Igualdade e Benestar

As áreas de Igualdade, Benestar e Servizos Sociais engloban todas as políticas relacionadas coa atención á cidadanía naquelas necesidades asistenciais ou en apoio da calidade de vida. Unhas políticas que nos últimos anos viñeron marcadas pola realidade demográfica dun territorio cunha poboación moi diseminada e cun alto grao de envellecemento, de aí que grande parte das actuacións nesta materia se centrasen en programas dirixidos ás persoas maiores.

Neste sentido o Servizo de Axuda no Fogar conta con preto dunha vintena de mulleres que lle prestan servizo_de_axuda_no_fogar-1080x675axuda domiciliaria a persoas cun certo grao de dependencia -1308 horas ofertadas das que a veciñanza bota man de 1112 ao ano- e, ademais, desde o departamento de Servizos Sociais faise un seguemento exhaustivo de cada caso ao tempo que se tramitan programas doutras administracións relacionados coa terceira idade -axudas, lecer saudable, estadías en balnearios, etc.-. Entre as competencias do servizo está tamén a elaboración de informes  e expedientes necesarios para acceder a prestacións públicas relacionadas con este ámbito. Con todo, o traballo deste servizo abrangue tamén o contacto directo coas familias que precisan mediación ou orientación profesional para a resolución de conflitos de diversa índole.

O labor nesta área lévase a cabo de forma transversal cunha estreita colaboración entre a traballadora social, a educadora familiar e a axente de Igualdade, que traballan en coordinación para cubrir todas as demandas de tipo social que xorden no día a día do municipio. Trátase dun equipo multidisciplinar que non só fai un importante traballo administrativo, senón que se implica no territorio poñendo en marcha programas propios relacionados coa formación, coa conciliación, a inclusión, os servizos comunitarios e coa procura dun concello con máis igualdade entre mulleres e homes.

Plans de Igualdade
San Sadurniño dispón dun Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOMH) que reflicte a situación actual do municipio e que marca as liñas estratéxicas a catro anos vista para alcanzar a equiparación real de ámbolos xéneros. Faino a través dunha análise pormenorizada da demografía, da educación, da formación, da participación no tecido asociativo, do emprego, dos roles dentro e fóra do fogar, etc. dos que se desprenden unha serie de feblezas e fortalezas para as que se propoñen medidas nas que necesariamente deben estar implicados todos os actores sociais do municipio.

O PIOMH -que vai polo cuarto documento- rexe todas as actuacións municipais e xa se está materializando en accións concretas como a posta en marcha da Escola Infantil Municipal como un dos principais eixos da conciliación, a vinculación das puntuacións que reciben as programacións das entidades veciñais por propostas igualitarias nas liñas de axuda municipais ou o traballo constante coa infancia e a mocidade para rachar cos estereotipos de xénero.

Podes descargar o IV PIOMH desde esta ligazón, ou ben lelo en liña a través de ISSUU.

O Lavadoiro, unha rede veciñal de apoio ás vítimas do maltrato
Por outra banda, e en relación co tratamento da violencia machista, o Concello tamén ten en marcha a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, conformada por representantes da Administración local, do Centro de Saúde, do CPI de San Sadurniño e da Garda Civil, agardándose que en breve tamén entren nela o xulgado de Ferrol especializado na materia e tamén representación do tecido social. A finalidade da mesa, tal e como indica o seu nome, é coordinar as accións preventivas -incidindo na detección-, de atención e de acompañamento ante casos de violencia de xénero. A este respecto, San Sadurniño é o primeiro municipio de Galicia que conta cun protocolo específico para abordar a violencia por razón de xénero entre menores.

Porén, un dos proxectos de maior calado para erradicar a violencia machista é a iniciativa O Lavadoiro, promovida pola Deputación da Coruña en colaboración cos concellos de San Sadurniño e Moeche. O Lavadoiro promove un enfoque integral nesa loita, implicando a mulleres “facilitadoras” que saiban detectar casos de maltrato e que teñan as habilidades e coñecementos necesarios para acompañar ás vítimas á procura dunha axuda especializada que lles permita deixar atrás esa situación. O proxecto tamén creou un grupo de homes “aliados”, cuxo labor se centra no activismo a prol dun modelo de masculinidade que non só se opoña ao maltrato, senón que estea comprometido coa corresponsabilidade e co desterro do machismo aínda dominante na sociedade.

Por último, no Lavadoiro tamén se incide na formación e mellor coordinación dos equipos técnicos municipais e nos recursos dispoñibles para apoiar ás vítimas, ademais de reforzar as políticas de prevención por medio da sensibilización e da educación.

