Igualdade cubre todas as prazas ofertadas na primeira quenda da “Aldea de Verán”

0

O Concello publicou esta mañá no seu tablón de anuncios o listado de nenas e nenos admitidos na primeira quenda da “Aldea de Verán”, que se desenvolverá do 20 ao 31 de xullo. O campamento socioeducativo mudou este ano as condicións de acceso, priorizando coma sempre persoas empadroadas en San Sadurniño e, ademais, marcando como requisito que tanto a nai coma o pai estean traballando, co obxectivo de que o servizo cubra as necesidades de aquelas familias que non teñen outro modo de conciliar. En total adxudicáronse 21 prazas e quedan en lista de agarda outras dúas, nun caso por exceder o cupo e noutro porque os dous proxenitores non se atopan traballando. O listado de admisións é provisional, posto que agora as familias admitidas deberán efectuar a matrícula e presentar a documentación. O prazo para facelo estará aberto desde as 8.30h. do día 2 de xullo (festivo, polo tanto haberá que facer o trámite a través da Sede Electrónica) até as 14.30h. do día 9 de xullo. Quen vaia presentar os papeis presencialmente debe solicitar cita previa no 981 490 027.

Os documentos que cómpre achegar son: a ficha da matrícula, a folla cos datos sanitarios do/a menor, a autorización/rexeitamento da captación de imaxes, a declaración responsable sobre a COVID-19, unha foto carné co nome da crianza, copia dos carnés de identidade das persoas autorizadas á recollida, e o xustificante individual do ingreso na conta do Concello do importe da matrícula (un por cada menor, aínda que vaian matricularse dous ou mais membros da mesma familia). No concepto do ingreso ou transferencia ha de indicarse o seguinte: Aldea de Verán 2020, nome e apelidos do neno ou nena e “1ª Quenda”. A conta bancaria é a ES74 2080 0208 01 3110000059 de Abanca.

Trala publicación da lista provisional de admisións, o Concello abriu un prazo de reclamacións de 5 días naturais -do 27 de xuño ao 1 de xullo- e, unha vez resoltas, publicarase o listado definitivo que probablemente sufra poucas variacións. Gardar este prazo legal é o motivo de que as matrículas se empecen a tramitar a partir do día 2 de xullo, algo que se poderá facer por medio da Sede Electrónica municipal ou de maneira presencial até as 14.30h. do día 9. Quen non formalice a matriculación nese período decaerá no listado.

A Aldea de Verán presenta varias novidades neste 2020 por mor das obrigas preventivas da COVID-19. Unha é a duración, xa que se desenvolverá en tres quincenas, a primeira desde o 20 de xullo até o 31 de xullo, a segunda desde o 3 ao 14 de agosto e a terceira do 17 ao 31.

Para as dúas últimas quendas  o prazo de solicitude estará aberto desde as 8.30h. do 1 de xullo até as 14.30h. do 8 de xullo e de igual maneira daráselle prioridade nas admisións -por esta orde- ás familias de San Sadurniño,  ás que teñan familiares no concello, ás que teñan vinculación laboral con San Sadurniño e ás que, non cumprindo ningún dos anteriores requisitos, teñan crianzas matriculadas no CPI de San Sadurniño. En todo caso hase xustificar que os dous proxenitores están traballando e que non teñen outro xeito de conciliar. Só se houbese vacantes poderían entrar familias nas que só estea traballando a nai ou o pai, seguindo a mesma orde de prioridade establecida para as familias en que traballen os dous.

Volvendo á quenda da segunda quincena de xullo, as familias admitidas están chamadas a unha xuntanza que terá lugar na Casa da Cultura o xoves 16 de xullo a partir das 19.30h. Nela falarase  das cuestións habituais -protección de datos, teléfonos de contacto, instalacións, horarios, programa educativo e de lecer-, pero tamén das medidas preventivas da COVID-19, posto que o papel das familias é fundamental para evitar contaxios.

A “Aldea de Verán 2020” está cofinanciada pola Deputación da Coruña con cargo aos fondos extraordinarios liberados para paliar os efectos da crise sanitaria. O Concello iniciou xa os trámites de contratación do servizo de monitoraxe, quen deberá aplicar de forma exhaustiva todos os protocolos hixiénicos e sanitarios en vigor e tamén aqueles que achegue a Xunta de Galicia para o desenvolvemento deste tipo de actividades.

Para calquera dúbida sobre o programa pódese contactar coa axente de Igualdade no teléfono 981490027 – ext 1 ou no enderezo electrónico veronica.rodriguez@sansadurnino.gal

Documentación descargable:
Decreto provisional admisións (.pdf)
Ficha de matrícula (.doc) (.pdf)
Datos sanitarios (.doc) (.pdf)
Autorizacións (.doc) (.pdf)
Declaración responsable COVID-19 (.doc) (.pdf)

Share.