Información sobre a nova normativa de prevención de incendios forestais

0

Diciamos na anterior noticia que o tempo anda revolto malia estarmos xa na primavera. Porén, que chova e que o chan estea húmido non debe facernos perder de vista que todos os anos antes do 31 de maio debemos levar a cabo actuacións de limpeza e xestión responsable do monte e das leiras. Nos últimos anos o Concello informou a través da web e do Novas das responsabilidades que as persoas propietarias -ou usufructuarias- teñen á hora de aplicar as medidas preventivas para evitar os incendios forestais. En todo caso, este ano semella que a Administración competente, que é a Xunta de Galicia, por mor dos incendios acontecidos no outono, vai levar un control máis exhaustivo do cumprimento da lexislación contraincendios, pero tamén do referente á xestión forestal. De feito, o pasado 28 de decembro publicáronse no DOG varias modificacións da Lei de prevención de incendios forestais que deben terse moi en conta.

Así, por unha banda, lembramos, segundo a lexislación urbanística, a obrigatoriedade de manter as fincas urbanas e situadas en núcleos rurais en condicións axeitadas de limpeza e mantemento, de cara a evitar posibles contratempos aos veciños e veciñas. Por desgracia, o incumprimento destas obrigas está a xerar cada vez máis conflitos entre particulares, algo que é facilmente evitable se cadaquén asume as súas responsabilidades.

Por outra banda, os cambios producidos na lexislación forestal e contraincendios dos últimos meses veñen definir novas distancias entre as plantacións forestais e as zonas urbanas, os núcleos, e outras infraestruturas.

Para que todo o mundo teña coñecemento deste asunto, achegamos un sinxelo cadro explicativo, elaborado pola propia Xunta de Galicia, no que se resumen as distancias que hai que manter a cada tipo de elemento do territorio, tendo en conta o tipo de plantación. Picando na fotografía que encabeza esta nova podes ver o cadro a maior tamaño. Ademais, desde esta ligazón  podes acceder Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Incluímos tamén un pdf, dispoñible nestoutra url, coas modificacións introducidas polo Goberno galego o pasado mes de decembro.

Segundo a normativa vixente, a xestión da biomasa é obriga da persoa propietaria ou arrendataria dos terreos e poderá contratala ou elixir o sistema que considere oportuno. En todo caso deberá realizarse antes do 31 de maio de cada ano, e en caso de ser requirida pola Xunta, a persoa propietaria disporía dun prazo de 15 días, prorrogables en casos debidamente xustificados.

En caso de incumprimentos, a resolución do expediente corresponde á Consellería do Medio Rural. As multas varían de 100 a 1.000€, en caso de infraccións leves; de 1.001 a 10.000, en caso das graves; e de 10.001 a 1.000.000 €, se son moi graves.

Igualmente, cómpre lembrar que a Xunta tamén está sendo especialmente recta requirindo o cumprimento da normativa, tanto no referido ás distancias como no tocante ás plantacións forestais feitas en rústico sen autorización. É importante saber que, de acordo coa normativa autonómica, está prohibido plantar especies forestais en chan rústico de especial protección agropecuaria, a menos que a Xunta o autorice previa solicitude.

Máis información:
Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais
Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (texto completo)
Extracto en .pdf do apartado da Lei 9/2017 que se refire á xestión da biomasa forestal e as distancias

Share.