Iníciase o procedemento para elixir titular e persoa substituta do Xulgado de Paz

0

O Boletín Oficial da Provincia deste martes 26 de febreiro publica o inicio do expediente para a elección de dúas persoas -unha titular e outra substituta- para facerse cargo do Xulgado de Paz. As instancias de solicitude poden presentarse ata o próximo 21 de marzo. Pode ser xuíz ou xuíza de paz calquera persoa con nacionalidade española, maior de idade, que non estea condenada por ningún delicto e que tampouco teña causas de incapacidade ou incompatibilidade para desempeñar funcións xudiciais. Non é necesario ter licenciatura en dereito, aínda que si se valorará tanto ese como outros méritos. Unha vez que se peche o prazo de recollida de instancias será o pleno do Concello quen elixa á persoa titular e á substituta. 

Os xulgados de paz son os órganos máis básicos do poder xudicial e exercen a súa xurisdición en todos aqueles municipios onde non existe xulgado de primeira instancia.  As súas funcións teñen que ver con todo o relacionado co Rexistro Civil -certificados, inscricións, matrimonios, defuncións, etc.- pero tamén no relativo a xuízos verbais relativos a reclamacións de cantidades que non superen os 90€, actos de conciliación na orde xurisdiccional e o ditado de dilixencias por auxilio xudicial.  Entre elas estarían a instrución, enxuizamento, fallo e execución dos xuízos de faltas que se promovan, tales como ameazas, coaccións, maltrato de animais domésticos ou perturbacións da orde e danos leves de bens inmobles. No tocante ao auxilio xudicial encadraríanse, por exemplo, o apoio a outros xulgados na toma de declaración a persoas prexudicadas ou a cooperación con eles á hora de facerlle chegar ás persoas interesadas resolucións e actos de comunicación xudicial.

O cargo de xuíz ou xuíza de paz -así como o de substitución- ten unha vixencia de catro anos e a súa elección é competencia directa dos plenos municipais, onde se adoita tomar a decisión por consenso en base aos méritos alegados polas persoas aspirantes, como poden ser o de ter titulación ou formación relacionada coa avogacía ou coa carreira xudicial.

O pleno elixe, pero  despois é a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen nomea á persoa proposta, dado que o cargo non é municipal, senón que forma parte do poder xudicial do Estado. De feito, as retribucións que reciben os xuíces ou xuízas de paz están recollidas nos orzamentos xerais estatais, onde se sinalan distintas compensacións dependendo do número de habitantes do municipio. No caso de San Sadurniño -e de acordo cos orzamentos xerais do Estado de 2018, en vigor actualmente- márcase unha contía total ao ano de 1.666,13€. Iso si, cómpre ter en conta que quen obteña o nomeamento non terá que facer todo o traballo administrativo, senón que contará co apoio da secretaria do Xulgado, que é unha das técnicas de administración do Concello.

As condicións xerais para acceder ao posto son as seguintes: posuír nacionalidade española, ter a maioría de idade, estar en pleno exercicio dos dereitos civís, non estar nalgunha das causas de incapacidade previstas no artigo 389 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, non ter impedimentos físicos ou psíquicos para a exercer o cargo, non ter condena por delito doloso nin tampouco atoparse en procesamento ou inculpación por ese mesmo tipo de delitos.

En calquera caso, trala publicación no BOP do anuncio co inicio do procedemento, agora ábrese un prazo de 15 días hábiles para que as persoas interesadas presenten a solicitude e a relación de méritos acreditados. Botando as contas de fins de semana e festivos que temos por diante obtemos que o último día para achegar as instacias é o 21 de marzo. Poden presentarse por calquera dos métodos legalmente admitidos: correo certificado, rexistro presencial, portelo único da administración ou a través da sede electrónica.

Anuncio publicado no BOP e anexo coa solicitude (.pdf)

 

 

Share.