Inma López Silva presenta o venres a súa exitosa “Chámame señora pero trátame coma a un señor”

0

“Nunca crin nesas mulleres de máis de corenta que se comportan coma se acabasen de saír dunha película de Disney. Non soporto as que fan coma quen que non saben de que vai a vida, e as que se sorprenden con todo. Non aturo as que se fan as parvas cando é evidente que as engurras na pel e as canas no pelo delatan que xa non están na idade da inocencia. Tampouco creo a esas que pretenden xustificar os seus fracasos ou desilusións valéndose da inxenuidade. Hai actitudes que, a unha certa idade, beirean o ridículo. Especialmente, nunca crin que, aos meus anos, as escritoras poidamos comportarnos coma se aínda puidésemos ser princesas. No fin de contas, diso se trata cando unha pretende algo máis ca escribir poemiñas para conquistar corazóns”. Así fala Inma López Silva sobre a súa última obra, “Chámame señora pero trátame coma a un señor”, toda unha revolución editorial que está no grupo de cabeza dos libros galegos máis vendidos cun formato, o ensaio, e cun tema, o a realidade feminina no mundo literario, que esixe algo ben novidoso e atraente se se quere conquistar un público certamente esixente e selectivo. Ela conseguiuno. O libro vai pola segunda edición en tan só tres meses tralo seu lanzamento e, ademais, conta xa cun longo rosario de boas críticas. A autora virá por San Sadurniño para falar desta obra, das anteriores e, sobre todo, do binomio  muller/sociedade, sociedade/muller. A cita é este venres a partir das 20.00h. na Casa da Xuventude.

“Chámame señora pero trátame coma a un señor” é, segundo a propia autora, un libro arredor “da perda da inocencia, unha ruptura con certos silencios, mesmo un balance de máis de vinte anos de dedicación á literatura. Este libro desexa ser tamén un xesto de coherencia, pois creo fondamente na necesidade do pronunciamento político daquelas persoas que temos a capacidade de erguer a nosa voz, un berro que, no meu caso, só pode ser feminista”.

López Silva engade que o libro afonda no machismo existente tamén na literatura, un espazo que non está libre “de todos os vicios machistas que funcionan no resto da sociedade. Pois non é certo. Hai machismo no mundo da literatura, e decidín contalo”.

A autora é tallante a este respecto lanzando un aviso a navegantes-lectores e lectoras que agarden deleitarse nas páxinas cunha mensaxe autocomplacente: “que peche o libro quen crea que vai atopar aquí un relato riquiño sobre o feito de ser escritora. Iso que o fagan as que van de inocentes. Por iso este tampouco é un ensaio ao uso”.

Inma López Silva é escritora e crítica teatral. Naceu en Santiago de Compostela en 1978. Na universidade da súa cidade natal licenciouse e doutorouse en Filoloxía. Diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbonne Nouvelle, actualmente combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde ensina Teorías do Teatro e desde onde desenvolve unha intensa actividade crítica que se materializa nas súas publicacións en Tempos Novos, Revista Galega de Teatro, ADE ou Grial.

Columnista en La Voz de Galicia e posuidora dos premios literarios máis significativos da narrativa galega actual, é autora dunha ducia de libros e destaca coma unha das escritoras de ficción contemporánea máis aclamadas pola crítica e polo público.

A súa visita a San Sadurniño para presentar “Chámame señora pero trátame coma a un señor” (Galaxia, 2018), encádrase nun programa de foros de literatura e pensamento feminista organizado pola Concellaría de Igualdade. A rolda inaugurouna hai escasos días Francisco Castro con “Iridium” e, trala visita de López Silva, pasarán pola Casa da Xuventude -o 15 de marzo– Cris Oliveira e Amada Traba, autoras de “ám@me”. O 12 de abril pechará o ciclo con Carme Adán falando da súa obra “Feminicidio”.

Share.