Igrexafeita prepárase para o Biscordel

0

Outra das festas parroquiais que estaba agardando recuperar o seu formato habitual era o Biscordel, que este sábado 17 e domingo 18 de setembro volverá encher de festa a parroquia de Igrexafeita. A veciñanza leva varios días preparándose para a cita facendo acopio de víveres para cumprir coas convidadas e convidados, baldeando patios, pasando silbardas polos penais e empatenando a igrexa para acoller as misas previstas ambos días e, se hai persoal abondo, poder sacar en procesión as imaxes do templo medieval, que non son poucas. No seu regreso, o Biscordel introducirá como principal novidade unha sesión vermú na xornada do domingo que durará ata ben entrada a tarde.

A festa comezará oficialmente o sábado pola mañá coas alboradas e co tradicional percorrido do cuarteto Berros do Castro, un fixo no programa que adoita animar primeiro os lugares do cordal do Forgoselo para logo vir baixando cun ollo posto no reloxo que lles asegure estar sobre as 13:00h no adro da igrexa e poder así acompañar a procesión, que sairía sobre as 13:30h ou un chisco máis tarde. Se lles queda choio pendente é habitual que o rematen pola tarde.

Deseguido botarase o “fuejo” e, co morteiro final que adoita facer tremer fiestras e alzadeiros, empezará a sesión vermú -que aquí se coñece tradicionalmente como “función”- coa música do combinado Foliada D’Ases, encabezado polas voces de Macarena Tejada e Vanesa Ramil.  Esta mesma formación repetirá na verbena da noite -tamén aquí hai diferencia, xa que se a de mediodía é “función”, a da noite é “festa” a secas- na compaña do Trío Arena.

O domingo volverá haber misa ás 13:00h e a intención é que tamén haxa procesión. De feito, na igrexa parroquial xa van varios días de repaso xeral varrendo e fregando, limpando as arañeiras das arañas (lámpadas), quitando pó das imaxes, pasándolle o ferro aos manteis e mantos, comprobando que a bisagra e o peche da boeta funcionan e poñendo a punto o candeeiro electrónico que, segundo puidemos saber, estaba avariado.

A procesión dominical do Biscordel adoita ser a máis concorrida. A diferenza da do sábado, nela adoita haber xente suficiente para sacar boa parte da grande colección de imaxes que atesoura o templo: o Neno Xesús, a Nosa Señora, a Virxe do Biscordel, a “Delorosa”, un San Antonio, un San Xosé, un San Caetano, e incluso un pequeno San Cidre (con bois e todo) que leva anos exiliado na igrexa de Santa María a Maior de San Sadurniño e que agarda regresar algún día á súa casa de Igrexafeita.

Habitualmente só saen en procesión as tres primeiras imaxes da relación anterior, acompañadas en segundo lugar por un Santiago “matamouros” que nesta ocasión, haxa levadores ou non, permanecerá no seu altar, quizais porque  esmagar sarracenos co cabalo, espada en alto, teña pouco que ver coa misericordia que predica a fe católica, ademais de ser unha escena que non vai cos valores de tolerancia e integración dos tempos actuais.

Como queira que sexa, o feito de que a igrexa estea aberta tamén ofrecerá unha boa ocasión para admirar antes ou despois da misa as excepcionais pinturas ao fresco que decoran o altar maior, datadas entre os séculos XV e XVI.

“Función” extralonga o domingo
As festas do Biscordel rematarán o domingo ao mediodía… a media tarde, mellor dito. E é que neste regreso da troula tralo parón pandémico, as dúas responsables da comisión decidiron facer unha sesión vermú non-stop que proseguirá máis aló das 15:00h, hora sinalada tradicionalmente para dar por rematada a función. De manter cheo o campo da festa da Torre encargarase a orquestra Magos.

Share.