Humor e buratos de verme na “Próxima estación, San Sadurniño” de Ángeles Huerta

0

Nova estrea do proxecto Chanfaina Lab en youtube. Desta vez é a realizadora Ángeles Huerta quen se pón diante da cámara -si, si, diante, non detrás- para contar unha historia que ten moito de vivencia propia, moito de humor e moito de xogo co tempo… ou, mellor dito, cun universo paralelo. E non se pode contar máis sen destripar unha historia na que a directora asturiana -e galega de adopción- se rodea de xente con tanto prestixio como Sandra Sánchez -fotografía e montaxe- e o produtor Antón Núñez. E, canda este triunvirato, as incansables Carmen Couce e Carmen Bouza, a nena de Bardaos Sara Ferreira e os seus pais, Manuel Ferreira -máis coñecido como Rega- e Iria Méndez, que botaron unha man co son. Pasen e vexan, pero antes lean a interesante crítica que hai en Fálame escrita polo académico Manolo González. 

Aínda que nacida en Xixón, Ángeles Huerta leva 15 anos residindo en Galicia. Doutora en Literatura comparada, estudou cinema na Met Film School de Londres. Alí rodou a curtametraxe “The Fetch”, que percorreu con éxito varios festivais nacionais e internacionais, entre eles o de Cannes. No 2015 comezou a produción da longametraxe “Esquece Monelos” un documental de creación sobre a memoria, a perda e os segredos que inutilmente intentamos manter con nós mesmos. A peza gañou tres premios Mestres Mateo (2017) e ven de gañar a mención especial do xurado no prestixioso “DocumentaMadrid”. Actualmente está a traballar na segunda longametraxe, “O corpo aberto”, un western gótico sobre a fraxilidade das nosas identidades. Tamén é co-guionista de “A nadadora”, a nova película de Sandra Sánchez.

Por ser asturiana resulta case natural que Ángeles Huerta procurase a inspiración na ligazón ferroviaria que comunicou tradicionalmente as terras de Galicia e Asturias, o vello tren de FEVE: “Cando recibín a invitación para participar na Chanfainalab, busquei algo que tivera que ver comigo a un nivel íntimo. Ao descubrir que practicamente todo o territorio de San Sadurniño estaba atravesado pola mítica liña de FEVE Ferrol-Xixón, tiven claro que eu tiña que estar dentro da pantalla. Sen embargo, confeso que estar diante da cámara é algo que me atrae e me repele a partes iguais, así que aquí a axuda dos meus cómplices foi fundamental. Sandra Sánchez foi a montadora da miña primeira longa, “Esquece Monelos”, e Antón Núñez foi o co-guionista. Eu invitara a ambos a botar unha man na III Chanfaina Lab, e os dous me empuxaron alegremente a protagonizar a peza. Cómpre dicir que facer a longa fora unha viaxe moi intensa para os tres, e supoño que “Próxima estación, San Sadurniño” foi unha especie de terapia da risa logo dese esforzo. Polo demáis, dicir que a rodaxe foi laboriosa pero moi divertida, e que desfrutamos moitísimo da maneira na que a veciñanza (e o propio persoal da FEVE, aínda que na montaxe final non apareza) participou e axudou na gravación. Un dos reloxos é meu e os outros dous da filla de Sandra Sánchez. Ningún deles foi realmente maltratado durante a rodaxe desta curta.”

“Próxima estación, San Sadurniño” é unha invitación á gargallada provocada polo humor absurdo e retranqueiro que sae a cachón polos límites do encadre. Gravada nunha única localización e fotografada pola tamén cineasta Sandra Sánchez (participante na 2º Chanfainalab), conta coa actuación estelar de coñecidas veciñas de Lamas, encantadas por participar nesta peza tan arroutada e divertida.
O filme xa fora definido o día da estrea polo creativo maxín da cineasta como “”a primeira curta cuántica do cinema galego”. E de seguro que o mesmo Albert Einstein a miraría con interés, xa que o @ espectador/a ten que agudizar os sentidos ata toparlle o punto ao universo paralelo que semella agromar na estación F.C. de San Sadurniño: “Como peza cómica que é, espero que o espectador ría cando vexa esta curta. Tamén espero de corazón que os actores profesionais me perdoen polo meu atrevemento de me poñer diante da cámara. E por suposto, encantaríame que Sara chegue a saber algún día quen é Francisco Franco.”
Así pois, nesta ocasión a Chanfainalab invítavos a un prato divertido, creativo e saboroso, aderezado con mimo e imaxinación por unha singular cineasta que nos transporta nunha viaxe a través do “buraco de verme”, cara un espazo-tempo alternativo. Ao fin e ao cabo, un dos lemas de “Fálame de San Sadurniño” sempre foi “Un universo por descubrir” e algo do espírito dese universo especial está moi presente nas imaxes de “Próxima estación”.

Share.