Instalada unha nova torreta de medición do vento preto do límite con San Sadurniño

0

Durante esta fin de semana completouse a instalación dunha grande estrutura metálica nun monte do concello de Neda próximo ao límite con San Sadurniño, preto da zona da Cortella e do lugar do Eirexado, en Naraío. Trátase dunha torreta de medición do vento que, ao parecer, está relacionada co Proxecto do Parque eólico Caaveiro que a eléctrica ENEL Green Power pretende asentar en terreos de San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas, cunha potencia instalada de 78 MW e 15 muíños de alturas cercanas aos 200 metros nalgúns casos. A aparición da torreta causou sorpresa en Naraío polas súas dimensións e pola rapidez coa que se ergueu, ademais de certa intranquilidade entre a veciñanza por tratarse dun novo paso nos plans de despregamento eólico na comarca.

Ao longo da fin de semana persoal da empresa zaragozana IDNAMIC encargouse de montar e instalar a estrutura, visible desde Naraío, Anca e Doso. Nela obsérvanse varios equipamentos -paneis solares e varios brazos horizontais con anemómetros- que terían a misión de recabar datos en tempo real sobre a intensidade e as horas totais de vento nese punto, o máis baixo do cordal da Louseira, co obxectivo de ter información real sobre a capacidade produtiva anual dos aeroxeradores.

Segundo confirmaron desde o departamento de Urbanismo do Concello de Neda -que dispón dos datos técnicos da instalación-, a torreta tería unha altura de 120 metros (aproximadamente a mesma á que estaría a buxa dun muíño), 117 de estrutura e 3 máis da baliza de sinalización, e os cabos tirantes que a sosteñen alcanzan os 120 metros arredor da base.

As mesmas fontes confirmaron que a empresa solicitante -da que non facilitaron o nome por protección de datos- presentou o proxecto mediante comunicación previa, dado que, segundo aseguraron, neste caso non existiría obriga de solicitar licenza de obra nin de sometelo a información pública.

Con todo, informan desde o Concello de Neda, a comunicación foi validada pola Xunta de Goberno Local conforme a instalación cumpre coa normativa do solo e de servidumes aeronáuticas nesa zona. Engaden, ademais, que se trataría dunha montaxe temporal que funcionaría durante os próximos dous anos.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, contactou esta mañá co seu homólogo de Neda, Ángel Alvariño, para interesarse polos detalles da instalación levantada en territorio nedense e que, segundo confirmou o rexedor do concello veciño, contaría con informe favorable dos servizos técnicos municipais. “Hoxe pola mañá falei co alcalde de Neda e comentoume que a torreta se instalou con informe favorable dos servizos técnicos municipais, xa que o proxecto e outra documentación cumprían coa normativa”.

Secundino García apunta que esta é a segunda instalación deste tipo que se ergue preto dos límites municipais de San Sadurniño (desde hai uns meses hai  outra estrutura similar en Moeche) e que, segundo comenta, “son indicadoras de que os plans de despregamento eólico seguen avanzando pouco a poucu a pesar de que aínda non tivéramos resposta as alegacións que presentou a veciñanza e que presentamos como Concello o ano pasado”.

O alcalde lembra que o Concello se opuxo “por unanimidade” ao proxecto eólico Caaveiro e outros “que as grandes eléctricas, coa connivencia do Estado e dalgúns partidos, pretenden instalar en toda a nosa comarca”. O rexedor critica que desde o bum de proxectos do ano pasado estean saíndo informacións en prensa cada certo tempo nas que se lanzan mensaxes en positivo sobre a eólica “co pretexto de que se trata dunha enerxía limpa que nos vai beneficiar a todas e todos, cando é ben sabido que o beneficio será para as empresas, que non se vai xerar emprego e que ter eólicos á porta da casa tampouco vai supoñer que nos custe menos o recibo da luz”.

Neste sentido, Secundino García recalca a mensaxe “enerxía eólica si, pero non así, non a calquera prezo e de costas á xente”, ao tempo que admite en que os concellos, como Administracións públicas, “teñen pouca marxe de manobra” nas tramitacións e autorizacións de novos parques por tratarse de “competencias do Estado ou da Xunta, baseadas en normativa estatal e autonómica que os concellos non poden incumprir se todo o trámite se axusta ás leis que temos, aínda que os responsables políticos teñamos outro punto de vista”.

Share.