Igrexafeita estrea senda peonil

0

Xa hai varios días que a veciñanza de Igrexafeita pode utilizar a nova senda peonil que percorre boa parte da zona do Camiño Grande. Foi unha demanda veciñal que o Concello incluiu como obra dentro do POS+ Adicional de 2017, cun investimento próximo aos 28.000 euros. Mais aló da contía económica, a nova infraestrutura vén reforzar a seguridade para viandantes nun traxecto de 350 m. paralelo á antiga estrada das Pontes onde ata agora só había unha fonda cuneta, algo que obrigaba a transitar por unha zona irregular moi preto da calzada ou incluso polo arcén.

A obra consistiu, en primeiro lugar, na instalación de tubaxes soterradas para canalizar a auga da chuvia, ademais de rexistros que permitan acceder a elas de forma doada. Logo compactouse a cuneta -que nalgúns puntos superaba o metro e medio de fondo- e, sobre ela, botouse un novo firme de cemento tintado en vermello de aproximadamente metro e medio de ancho.

Os traballos foron facéndose aos poucos ao longo dunhas tres semanas ata completar dez tramos, que debían insertarse, ademais, nas boqueiras de varios camiños e accesos a vivendas. Ese é o motivo de que, a diferenza doutras sendas executadas polo Concello, neste caso o trazado presente pequenas diferenzas de nivel que, ademais, contribúen a unha mellor drenaxe da superficie.

A senda cobre a marxe norte da estrada desde a conexión coa pista que vai desde o Bar Xaida ao cruzamento da pista que leva á Curuxa e A Fraga, xusto ao carón de Casa Casal. 350 metros de distancia nos que ata o momento non existían nin beirarrúas nin un arcén suficientemente ancho que permitise camiñar con seguridade pola beira da AC-861, unha estrada que aínda hoxe soporta moito tráfico pesado de camións que se desvían da autovía Ferrol-Vilalba para facer as paradas de descanso a primeira hora da mañá e tamén ao mediodía.

A obra completa a trama peonil da zona máis poboada de Igrexafeita, dándolle continuidade -aínda que sen conexión directa- ás beirarrúas existentes desde hai anos en todo o núcleo da Torre e na área de descanso construída no Gandarón aproveitando parte dos 200 metros da estrada vella que quedou morta trala variación do seu trazado a finais dos 90.

A senda peonil de Igrexafeita foi unha das demandas expostas en varias ocasións nas xuntanzas do Orzamento participativo. No cómputo xeral do Concello esta é a sétima infraestrutura deste tipo que se executa no territorio, despois das de Naraío, Lamas, Santa Mariña do Monte, Bardaos e o Camiño Arriba.

O contrato cuantificouse inicialmente en  44.487,25€ e foron 34 as empresas que presentaron documentación para tentar facerse con el. Finalmente só se admitiron 30 propostas e, delas, a máis vantaxosa segundo a mesa de contratación resultou ser a achegada por Excavaciones Saavedra y López S.L., que ofertou un prezo de 27.975,20€, ive incluído.

 

Share.