La Unión e Vázquez Garzón fanse respectivamente cos contratos de limpeza de edificios e de mantemento de zonas verdes

0

A Mesa de Contratación permanente do Concello -formada por persoal municipal e representantes dos tres grupos políticos- resolveu provisionalmente este luns os procedementos correspondentes á licitación do servizo de mantemento de zonas verdes do Concello e da limpeza dos edificios municipais. No primeiro caso a proposta formulouse en favor de Vázquez Garzón S.L., mentres que no segundo será Limpiezas La Unión, pertencentes ambas ao mesmo grupo radicado en Miño. Ás licitacións presentáronse, en total, 10 empresas.

As actas do proceso de licitación publicadas no Perfil de Contratante municipal e referidas á contratación do mantemento de zonas verdes indican que se presentaron ao concurso sete firmas -unha delas quedou fóra- e que, unha vez sumadas as valoracións técnicas e as propostas económicas, a que obtivo maior puntuación foi Vázquez Garzón S.L., seguida de preto por Jardinería Arce S.L. e, con maior marxe, por Jardinería IMontes, Érbedo, T.A.F. Zaira e Carlos Maseda S.L.

Vázquez Garzón S.L. comprométese a levar a cabo os traballos por un importe anual de 42.006,36 euros (ive incluído). Deberá atender ata 60 enclaves repartidos por todo o territorio municipal. Entre eles os xardíns do pazo, o arboredo das ribeiras do Xubia, as áreas de descanso propiedade do Concello, as áreas recreativas e lavadoiros repartidos polas parroquias, o contorno dos locais sociais e incluso o repaso das tres rutas de sendeirismo deseñadas pola área de Turismo: o percorrido circular do paseo fluvial, a ruta do río Castro e a do Aceiteiro.

O contrato -adxudicado provisionalmente- terá unha duración inicial de 2 anos prorrogables por outros 2 máis. Un período de vixencia que tamén se aplica no caso da licitación da limpeza das instalacións municipais resolta pola Mesa de Contratación permanente, da que forman parte Secundino García, Amparo Calvo, Manolo Beceiro, Manuel Romero, Eduardo Lourido e, como secretario, o secretario-interventor municipal, Miguel Arroyo.

As puntuacións da avaliación técnica e das propostas económicas deron como vencedora do proceso a La Unión, seguida de SAMYL S.L. e de Aplicaciones para Cristalizados S.L. O prezo anual do servizo ascenderá a 28.422,90€.  Para preparar os pregos o Concello calculou que a limpeza de todas estas instalacións precisa  de alomenos 2.178 horas de traballo anuais, distribuídas dependendo da carga de uso de cada edificio. Así, nos pregos estimábase que a sede consistorial deberá limparse un mínimo de 3 horas diarias mentres que, por exemplo, as bases consideraba suficiente unha hora diaria para repasar os espazos comúns do Centro Municipal de Empresas.

As avaliacións técnicas de ambos contratos -o das zonas verdes e o da limpeza de edificios- fixéronse no seo de dous comités distintos, formados ao efecto por persoal municipal e da Deputación da Coruña, tal e como figura nas actas publicadas no Perfil de Contratante municipal.

Share.