destino á capela do Belén e, desde alí, a Santa Mariña do Monte e Valdoviño. Por este motivo, desde pouco antes do paso dos ciclistas haberá cortes de tráfico na estrada de Ortigueira, na DP-7603 e na DP-7602. Estímase que o paso dos corredores polo noso territorio dure arredor de 20 minutos.

A 4ª manga da volta partirá de Betanzos con 163,5 km. por diante e destino a San Andrés de Teixido. Irá pola costa ata Pontedeume e desde alí subirá por Cabanas ata A Capela e As Pontes. Da vila mineira ascenderá ao Caxado e baixará ata Ortigueira. No canto de continuar cara a Viveiro desfará camiño pola AC-862 pasando por Cerdido, Moeche e San Sadurniño para, desde aquí, encamiñarse a Valdoviño e, xa na parte final, a Cedeira. A meta estará situada no  alto da Garita de Herbeira.

O rutómetro facilitado pola organización indica que a chegada a San Sadurniño se pode producir entre as 16.15 e as 16.33h., dependendo da media de velocidade que leve a carreira. En contra do que cabería agardar, “La Vuelta” non sucará o núcleo urbano nin pola AC-862 nin pola Avenida Marqués de Figueroa, senón que os ciclistas se desviarán en Riboira  para tomar a estrada provincial DP-7302 que une este lugar de Lamas coa Capela do Belén. Unha vez alí desviarase de novo collendo a DP-7603 con rumbo a Silvalonga, Santa Mariña, o Coval e Valdoviño.

Tendo en conta este percorrido, os mellores lugares para ver o paso da volta serán calquera punto da estrada de Ortigueira, o lugar de Riboira e a Capela do Belén, onde se producirán dous cambios de estrada en curva que obrigarán aos ciclistas a reducir a velocidade. A partir de aí teremos unha chea de opcións para seguir a proba ao longo da DP-7603, que vai case toda en costa arriba desde Silvalonga ata Santa Mariña  e, ademais, con rectas longas e despexadas que permiten vela vir de lonxe.

Share.