Igrexafeita prepárase para tres días de Biscordel

0

O verán está nas últimas. En poucos días teremos cambio de estación e mesmo o tempo nos recorda que para o outono falta un case nada. Así e todo semella que a fin de semana vai haber unha tregua con sol e boa temperatura. En Igrexafeita non se fían das previsións malia agardar que se cumpran e por iso xa montaron a carpa que gorecerá -sexa do sol ou sexa da auga- as funcións e verbenas desta fin de semana de celebración da súa patroa, a virxe do Biscordel. A festa arrancará este venres ás 22.30h. e, tras varios anos sen facelo, rematará o domingo á noite.

Como adoita ocorrer en calquera parroquia, os últimos días foron de traballo intenso tanto para a comisión de festas como para o resto da veciñanza. E é que todo ten que estar a punto: as contas da libreta pechadas, as contornas das casas en orde de revista para propios e convidados, os xamóns a desalar, os cabritos a delourar e os fornos varridos e con leña presta para cocer o venres e aproveitar a calor para asar o sábado.

Un dos puntos de máis trafego foi a igrexa parroquial. No templo -un dos máis antigos e peculiares do concello- as habituais da misa xa hai días que fregaron firme e que lle pasaron a baeta a todo, principalmente ás arañas (entendidas como artrópodos e como lámpadas de strass) e ás caras dos santos e santas. Si, si, tamén ás caras das imaxes, aínda que non con auga ou xabón neutro, senón con viño branco. Disque este produto é o mellor para darlle lustre a calquera fazula milagreira e, ademais, a única garantía de que non chova, alomenos durante o momento en que as imaxes saian en procesión adobiadas coas súas mellores galas. Farano por esta orde: primeiro o neno Xesús portado polos fregueses e freguesas máis novas, logo o Santiago matamouros, en terceiro lugar a imaxe da Nosa Señora e, pechando a comitiva (sen contar crego, gaiteiros e devotos), a virxe do Biscordel.

DCIM100GOPROGOPR4601.

Os frescos do altar maior están datados entre os séculos XV e XVI

A igrexa de Igrexafeita é, se cadra, a que máis imaxes garda no seu interior. Ademais das citadas que sempre saen en procesión -sempre que se xunta xente dabondo para sacalas, vaia-, a parroquia conta cunha virxe de Fátima, unha Dolorosa, o San Antonio, o San Xosé e un recentemente restaurado San Caetano. E aínda así falta un por mencionar, o San Cidre. Un santo de pequeno tamaño acompañado dun carro de bois que hai décadas “baixou” para a igrexa de San Sadurniño e xa nunca máis volveu,  sen que en Igrexafeita se saiba o porqué da súa marcha nin tampouco a razón de que se estea demorando tanto en volver.

Con todo, o maior tesouro que posúe o templo é o seu altar maior, cheo de pinturas murais datadas entre os séculos XV e XVI. Son catro frescos que se estenden ata a bóveda de cruzaría presididos pola representación da Asunción da Virxe. Descubríronse en 2002 e pouco despois quedaron á vista trala retirada do retábulo barroco inzado de polilla que os tapaba. En 2007 acometeuse unha coidadosa restauración e hoxe os murais poden visitarse durante os minutos inmediatamente anteriores e posteriores á misa dos domingos pola mañá, aínda que o párroco tampouco ten problema en mostralos concertando unha cita en calquera outro momento se hai un interese especial neles.

O programa do Biscordel 2016
Durante a festa do Biscordel a igrexa está aberta máis tempo por mor das celebracións do sábado e o domingo e por iso esta fin de semana ofrecerá unha boa ocasión para descubrir o riquísimo patrimonio sacro da parroquia. Pero tamén haberá unha fantástica oportunidade de pasalo ben nunha festa que contará cun cartel de luxo.

A troula arranca este venres pola noite coa orquestra Armonía Show acompañada dunha “actuación sorpresa” que a comisión leva días publicitando nas redes sociais dando como únicas pistas fotografías de público entregado e algunha imaxe irrecoñecible da “sorpresa” sobre un escenario. A intriga e a incógnita manteranse ata mañá, pero todo apunta a algún/ha cantante do gusto da xente máis nova. Ou non, que para iso é unha sorpresa.

O sábado comezará ben cedo con foguetes e pasacorredoiras que engancharán coa primeira procesión da fin de semana, prevista para as 13.30h. Logo, sesión vermú coa orquestra Versalles que, xa pola noite -a partir das 22.30h.-, lle botará un pulso musical a Nueva Fuerza.

O domingo, último día do Biscordel, repetirase a secuencia procesión-foguetes-función e, tras varios anos, tamén se recupera a verbena da noite. En ambos casos a parte musical correrá por conta de Caramelo.

E así rematará a penúltima grande festa do verán en San Sadurniño. E dicimos penúltima, porque para a fin de semana que vén, o venres 23 e o sábado 24, agárdanos o Belén ao pé da capela do mesmo nome situada no centro urbano. A programación completa está na nosa axenda e uns días antes habemos redactar un pequeno recordatorio.

Share.