Hoxe á tarde podes doar sangue en San Sadurniño

0

As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS) non paran nunca, nin sequera polo Nadal. E é que cada día a rede hospitalaria galega precisa entre 400 e 500 doazóns para manter a súa actividade e, por esta razón, tanto a axencia como o Concello apelan á solidariedade da veciñanza para que cun pequeno xesto rápido e indoloro se contribúa a salvar moitas vidas.  O bus da ADOS volve por San Sadurniño hoxe xoves, 29 de decembro. Permanecerá estacionado na praza do antigo Concello das 16 ás 21:00h.

Poden doar sangue as persoas sás cun peso superior aos 50 quilos con idades comprendidas entre os 18 e 65 anos (a partir desa idade tamén, pero con permiso médico) e, posto que as extraccións en San Sadurniño van ser pola tarde, débese ter en conta que cómpre agardar alomenos 2 horas despois de xantar. Tamén hai que levar tarxeta de doazón -se se ten-, o DNI ou calquera documento acreditativo da identidade e informar ao persoal da unidade móbil sobre calquera medicamento que se estea tomando.

As mulleres poden doar 3 veces no ano e os homes 4, deixando pasar entre cada vez un mínimo de dous meses. Ademais hai que ter presentes outras excepcións:

  • Non se pode doar ata dous anos despois de curar unha tuberculose
  • Débense agardar polo menos 6 meses tralo parto (as lactantes tampouco poden doar)
  • Cómpre esperar tamén 6 meses se se tivo contacto con doentes ou portadores da hepatite ou VIH ou se se padeceu toxoplasmose, mononucleose ou se se está recibindo tratamento para curar unha anemia.
  • Quen fixese unha tatuaxe ou un “piercing” e quen se operase e recibise sangue na intervención terá que agardar 4 meses antes de doar.
  • A espera antes de doar terá que ser de 15 días se se tivo febre ou gripe, de 7 días despois dunha cirurxía menor con anestesia local,  3 días se se foi quitar un dente e de 24 horas tras unha limpeza dental.
  • Non poden doar en ningún caso persoas que padecesen ou padezan enfermidades transmisibles polo sangue, quen teña unha doenza crónica -diabete, problemas cardíacos, renais, etc.-, quen padeza cancro nin tampouco quen teña historial familiar da enfermidade de Creutzfeld-Jakob (coñecida comunmente coma o mal das vacas tolas). Tampouco poderán doar as persoas que recibisen un implante de córnea, esclerótica, duramáter humana ou bovina.

En calquera caso, quen teña dúbidas sobre a extracción pode informarse no propio autobús que estacionará na praza do antigo Concello durante toda a tarde e o serán deste xoves, ou ben contactar co 900 100 828. Tamén se pode obter máis información na web da ADOS.

Share.