Igualdade pecha unha intensa fin de semana #ennegrocontraasviolencias

0

A obra “A Lola”, de Avelaíña Teatro, pechou na tarde deste domingo os eventos programados polo Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra da muller. Unha conmemoración -que non celebración- que se prolongou durante varios días con charlas, música, audiovisual e coa participación municipal na campaña “En negro contra as violencias”, á que tamén se sumaron clubes deportivos, entidades veciñais, establecementos hostaleiros e comercios exhibindo as camisetas e os carteis desta iniciativa compartida por 75 municipios galegos. A mensaxe principal, rexeitar as violencias que sofren/sufrimos as mulleres polo feito de selo, pero tamén chamar ao compromiso a todos os ámbitos da sociedade.

Os actos do sábado -día propio do 25N- comezaron na Casa da Xuventude co VI Obradoiro de autoprotección ante a violencia de xénero, dividido á súa vez en dúas seccións. A primeira delas foi unha pequena charla impartida pola educadora social e feminista Noelia Rodríguez, quen explicou como se produce e se reproduce a violencia contra das mulleres e os xeitos moitas veces sutís en que a tradición patriarcal e a cultura manteñen vivo o machismo.

Rodríguez referiuse ao estereotipo secular da muller como un ser “débil desde que nace” amplificado pola literatura, a música ou o cine a través do denominado “amor romántico” que relega á muller ao papel de mero obxecto ao servizo dos desexos masculinos. Exemplos temos abondos onde velo: nas series de libros e películas de “50 sombras de Grey”, en “Crepúsculo” ou nas letras de cantantes como Romeo Santos polo que tanta querencia ten a mocidade actual, onde  se incita ás rapazas a buscar “un macho alfa protector” que, en realidade, “é un controlador”. Unha mensaxe esta última que incluso roza a apoloxía da violación e que, en calquera caso, alenta o concepto equivocado de muller axugada aos designios masculinos. Por se iso non chegase, esa maneira “tóxica” de ver as relacións, reafirma e normaliza nos homes que ese é un comportamento correcto e, para máis, aceptado pola sociedade. “Se un home che pide algo en nome do amor, tes un problema”, sentenzou a educadora.

Noelia Rodríguez explicou tamén como funciona o ciclo da violencia nunha relación, “que nunca empeza de repente”, senón aos poucos e con sinais abondas que a vítima non adoita ver a tempo, pero si o seu contorno inmediato. Quizais sexa ese o motivo de que o maltratador comece illando á muller da súa familia e amizades. Logo vén a violencia sicolóxica coa que se anula a personalidade. E logo, o primeiro golpe.

Rodríguez sinalou que unha das cousas máis impactantes que viu e ve na súa actividade profesional é escoitar testemuños de mulleres que trala primeira agresión física “se sentiron aliviadas” ao ser para elas unha descarga de tensión acumulada da que, paradoxalmente, elas son vítimas por partida dobre. A finura psicolóxica do maltratador chega ao punto de trasladarlle a culpa á muller con comentarios do tipo “ves o que me obrigas a facer?. Eu antes non era así…”. Incluso pode haber despois unha petición de perdón co consabido “non sei o que me pasou, non volverá pasar” que abre un novo período de “falsa lúa de mel” que pode durar máis ou menos, pero que acabará reiniciando o proceso xa con maltratos verbais e físicos constantes, con violencia económica -o home xestiona os cartos- e mesmo violacións que, cómpre dicilo, son violacións con todas as letras aínda que se produzan dentro do fogar.

Fuxir desa situación non é doado sen axuda externa. E ocorre que “cando queres contarllo a alguén non podes porque estás desconectada dos teus círculos… e ademais eles son xente adorable fóra da casa, quen te ía crer”, comenta Rodríguez. Para a educadora social e feminista, rachar con este círculo é un labor que require de implicación de toda a sociedade e das institucións, principalmente no ámbito educativo: “estamos equivocándonos de diana. Non se trata unicamente de que non haxa vítimas, senón que cómpre educar para que non haxa machismo”.

Obradoiro de autoprotección
A charla de Noelia Rodríguez empatou tras un breve descanso co obradoiro de autoprotección, no que as asistentes puideron aprender algunhas técnicas de defensa persoal para safar dunha agresión física. Neste caso a sesión impartiuna o experto Alberto Castro, quen recoñeceu a dificultade para que unha muller aplique a forza para defenderse cando, se cadra, leva anos vivindo nun ambiente de terror e anulación constantes. Con todo, a clase centrouse en medidas de evasión ante un episodio potencialmente perigoso, coa idea de que a muller manteña controlada a situación indo un paso por diante do maltratador e tendo moi en conta que “a acción é sempre máis rápida que a reacción”.

Na teoría, unha manobra de evasión ou un golpe nunha zona determinada do corpo do agresor poden supor uns segundos de ouro para poder fuxir. Pero na práctica a cousa ten matices que hai que ter en conta. O primeiro é que, tal e como lembrou Castro, “a vítima ten que vencer os seus sentimentos” que en moitos casos son afectivos para co agresor a pesar de estar nunha situación de maltrato.

