Importante: hai que vacinarse contra a gripe

0

O SERGAS vai iniciar o próximo martes a campaña de vacinación antigripal entre a poboación xeral. A campaña prolongarase até o 31 de decembro e neste momento é fundamental que poñan a vacina o maior número posible de persoas encadradas en grupos de risco ou que teñan contacto con eses grupos de risco. Por que?, por varias razóns: a gripe estacional pode ser mortal, a gripe ten algúns síntomas coincidentes cos da COVID-19, os casos graves de gripe poden chegar a saturar o sistema sanitario e, por último, ter COVID-19 e gripe ao mesmo tempo, aínda que sexa leve, pode ter consecuencias fatais. Por iso, insistimos unha vez máis: se estás nun dos grupos considerados de risco TES QUE VACINARTE!!!. Vai pedindo cita xa no Centro de Saúde -981 490 463- ou por internet.

A campaña prolongarase até finais de ano e o Servizo Galego de Saúde volve insistir na importancia de que se vacinen as persoas de 60 ou máis anos -especialmente as que pasen de 65-, as embarazadas, rapazada e adolescentes -de 6 meses a 18 anos- con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico, meniños e meniñas de 6 meses a 2 anos de idade que fosen prematuras, convivintes con grupos de risco, así como profesionais de centros sanitarios, centros de maiores, servizos de atención domiciliaria ou asistencial e servizos esenciais, como son policías, corpos de bombeiros, etc.. A vacinación tamén está indicada para persoas que traballen en explotacións porcinas ou avícolas.

Este ano a principal novidade é que se incorporan á relación de “poboación diana” as nais que acaben de dar a luz, que deberán poñer a vacina nos seis primeiros meses tralo parto. O SERGAS tamén apunta como cambio substancial con respecto á campaña pasada o feito de que neste de 2020 se vaian utilizar tres tipos de vacina: unha adxuvada trivalente para maiores de 65 anos, unha de alta carga tetravalente para persoas tamén maiores de 65 anos que se encontren en residencias e, por último, dúas marcas da tetravalente que se administrarán nas faixas de idade entre os 6 meses e os 65 anos de idade.

Para poder vacinarse fai falla cita previa contactando co Centro de Saúde chamando ao 981 490 463 ou a través da web do SERGAS (fai falla ter á man a tarxeta sanitaria para acceder).

Neste momento, previr a gripe é máis importante ca nunca por causa da coincidencia dalgúns dos seus síntomas cos da COVID-19. Ademais cómpre ter moi presente que a gripe é unha doenza que tamén pode ser mortal. Segundo os datos do INE, en 2018 -último ano do que hai estatística publicada- faleceron en todo o Estado 1.852 persoas debido ás complicacións desta enfermidade estacional. Por outra banda, se se reducen os casos de gripe grazas á vacina, tamén se reducirá o risco de saturar as urxencias médicas e as hospitalizacións nunhas circunstancias en que os centros deben asegurar camas libres para atender posibles repuntes da pandemia.

O SERGAS publicou un documento de instrucións sobre a campaña no que aparece toda a información que cómpre ter en conta, como son as circunstancias en que non debe administrarse. As principais, ter alerxia ao ovo ou ter padecido reaccións anteriores. Con todo, é importante saber que a vacina é totalmente segura e, en contra do que se di por aí, vacinarnos non nos vai provocar gripe. Como moito unha roncha onde nos piquen coa xiringa e, se é a primeira vez, posiblemente teñamos algo de malestar durante dous días.

Volvemos recordar quen ten que vacinarse si ou si:

  • Persoas de 60 ou máis anos, especialmente as persoas que superen os 65.
  • Residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a
    crónicos).
  • Mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación e durante o puerperio, nos primeiros
    6 meses tras o parto, se non foron vacinadas anteriormente.
  • Rapazada e adolescentes (de 6 meses a 18 anos) con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico.
  • Nenas e nenos de entre 6 meses e dous anos de idade que naceran prematuros
  • Persoas menores de 60 anos e maiores de 6 meses con patoloxías de risco (definidas na instrución).
  • Profesionais ou estudantes en prácticas de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios.
  • Persoas que traballan en institucións xeriátricas ou en centros de atención a enfermos crónicos.
  • Persoas que proporcionan coidados domiciliarios a pacientes de risco ou a persoas maiores.
  • Conviventes (incluídos nenos) de persoas pertencentes a grupos de risco.
  • Persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade.
  • Traballadores expostos directamente ás aves domésticas ou porcos nas granxas ou explotacións
    avícolas ou porcinas, e tamén ás aves silvestres.

Hai máis información no sitio web específico do SERGAS : gripe.sergas.gal

Share.