Igrexafeita estrea este luns as asembleas veciñais para definir os orzamentos municipais de 2017

0

O proceso do Orzamento participativo arranca este luns por oitavo ano consecutivo. Farao en Igrexafeita a partir das 20.00h. cunha asemblea no local social da Torre aberta a toda a veciñanza co obxectivo de que propoña investimentos necesarios para a parroquia e para o resto do concello, pero tamén coa finalidade de escoitar propostas sobre como mellorar o resto do territorio. Neste encontro tamén se falará sobre o estado en que se encontra a tramitación do PXOM e, ademais, dun estudo elaborado por unha investigadora ao respecto de como solventar os problemas de calidade da auga que hai na Torre e o Camiño Grande por causa dos minerais existentes nos acuíferos subterráneos.

A parte de Igrexafeita pola que discorre a estrada cara ás Pontes encóntrase nunha zona abondosa en auga subterránea que, porén, non se pode aproveitar en moitos casos. Nos últimos anos houbo quen fixo pozo e atopou auga en cantidade e calidade. Pero son maioría as persoas que furaron e furaron e só atoparon auga cun alto contido en minerais -ferro principalmente- que, aínda sendo potable, é imbebible polo seu sabor e un auténtico pesadelo para a maquinaria das lavadoras e as resistencias dos acumuladores eléctricos.

Nas asembleas veciñais que se levan celebrado na parroquia este problema é un tema recorrente que mesmo levou a varias persoas a solicitar do Concello a execución dunha traída comunitaria que tampouco sería unha solución doada, debido a que se trata dunha zona elevada e sen mananciais nas proximidades cunha cota maior. De aí que desde a administración municipal se contactase cunha investigadora da Universidade da Coruña que durante os próximos meses fará un estudo de campo co obxectivo de determinar a composición exacta da auga -ou distintas augas- e, unha vez que obteña os resultados, ver se hai métodos de filtraxe ou químicos que poidan corrixir a súa excesiva mineralización e cun custe asumible.

Este será un dos puntos que se tratará en Igrexafeita, xunto co resto de propostas que a xente queira facer nunha asemblea aberta a calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Tanto nesta como nas outras xuntanzas que hai programadas para os próximos días  debaterase sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio e que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica…, etc. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.

O espírito das asembleas non é unicamente saber as obras que se queren para cada parroquia -aínda que tamén se poden propoñer- senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, coas posibilidades reais de sacalas adiante. Esa escolma farase no seo da Mesa de participación veciñal, convocada para o 11 de novembro ás 20.00h. na Casa da Xuventude.

Todas as reunións veciñais serán ás 20.00h. nos locais sociais de cada parroquia de acordo co seguinte calendario:

  • Igrexafeita: luns 31 de outubro
  • Santa Mariña do Monte: mércores 2 de novembro
  • Ferreira: xoves 3 de novembro (local da Seara)
  • Camiño Arriba: venres 4 de novembro
  • Bardaos: luns 7 de novembro
  • Lamas: martes 8 de novembro
  • Naraío: mércores 9 de novembro
  • San Sadurniño: xoves 10 de novembro (Casa da Xuventude)

 

Información sobre o PXOM
As asembleas participativas contarán de novo cun apartado específico para falar do PXOM e o estado no que se encontra a súa tramitación. O planeamento xeral de San Sadurniño aprobouse inicialmente a finais de 2015 e a el presentáronse 420 escritos con alegacións e propostas. No momento actual están preparadas a meirande parte das contestacións ás alegacións, fixéronse as modificacións que a normativa premitía e estase á espera da chegada dos dous últimos informes sectoriais doutros organismos.

Unha vez recibidos estes informes e feitas as correccións que indiquen -se as houber-, o  Concello empezará a enviar as respostas ás alegacións e presentará a proposta de documento definitivo, que aínda deberá enviárselle á Consellaría de Medio ambiente para que faga a correspondente memoria ambiental. Con ela, o pleno do Concello xa podería aprobar provisionalmente o Plan para mandarllo de novo á Xunta para que o examine e o aprobe se cumpre con todos os requisitos.

Documentación descargable:
Folla de propostas (editable con Acrobat Reader)
Folleto informativo sobre o proceso

Share.