IX Tetramaratón de San Sadurniño

0

O Tetramaratón de San Sadurniño é todo un clásico deportivo co que se lle dá a saída ás vacacións da Semana santa. Trátase dunha competición dura na que se xuntan equipos con compoñentes de idades diversas e un único obxectivo: gañar aos catro deportes propostos -volei, baloncesto, fútbol sala e hóckey- ou, polo menos, manter unha regularidade que permita finalizar co maior número de puntos posibles. O IX Tetramaratón disputarase na mañá do xoves 29 de marzo -Xoves Santo- e as inscricións xa poden facerse na Casa do Concello (María) ou a través do correo gutibtt@gmail.com remitíndolle cuberta a correspondente ficha, descargable desde esta ligazón. O prazo remata o 26 de marzo.

Os encontros comezarán ás 9.30h. no pavillón municipal e nas pistas do colexio e desenvolveranse ata primeiras horas da tarde da xornada do Xoves Santo. Hai catro disciplinas distintas -volei, fútbol sala, baloncesto e hóckey herba-  adaptadas a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que poderán ser mixtos e deberán ter un mínimo de cinco xogadores/xogadoras e un máximo de seis.

O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o triple.

No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de catro contra catro tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckey o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.

Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.

As inscricións son obrigatorias e poderán facerse ata o luns 26 de marzo entregando na Casa do Concello  a folla correspondente en horario de 9.30 a 14.00 horas (preguntar por María). Outra opción é enviala cuberta ao correo gutibtt@gmail.com. A participación é gratuíta e haberá trofeos para o primeiro e segundo clasificados, así como para o equipo que mostre un xogo máis limpo. Todas as persoas participantes levarán tamén unha camiseta como agasallo.

O IX Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica da Deputación da Coruña.

Información e ficha de inscrición

<<volver á portada

Share.