“Instantes dun retorno”, ¿pódese voltar a onde nunca se estivo?

0

A estrea da pasada semana do Chanfaina Lab tráenos unha historia íntima. Mellor dito, dúas historias íntimas que se cruzan froito do azar, precisamente, por causa do propio Chanfaina. “Instantes dun retorno” é unha peza sobre o reencontro co pasado de Laura Caorsi, unha xornalista uruguaia con raíces en Ferreira que aínda ten aquí parentes lonxanos e a casa da que partiu o seu bisavó a comezos do século XX. Pero o documental tamén é unha parte da súa directora, Giselle Llanio, que dun xeito ben simple -e duro para ela- nos obriga a reflexionar sobre de onde vimos, a onde imos… e, máis que nada, sobre a necesidade de gozar da xente que nos rodea.

Giselle Llanio é unha cineasta de orixe cubana que ten unha longa experiencia audiovisual. Traballou para varias producións da TVG -Supermartes, Serramoura, Pazo de Familia, etc.- e está a piques de estrear unha serie para a canle autonómica.

A realizadora, afeita a planificar, viu como o Chanfaina Lab poñía a proba a súa capacidade de reacción para adaptarse de inmediato ao imprevisto, a esas historias que xorden cando menos o agardas e que, case sempre, teñen máis miolo que as que viñan na cabeza. Ela chegou a San Sadurniño coa idea de seguir ao británico Craig Patterson interactuando coa xente de aquí. Pero aos poucos de poñer o pé no concello xurdiulle un tema novo: o do reencontro da xornalista uruguaia Laura Caorsi -unha emigrante coma ela- co seu pasado en Ferreira.

En Fálame de San Sadurniño, Giselle Llanio conta a xénese da súa curta documental. “Topei coa historia da xornalista uruguaia Laura Caorsi e deime conta que os tres (elas dúas e Patterson) eramos emigrantes. A historia de Laura tamén era a procura das súas raíces en Ferreira. Así que decidín integralo todo sobre a marcha sen saber moi ben qué estaba a facer… Só na montaxe me decatei da historia que tiña nas mans. Eu veño de traballar nun entorno profesional, onde todo está planificado e pechado, cun equipo de traballo a miña disposición e cheguei á Chanfaina cunha simple cámara réflex, sen axuda algunha, con innumerábeis problemas técnicos e cunha historia que tiña que darlle forma en directo. Para min foi unha aventura fermosa e emocionante que me fixo reencontrarme coa miña vocación de cineasta, a de poñer luz na verdade que está diante dos meus ollos. Alí o único que contaba eras ti e a túa historia, dispárase o proceso creativo, deixas de estar en automático e as ideas flúen. Moi diferente da rutina profesional na que traballas sempre do mesmo xeito para unha empresa. Na Chanfaina Lab, a realidade e a inmediatez imperan e o proceso de construción do filme converteuse nunha aventura creativa da que me sinto moi satisfeita”.

“Instantes dun retorno” -conta a reseña en Fálame- é dalgún xeito unha especie de roadmovie emocional dunha uruguaia, un inglés e unha cubana por San Sadurniño, vinculados ocasionalmente na procura da verdade e a identidade. Son seres humanos que chegaron a Galicia dende lonxe e aquí toparon acubillo ou sentido ao que buscaban. Unha historia que emocionará a calquera, porque o filme desborda autenticidade e, sobre todo, sentimentos a flor de pel. Historias circulares de idas, voltas e reviravoltas a través do espazo e o tempo, ademais de diversas miradas cruzadas dos/as protagonistas.

A propósito do filme, Sandra, unha amiga de Laura Caorsi escribe nunha carta: “Na curta transmítese enerxía positiva, alegría, felicidade, emoción, esperanza… é un traballo que rescata a quen marchou e que o trae camiñar canda nós. E tamén inmortaliza a quen marcha, como o pai de Giselle. É certo que un nunca morre se quen seguen vivos o lembran, o nomean. Con esta busca e ese reencontro cobraron vida moitos Luaces que xa partiron, aínda que non morreron porque viven na memoria de quen os amaron e os seguen amando… Esta é a historia de case todos nós, os emigrantes.”

Tras ver a curta de Giselle Llanio recomendamos ler a entrada do blog “Un Puerto”  de Laura Caorsi na que conta parte da súa historia na procura dos ancestros e na que fai unha sentida crónica sobre o proceso de gravación de “Instantes dun retorno”.

Share.