O segundo é que a potencial agresión pode darse nun espazo que obstaculice a fuxida. Tropezar con mobiliario, ter a porta pechada, ou o lóxico impulso de coller antes unha filla ou un fillo na súa habitación son aspectos que poden retrasar a marcha para pedir axuda ou incluso impedila. Tanto Castro como Rodríguez -que tamén participou no obradoiro- lembraron varias veces que a violencia contra da muller non empeza cun golpe, senón que vai precedida das outras fases -a do illamento social e a do maltrato psicolóxico- que é importante detectar a tempo para cortar a relación. E se se chega ao maltrato físico, cortalo de raíz denunciando desde a primeira vez.

Música, audiovisual e teatro
A tarde do sábado abriu coa actuación da cantautora cedeiresa Guadi Galego, acompañada á guitarra por Carlos Abal, interpretando a peza “Matriarcas”, que nos reivindica ás mulleres como o que somos: “aleitadoras, conquistadoras e brillantes activistas da vida cotiá”, dadoras de vida e sostén dunha sociedade que debe desprenderse dunha vez por todas do machismo patriarcal.

Tras “Matriarcas”, Galego e Abal acompañáronse das voces de 35 nenas e nenos do CPI de San Sadurniño que repetiron a pequena escala a experiencia vivida hai algúns meses nunha das naves de Navantia-Fene, cando un milleiro de rapaces e rapazas de varios colexios da comarca entoaron a canción “Chea de vida” escrita por Pachi García para o disco “Lúas de outubro a novembro”.

O arranque do evento central co gallo do 25N incluiu a lectura do manifesto deste ano por parte da titular da área de Igualdade, Ana B. Gundín,  seguido dunha mesa de debate arredor, principalmente, da educación en igualdade. Na palestra participaron a mestra Mar López Somoza, a secretaria da Muller da CIG Margarida Corral e a traballadora social do Concello Cristina Paz, coa moderación de Noelia Rodríguez.

A tarde do sábado finalizou coa proxección da premiada curtametraxe “Matria”, de Álvaro Gago. O autor non puido asistir ao pase, pero si enviou unha mensaxe que se leu antes do comezo. Nela agradeceu o convite e escusou a súa ausencia na presentación da súa peza, que retrata “unha traxedia continua grabada con lume na cotidianidade e na rutina que pretende desmitificar a idea de que Galicia é un matriarcado. Nada máis lonxe da realidade. O sometemento da muller é tan evidente que é incrible
que continuemos negándoo”.

A curta, filmada en 6 días no contorno da Arousa, está protagonizada por Francisca Iglesias Bouzón quen, “durante a meirande parte da súa vida  estivo sometida aos ditames dos seus compañeiros masculinos. Matria, para ela, é tamén un grito cargado de rabia: ¡a pesar de todas as trabas, aquí estou eu. E ides escoitarme, gústevos ou non!”, escribiu o director.

Na súa mensaxe, Gago remata destacando a importancia do cine “comprometido coa realidade” e, neste sentido, sinala que o obxectivo da curta busca “contribuír á loita pola igualdade entre mulleres e homes” xa que, segundo asegura, “loitar pola igualdade é outra maneira de loitar pola liberdade”.

Mentres se proxectaba na Casa da Cultura “Matria”, no pavillón municipal comezaba a disputarse o encontro de volei da SM2 entre o Aldebarán-Intasa e o CyL Palencia 2018. Durante o quecemento e xusto antes do partido os xogadores do equipo local luciron as camisetas reivindicativas da campaña “San Sadurniño. En negro contra as violencias”. O xesto replicárono durante a fin de semana o equipo sénior feminino e outras formacións de base do Intasa nas súas respectivas citas, ademais das formacións do CF San Sadurniño e do Club Brío e o grupo folk infantil Quenindiole. Mesmo os bares e outros establecementos comerciais de San Sadurniño se sumaron á iniciativa pendurando en escaparates os distintos lemas propostos para o 25N.

A programación específica co gallo do Día Internacional da eliminación das violencias contra da Muller finalizou na tarde do domingo coa representación da obra “A Lola” de Avelaíña Teatro, que sitúa unha historia de amor e represión feminina en tres momentos claves da historia estatal: o período da II República, o triunfo do golpe de estado fascista do 1936 e a metade dos anos 60, en pleno apoxeo da Longa noite de pedra.

Antes da representación abriu no recibidor da Casa da Cultura a exposición “Do gris ao violeta” na que se retratan mulleres loitadoras, pioneiras e incluso represaliadas en Pontevedra ao longo do século XX. Un traballo impulsado polo consistorio pontevedrés que viu a luz da man da escritora e xornalista Montse Fajardo. “Do gris ao violeta” poderase visitar até o 4 de decembro.

Cómpre lembrar tamén que estes días tamén permanece aberta na galería do Concello a mostra “Cartas de amor”, composta por varios paneis debuxados por artistas da banda deseñada onde se reflexiona sobre as relacións tóxicas entre a mocidade en contraposición con aquelas baseadas no respecto mutuo e a liberdade individual.

Share.