Cita previa
De cara a unha mellor organización do traballo, os departamentos vencellados aos Servizos Sociais, Igualdade e Benestar atenden consultas nas oficinas do Concello con cita previa.Chamando ao 981 490 027 e marcando a extensión 1 atenderannos inmediatamente para poñer unha hora que nos vaia ben para facer os trámites e consultas máis habituais. Porén, nese mesmo teléfono sempre nos pasarán coa traballadora social en casos nos que precisemos falar directamente con ela, ben por tratarse cuestións urxentes ou de certa importancia. Con todo, para asuntos graves ou que non poidan agardar poderemos pasar polo Concello e pedir que nos atendan en persoa aínda que non teñamos cita concertada.

Programas

IMG_9199Tempos para compartir: Son unha serie de obradoiros que se celebraban -neste intre o programa está interrompido- todos os primeiros sábados de mes nas distintas parroquias cun esquema común e ben sinxelo. Unha persoa ofrécese para mostrarlle ás demais algunha habilidade ou coñecemento durante dúas horas aproximadamente. Nestes encontros póñense en común saberes e todo tipo: cociña, repostería, elaboración de cervexas, fabricación de xabóns, de bonecas, cestaría… e todos os coñecementos imaxinables nos que a xente participa de forma activa teña a idade que teña. O programa busca ofrecer un lecer alternativo e construtivo mentres se contribúe a fortalecer as relacións sociais dentro do territorio.

IMG_9787Aldea de verán e obradoiros para a conciliación: Cadrando coas vacacións escolares -Entroido, Semana Santa, verán e Nadal-, o Concello ofrece tamén actividades para a infancia cun cometido educativo e de entretemento saudable. Cos pequenos e pequenas trabállanse aspectos como a alimentación, a creatividade plástica e o xogo nun ambiente distendido que busca, principalmente, a aprendizaxe de valores como o respecto, a solidariedade e a igualdade. Por outra banda, estes obradoiros son unha importante axuda para as familias en que as persoas maiores traballan ou teñen outras obrigas.

memoria_activaObradoiros de memoria: O cerebro é un órgano que, como calquera parte do corpo, pode adestrarse para mantelo en bo estado de saúde, especialmente nas idades máis avanzadas da vida. O Concello pon en marcha todos os anos un obradoiro de memoria dirixido a persoas maiores de 55 anos que ten por obxectivo exercitar a mente e o corpo para manter o sentido en boas condicións durante moito tempo.  Nas sesións adéstrase e estimúlase a memoria con exercicios prácticos que implican a actividade física e cognitiva das persoas participantes, en función das características de cada grupo. Desde 2014 nestes obradoiros tamén se implicou a Aula CeMIT, complementando as actividades con cursos paralelos -en 2014 houbo un de fotografía- cos que se pretende alcanzar unha participación máis activa na sociedade desta banda da poboación. No curso 2022-23 será a entidade AFAL-Ferrolterra quen se encargue dos obradoiros, como entidade especializada nos procesos de deterioramento cognitivo.

Paula Pina e Secundino García na estación potabilizadora da Agra

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: O Concello de San Sadurniño forma parte xunto con outros 86 municipios e deputacións galegas deste organismo que desenvolve proxectos de cooperación en países empobrecidos, pero tamén actuacións en galicia a prol da integración, da igualdade e dos dereitos humanos.

 

Equipamentos para o Benestar
Xunto coa Escola Infantil Municipal -da que hai máis datos no apartado de Educación- San Sadurniño posúe outros dous equipamentos relacionados coa atención social. Un deles é o Centro de Día –Consellería de Traballo e Benestar-, situado no lugar do Casal, a escasos metros do Concello. Oferta 40 prazas nunhas instalacións construídas en 2010 que albergan servizos de rehabilitación menor, atención social, actividades de terapia ocupacional e servizo de comedor nos que traballan 13 persoas. O seu horario de apertura é desde as 8.30 ata as 20.00h. de luns a venres agás os festivos.

O outro centro para persoas maiores é a residencia Súa Casa, situada en Silvalonga. Neste caso trátase dun equipamento de iniciativa privada que ofrece 24 prazas e, como residencia que é, co servizos durante todo o día e durante todo o ano. Neste centro traballan 19 persoas das que 9 fan labores de xerocultura mentres que o resto se dividen entre persoal de dirección, animación psicoloxía, medicina, fisioterapia, traballo social, persoal de cociña e ATS.

O Concello tamén proxectou a rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita como lugar de referencia de ámbito comarcal no tocante ao alzhéimer e outros procesos de deterioramento cognitivo, ofrecéndolles ás persoas enfermas e ás súas familias un recurso onde atopar atención, terapias e asesoramento, ademais dun tempo de respiro para as persoas coidadoras.