Iniciado o proceso de contratación do APROL Rural, reducido este ano á metade

0

O APROL Rural é un programa de emprego da Xunta de Galicia que lles permite aos concellos contratar persoal para desenvolver labores forestais ou relacionados coa retirada de maleza en espazos públicos. A resolución das axudas concedidas sóubose hai escasos días e, case de inmediato, o Concello iniciou o proceso selectivo para cubrir a única praza temporal que se puido convocar este ano. E é que neste 2020, tanto San Sadurniño como outros municipios da comarca viron reducida á metade a axuda autonómica, que pasou dos 26.000 euros dos últimos anos aos pouco máis de 13.000 da actualidade. O persoal preseleccionado polo Servizo Público de Emprego de Galicia está chamado para participar este martes pola mañá na proba do proceso, que se fará por concurso oposición.

O posto convocado é o de un oficial ou oficiala forestal que obterá un contrato temporal durante 9 meses e a xornada completa. O seu labor consistirá na limpeza de vías municipais e na roza de maleza nas inmediacións de espazos públicos.

O Concello solicitoulle ao SPEG un listado de persoas aspirantes que cumprisen os requisitos establecidos no programa autonómico, onde se prioriza a contratación de persoas desempregadas, sempre a tempo completo e durante un período mínimo de 9 meses.

O servizo público remitiu os nomes de 4 aspirantes que xa están convocados para as 11.30h. deste martes 23 de xuño no salón de plenos, onde terán que superar un exame centrado nos coñecementos do posto -procedementos e maquinaria para os traballos de roza e limpeza de vías- pero tamén das medidas de seguridade que se deberán adoptar e sobre as parroquias, lugares e eixos de comunicación de San Sadurniño.

Na fase de concurso valoraranse, entre outros aspectos, ser menor de 30 anos demandante do primeiro emprego ou sen cualificación profesional, estar en situación de desemprego de longa duración, ter esgotadas as prestacións ou subsidios, ter máis de 45 anos ou atoparse nnun colectivo desfavorecido ou en risco de exclusión.

O programa APROL Rural convocado a principios de ano resolveuse hai escasos días coa comunicación a cada Concello beneficiario da contía correspondente para sufragar as contratacións. A Xunta outorgoulle a San Sadurniño 13.365,09 euros, cos que se poderá incorporar con carácter temporal a unha soa persoa. En anos anteriores esta liña autonómica superou os 26.000 euros, o que permitiu contratar dúas persoas.

Neste sentido, Secundino García lamentou “a importante redución de recursos” para o desenvolvemento deste programa en San Sadurniño, posto que este ano se incluiu como criterio valorable á hora de distribuír os fondos  o feito de formar parte da rede Doing Business Concellos Emprendedores da Xunta, que, segundo García, “é un requisito que neste momento só cumpren 132 concellos, menos da metade dos que hai en Galicia.” O rexedor lamentou ao respecto que o APROL Rural “non teña en conta as actuais circunstancias, como si se está facendo, por exemplo, no programa PEL da Deputación mantendo a dotación e aumentándoa incluso, coa previsión de lanzar proximamente unha nova convocatoria de emprego temporal para persoas con dificultade para atopar traballo”.

Share.