Ide pensando como engalanar San Sadurniño polo Nadal

0

O Concello propúxolle antes do verán a toda a veciñanza encher de cor as fachadas, xardíns e balcóns por medio do certame “San Sadurniño en flor”, no que participaron preto de 150 persoas preparando os seus domicilios de maneiras moi vistosas. Agora, de cara ao Nadal, quérese repetir a experiencia lanzando o reto de decorar o exterior da casa para engalanar todo o noso territorio durante estas datas tan especiais. A idea é moi sinxela e, malia faltar aínda dous meses, o Concello xa a adianta na próxima edición do boletín Novas para que cadaquén vaia pensando en como facer. Pódese coller material de reciclaxe, elementos naturais -plantas, pólas, flores secas ou de temporada, etc.-, apeiros ou utensilios, e cos elementos elixidos deberase decorar o exterior da casa de maneira artesanal. Canto máis bonita, rechamante e elegante quede, mellor. Excepcionalmente poderase complementar a composición con luces, aínda que estas non deben ser o único elemento -non se trata de facerlle competencia a Vigo 😉– xa que, ademais da reciclaxe e a reutilización, o Concello tamén se quere promover un consumo enerxético responsable.

É moi importante que adobiar o lado da casa que dea á vía pública -ou que a se decore toda- para que a obra poida vela desde fóra calquera persoa que pase por alí. É máis, este requisito será imprescindible para poder optar a algún dos 25 premios que se van outorgar nas seguintes categorías:

  • Individual: para veciñas ou veciños a título individual, que poderán levar algunha das 15 cestas de produtos da terra que hai como premio.
  • Colectiva: para varias persoas (mínimo 2 e máximo 5) que decidan facer unha decoración conxunta das súas vivendas ou de espazos públicos que teñan preto, como por exemplo adros, rueiros, parques ou áreas recreativas… Concederanse 5 premios consistentes en ceas ou xantares para 5 persoas nos restaurantes e casas de comidas locais.
  • Establecementos: na que poderán entrar todos os negocios de San Sadurniño -tendas, bares, restaurantes, comercios, talleres, granxas, etc.-, sexa cal sexa a súa actividade. Haberá tamén 5 premios en forma de cestas con produtos da terra.

O xurado do certame “Engalana o teu Concello” estará formado por tres persoas relacionadas co sector da decoración, quen poderán visitar os conxuntos que consideren necesarios para faceren a súa valoración.

Nas próximas semanas publicaremos as bases completas tanto na web municipal como nas redes sociais. Unha vez rematado o traballo haberá que enviarlle ao Concello un máximo de tres fotos onde obrigatoriamente unha delas debe estar tomada desde a vía pública.

As imaxes poderán mandarse vía whatssap ao 616 332 919 indicando o nome, o enderezo e a categoría, ou ben remitirse ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo remata ás 14.00h. do día 20 de decembro.

Share.