Igrexafeita acollerá unha ruta cabalar e un xantar popular o día 23

0

A comisión de festas do Biscordel de Igrexafeita organizou para o sábado 23 de xullo unha ruta cabalar pola parroquia co obxectivo de recadar fondos para a patroa, que se celebra a mediados de setembro. A ruta partirá ás 10.45 da mañá e culminará cun xantar popular ao que poderá asistir quen queira, participase ou non na ruta. O prezo do prato son 20€ e debe facerse a reserva antes do día 21 chamando aos teléfonos 699 553 975 ou 679 925 075.

O punto de encontro das persoas participantes na ruta  é o local social da A.VV. Adiante de Igrexafeita. Ás 10.00h. os cabaleiros e cabaleiras poderán almorzar no propio recinto e a hora de saída está prevista para as 10.45h. Será un paseo que percorrerá lugares de grande valor paisaxístico. A organización manexa a día de hoxe tres posibilidades que poden variar dependendo do número de inscricións, do tempo e tamén do ritmo que se lle imprima á marcha.

Un dos percorridos con máis opcións -aínda que non está confirmado- é o que discorrerá polo Camiño Grande baixando despois ata Naraío, onde enfiará o sendeiro do río Castro para volver por el cara a Igrexafeita. A media mañá está previsto facer unha parada para repoñer forzas cuns petiscos, que se servirán na área recreativa do Pozo de Lamas. Se a marcha vai ben de tempo desde alí subiríase de novo ata o Camiño Grande e aínda se faría un pequeno tramo por Ferreira antes de regresar ao punto de saída para xantar.

A comida -a base de paella, churrasco, bebida e sobremesa- está posta para as 14.00h. e nela pode participar calquera persoa, aínda que non participase na ruta. O prezo son 20 euros e haberá que apuntarse antes do 21 de xullo chamando aos teléfonos 699 553 975 ou 679 925 075. Os beneficios desta actividade destinaranse á festa do Biscordel deste ano, que pechará nas próximas semanas o seu cartel.

O desafío de facer a festa
Facer a festa nestes tempos é un traballo reservado só para xente ousada. Hai dúas décadas unha orquestra de renome -que non imos citar- cobraba en agosto arredor de 600.000 pesetas das de antes (3.600 €), que xa eran cartos. E para dous días de festa adoitaban traerse, como mínimo, tres orquestras: dúas máis ou menos potentes o primeiro día e outra algo menos potente o segundo.

Botando algún “fuegho”, poñendo  un alumeado máis ou menos rechamante e mercando uns trofeos para a competición deportiva de rigor (case sempre fútbol), a festa poñíase en 1.2 ou 1.5 millóns de pesetas. Unha contía que supuña un reto para a comisión e que se xuntaba entre o que daba a parroquia, a venda de rifas, o que daba algunha casa comercial e coa venda do campo ao “toldeiro” ou “toldeira” -ás veces dous ou tres- que quixesen instalarse.

O sistema de finanzamento case non variou. O que si variaron foron os prezos das orquestras, convertidas nalgúns casos en fenómenos fan que arrastran centos e milleiros de persoas a lugares onde case non hai onde meterse. Contratar o Combo, a París ou a Panorama significa desembolsar, como pouco, 15 ou 20 mil euros… e de aí para arriba a medida que nos aproximamos ás fins de semana de agosto. E, a remolque delas e da parafernalia de luces e son que traen canda si, outras orquestras xeitosas teñen prezos que rara vez baixan dos 6.000-7.000 euros en temporada alta, case o que  custaba organizar dous días de patrón hai dúas décadas.

As orquestras soben e, mentres, as parroquias baixan: cada vez queda menos xente, o poder adquisitivo xa non é o mesmo e nas casas faise unha achega para a festa algo maior que hai vinte anos, aínda que nunca na mesma proporción en que se incrementaron os custes.

Entón… como se fai a festa?. Hai comisións que tiran polo práctico, cinguíndose unicamente ao que dá a veciñanza e ao rédito que poidan tirar do toldo. Buscan orquestras que cumpran ao mediodía e pola noite e combínanas con dúos ou tríos que animan por unha contía máis que razoable e unha indiscutible relación calidade/prezo.

Pero tamén hai comisións que queren traer grupos con certa fama e para iso asumen un desafío económico e organizativo que as manteñen traballando durante case todo o ano. Porque se o que dá a parroquia non chega, dalgún sitio terán que saír os cartos. Esa é a razón de que nos últimos anos proliferasen tanto as ceas baile, os xantares populares e outros eventos que, case sempre, se saldan con moito traballo a cambio dun rendemento máis ben escaso pero necesario.

 

 

Share.